O IES A Basella de Vilanova de Arousa conseguiu dous dos premios que se incluían dentro do XXII Certame Gráfico pola Normalización Lingüística- Concurso de autocolantes do curso 2015-2016. Este certame está organizado pola Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de secundaria do Salnés e desenvolveuse baixo o lema "O galego regresa ao futuro: outros 100 anos máis pola lingua".

Os dous premios do IES A Basella foron na categoría Bacharelato ou ciclos formativos, onde Noelia Feijóo Doeste e Ruth Vidal Suárez conseguiron os dous premios do certame cos lemas "Ábrete ao galego. Agora e sempre" e "Percorremos unha eternidade xuntos" respectivamente.

Na categoría 1º ciclo ESO, a gañadora foi Ana Gómez Maneiro, do IES Castro Alobre de Vilagarcía, co lema Leva o galego cara o futuro", mentres que o segundo posto foi para Juan Carlos Pintos Camiña, do IES Vilalonga, que elixiu como lema "Que o galego te acompañe".

En 2º ciclo de ESO, a gañadora foi Mariña García Ponte, do instituto Ramón Cabanillas de Cambados, coa frase "Un gran paso para o galego", mentres que a segunda praza ocupouna Jonathan Nogueira Aragunde, co lema (Galerama".

Todos estos premios consistirán na edición asinada do adhesivo e un diploma acreditativo.

Co gallo da celebración no ano 2016 do centenario da fundación das Irmandades da fala, o alumnado que participou neste certame fixo unha proxección cara o futuro do traballo pola promoción do idioma galego, actualizando as formas de reivindicación lingüística e empregando a iconografía futurista coa que as novas xeracións están familiarizadas.

Neste evento participaron doce dos trece centros de secundaria que existen na comarca do Salnés, presentando todos eles un considerable número de traballos.