28 de marzo de 2010
28.03.2010

Vilaxoán volve mirar ao mar

Unha mostra recolle 36 maquetas de embarcacións tradicionais arousanas

28.03.2010 | 01:26
Os autores da obra confirman que esta implica moita maña. //

Vilaxoán pode presumir de ser unha das zonas de Vilagarcía cun cuño de identidade propio e inigualable. O centro sociocultural do lugar acolle dende hoxe mesmo e ata finais do mes de maio unha mostra de embarcacións tradicionais promovida por varios veciños do lugar e apadriñada pola Concellería de Cultura de Xosé Castro Ratón. As maquetas, confeccionadas todas elas por tres pares de mans expertas, son unha invitación directa a entrar na cultura marítima vilaxoanesa, riqueza patrimonial inigualable dentro do territorio arousán.

Dúas horas de traballo e unha maña especial para saber acuñar nun anaco de madeira a riqueza do patrimonio marítimo. Esas son as dúas claves que Roque Jueguen, José Luis Ordás e José Luis Parada utilizaron para sacar adiante unha exposición de 36 pezas que falan por sí soas.Galeóns, dornas e gamelas expóñense ata finais do mes de maio no centro sociocultural de Vilaxoán. Fano gracias ao agarimo da asociación de veciños que sempre os impulsou para que a súa arte fose dada a coñecer ao mundo.
A exposición inaugurada onte ten un corte moi distinto ao doutras mostras do mesmo sector coma Modelama. Esta ten voz propia, con autores da propia terra e con réplicas na súa maioría tomadas da vida real. E é que onte os propios autores reseñaban que dende moi novos Vilaxoán viviu do mar, cara o mar e para o mar e que por iso a mostra simboliza unha expresión da vida diaria de todos os veciños da zona.
O edil de Cultura, Xosé Castro Ratón, destacou que a de agora é unha oportunidade única de ver reunidas nun mesmo espacio todas estas pezas particulares dado que, en principio, a mostra non será itinerante e, polo tanto, non recalará en outro edificio municipal nos vindeiros meses.
Os autores de todas as pezas de arte explicaban que a confección de cada unha da maquetas é moi laboriosa e que, na súa maioría, o material utilizado é madeira de ameneiro ademais de corda, tea e algún elemento metálico. Segundo eles mesmos sinalaron onte, algunas están realizadas coa mesmas cuadernas que se utilizan na carpintería de ribeira.
Inda así, e pese a que case todas as embarcacións teñen a súa parella a tamaño real,outras moitos saíron da cabeza do propio artista, do seu imaxinario.
Con esta nova iniciativa cultural Vilaxoán mostra a riqueza patrimonial e marítima que posúe e que se concretiza tamén en asociacións desta índole que operan dende hai anos neste enclave arousano. De feito, o seu apego identitario é o que os fixo presentarse hai case dous anos á candidatura para convertirse na sede para o Encontro de Embarcacións Tradicionais, unha distinción que ao final foi caer a Muros. Pero eles seguen aí, loitando paso a paso pola cultura marítima e deixando pezas únicas e inigualables como as que estes días se poden ver no centor sociocultural vilaxoanés.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia