12 de mayo de 2010
12.05.2010
INTERNET

Un pobo resumido en internet

Veciños de Meis manteñen un blog no que se dan a man a actualidade política e a historia local

12.05.2010 | 15:49
Celso Milleiro, Pilar Xiráldez e Sandra Carballa son tres dos integrantes do blog de Meis. // J.L.Oubiña

Media ducia de persoas fan posible día a día o portal "meis.blogaliza.org". Unha páxina na que se repasa a actualidade municipal de Meis dende unha óptica próxima ó nacionalismo de esquerdas. Pero ademais, este blog estase convertendo nunha biblioteca na que é posible atopar reunidos un bo número de artigos sobre a historia local e a vida dalgúns dos veciños de Meis. Entre estos traballos figuran un sobre as estadías de Castelao no municipio; sobre a feira do gando do Mosteiro; sobre as sociedades agrarias do século XX; ou sobre a lenda do Santo Ero.

Nos últimos anos, a internet afianzouse como un poderoso sistema de comunicación social. As páxinas web, os blogs, as redes sociais tipo Facebook... son xa vitais para o traballo de moitas empresas e asociacións, e mesmo no mundo da política dá a impresión a veces de que as eleccións se deciden na rede.

Parello a este movemento, nalgúns concellos agromaron nos últimos tempos proxectos de páxinas web ou blogs creados por veciños nos que se repasa a actualidade dos concellos, e se recordan algúns dos episodios ou dos personaxes máis importantes da historia dunha localidade. Hai portais deste tipo en O Grove ou Cambados –nesta vila o pioneiro foi o "Cambados Tk" creado por Óscar Pardo Planas, que neste 2010 cumpriu os seus cinco primeiros anos de vida– e tamén Meis conta cun deles dende marzo de 2007. Un dos impulsores desta iniciativa é Celso Milleiro. Conta que na actualidade traballan de xeito máis ou menos habitual en "meis.blogaliza.org" media ducia de persoas de entre 30 e 40 anos, pero que tamén contan co apoio dun bo número de colaboradores externos que de cando en vez mandan algún traballo para publicar.

Á parte da páxina web oficial do Concello, este é o único blog de carácter xeneralista que se renova con frecuencia en Meis –hai outras páxinas específicas, como as do Dolorock, a do mosteiro da Armenteira ou a da Semana Santa de Paradela– e consta de dúas temáticas principais: a análise crítica da actualidade municipal, e o repaso á historia local.

Celso Milleiro explica que "a páxina naceu como un punto de información para a xente de Meis e para sacar á luz cuestións históricas e biografías". Admite tamén que o blog ten unha visión moi crítica da xestión do equipo de goberno do Partido Popular, pois entenden que "en Meis semella que a xente cando vai ver ó alcalde aínda ten a idea de que vai pedir un favor". Milleiro opina tamén que "moita xente en Meis aínda ten medo a falar abertamente de certos temas". Neste blog existe a posibilidade de deixar algún comentario ou opinión, e Celso Milleiro conta que os temas relacionados coa política municipal adoitan ser os que máis diversidade de opinións xeneran. Nese sentido, lembra que os artigos sobre os salarios do alcalde e os concellais foran no seu día un auténtico éxito de participación.

Con todo, algunha xente aproveita o anonimato dos foros para verquer insultos ou descalificacións persoais. Algo así tamén lle pasou a Óscar Pardo co "Cambados Tk" e á fin optou por pechar o foro. Milleiro explica que no caso de Meis "non chegamos a pechar o foro, pero si que nos vimos obrigados algunhas veces a eliminar mensaxes". A maioría dos que traballan máis a cotío no blog son persoas de ideoloxía próxima ó Bloque Nacionalista Galego, pero afirman estar abertos ás colaboracións das demais formacións políticas do concello.

Historia e biografías
Outra parte fundamental do espazo é o repaso de momentos históricos vinculados a Meis ou as biografías dalgúns dos seus veciños máis salientables. Entre os personaxes reseñados na páxina están José Arribas, o único alcalde de esquerdas que tivo Meis; Manuel Barros Chantada, "O Rancheiro", un republicano que durante a guerra conseguiu evitar a morte inventándose unha identidade falsa; Manuel Pesqueira, un dos grandes pintores galegos do século XX; ou Robustiano Fernández Cochón, autor das escalinatas do santuario de Amil e defensor do estadio de Pasarón.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia