Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A asociación Dorna traballa na creación dunha Mariña Tradicional no peirao da Illa

A Escola de Vela estuda un proxecto para a ubicación de pantaláns nos que amarrar gran parte da súa flota e que sirva de atractivo turístico para o municipio

O "Rei do Mar" é un galeón que recuperaron na Escola de Vela Tradicional. // Noé Parga

Conseguido o obxectivo de manter vivo o patrimonio etnográfico tradicional, entidades como a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), reconvertida a día de hoxe en Culturmar, xa están traballando en dar o seguinte impulso á recuperación de toda esa herdanza que é a de acondicionar determinados espacios nos peiraos a xeito de museos vivos habilitados especificamente para estas embarcacións a fin de facilitar o seu uso social, cultural e turístico.

Ese camiño acaba de collelo a Escola de Vela Tradicional da asociación cultural Dorna da Illa e integrante da FGCMF, cuxos membros están traballando na creación nese municipio dunha Mariña Tradicional na que só se amarren barcos cun alto valor simbólico. Para iso contan coa colaboración dos outros tres colectivos do municipio que se adican á recuperación dese legado: Komaira, Fasquía e Calmoseira.

Ese proxecto incluirá unha zona de amarre para tres galeóns, dúas dornas de tope, unha xeiteira e dez ou doce dornas. Agora a decisión atópase en cal será o lugar máis adecuado para ubicar todas estas embarcacións e unha serie de paneis explicativos nos que se dean datos dos diferentes barcos que se atopan amarrados nese entorno, como pode ser a súa historia ou a súa tipoloxía característica.

Dúas son esas posibles ubicacións. A primeira delas sería o peirao do Xufre, onde se focaliza toda a actividade mariñeira. Para levar adiante este proxecto é necesario que se desenvolvan as actuacións que, no seu día, anunciaron a Consellería do Mar e Portos de Galicia para este entorno, é dicir, que se constrúan pantaláns de bateeiros na punto do Aguiuncho e que se trasladen as lanchas da terceira lista á zona interior do peirao, deixando libre o espazo que ocupan na actualidade no Cantiño.

Nese último punto, onde se chegou a prantexar a instalación dun peirao deportivo, sería onde se podería ubicar a Mariña Tradicional que prantexan desde A Illa, sobre todo porque se trata dunha contorna á que teñen fácil acceso os turistas que visitan A Illa e onde se desenvolven durante o verán eventos gastronómicos que atraen a miles de visitantes, aos que lles sería moi sinxelo achegarse ata as embarcacións tradicionais.

Esa posibilidade necesita da implicación de Portos de Galicia, ao que se lle presentará o proxecto unha vez se atope rematado, previsiblemente, neste mes de abril.

A segunda das opcións sería ubicar a Mariña Tradicional no entorno do peirao do Naval, unha contorna que tamén ten as súas vantaxas, xa que nese lugar tránsito de outras embarcacións como bateeiros ou lanchas da terceira lista é moito menor.

Sen embargo, ese peirao xa non é competencia de Portos de Galicia, senón que pertence a Costas do Estado, a outra entidade administrativa á que se lle presentará o documento no que se está a traballar desde Dorna.

De calquera xeito, contar con esta Mariña Tradicional suporía un verdadeiro pulo para a preservación do patrimonio etnográfico marítimo da Illa de Arousa, pois os barcos terían uns pantaláns adecuados con servizos que garantizarían o seu mantemento, e durante o inverno, convertiríanse en un foco de atracción turística importante.

É máis, a intención neste caso e ofrecer a posibilidade de visitas guiadas ás embarcacións, e en tempos de bonanza meteorolóxica, incluso poder navegar nelas.

Salvador Allo, presidente de Dorna, suliña que este tipo de Mariñas Tradicionais que están a ser impulsadas desde Culturmar e que se queren desenvolver en varios portos de Galicia poden convertirse "en lugares onde a xente poida coñecer en profundidade o rico patrimonio marítimo do que dispomos en Galicia".

Ademáis, Allo lembra que o proxecto da Illa é o máis ambicioso de todos, pois este Concello, e sobre todo a asociación, conta cun patrimonio en embarcacións espectacular grazas á Escola de Navegación Tradicional, que se adicou non só a formar novos patróns, senón a recuperar barcos que ían camiño do desguace e que hoxe forman parte dunha flota que custou recuperar con moito esforzo.

Na actualidade só existen pantaláns adecuados para embarcacións tradicionais nos peiraos de Combarro (Poio) e Bouzas (Vigo), ningún deles na ría de Arousa, onde se concentran a maior parte das embarcacións rehabilitados ou construidas según a tipoloxía tradicional. Estes espacios, considera Culturmar, son moi importantes para dotar de servizos específicos a unha flota, de madeira e con velame, que require unhas grandes labouras de mantemento, sobre todo, os de maior porte, como son os galeóns.

Ademais da Illa, na ría de Arousa tamén está traballando na consecución dunha Mariña Tradicional a asociación A Dorna Meca do Grove e outras esparexidas por Pontevedra e Vigo.

Compartir el artículo

stats