14 de octubre de 2009
14.10.2009

Un ilustre, pendente de homenaxe

Aprazan a reedición de libros de Caamaño Bournacell ata que remate o Ano Cabanillas

14.10.2009 | 00:28
José Caamaño Bournacell.

O Concello de Cambados admitiu onte que non poderá cumprir coa previsión de reeditar este ano os libros de José Caamaño Bournacell –o Cronista Oficial da localidade, nacido hai agora cen anos– debido a que o Ano Cabanillas xa está supoñendo un importante esforzo humano e económico. Esto deixa pendente a homenaxe a un historiador prolífico, que se interesou polo pasado da aristocracia cambadesa e por autores consagrados como Valle Inclán.

O Concello de Cambados non ten previsto polo de agora organizar ningún acto de homenaxe a José Caamaño Bournacell, que foi o Cronista Oficial desta localidade e que naceu en 1909, hai agora cen anos.
Na primavera pasada o Concello anunciara a súa intención de reeditar algunhas das obras deste historiador vocacional, que se gañou a vida como inspector de Policía e como correspondente de diferentes xornais, entre eles o Faro de Vigo.
A previsión era a de sacar á luz estos libros durante o verán, pero transcurridos os meses, o alcalde, Luis Aragunde, explicou onte que este asunto está temporalmente aparcado, ata que remate a marexada de actos do Ano Cabanillas.
A reedición destos libros fora anunciada precisamente coa intención de devolver á actualidade a figura de Caamaño Bournacell no centenario do seu nacemento. Pero dado que os actos centrais do Ano Cabanillas non rematarán ata mediados de novembro, é que aínda non foron seleccionados os libros de Caamaño que se van reeditar, é de todo seguro que estas obras xa non verán a luz ata os primeiros meses de 2010.
José Caamaño Bournacell foi un dos escritores que asentou os alicerces e máis divulgou a historia local de Cambados, xunto a Joaquín Sánchez Peña, que deixou unha obra manuscrita que está sendo recompilada por Jacobo Domínguez, un xove historiador cambadés actual.
Máis de dez libros
Caamaño Bournacell nace en Cambados en 1909 no seo dunha familia de clase media. O seu pai fora secretario do Concello e o seu irmán Antonio, algo máis vello, xa escribía para os grandes xornais daquel tempo, como El Heraldo Gallego, de Buenos Aires, Galicia Nueva, de Vilagarcía, ou Faro de Vigo.
O que co tempo sería nomeado Cronista Oficial de Cambados traballou como inspector de Policía e ós 39 anos, en 1948, gañou uns Xogos Florais na Coruña por un traballo titulado "El periodismo gallego en relación con el periodismo español".
En 1953 gañou o Pérez Lugín por un estudio titulado "Ficción y realidad en la Casa de la Troya", que por aquel entón era unha das novelas máis famosas de toda a literatura española.
José Caamaño Bournacell foi un escritor moi prolífico, con máis dunha decena de libros publicados.
Entre os seus títulos están "Cambados a la luz de la historia" (1933); "Notas para un estudio de doña María de Ulloa, madre del arzobispo don Alonso de Fonseca III" (1950); "Señores de la casa de Bazán" (1953); "Don Francisco de Valladares, segundo vizconde de Fefiñanes"; "Cambados y el valle del Salnés" (1957); "El Grove, su historia" (1964); ou "Estampas de Cambados".
Tamén pronunciou conferencias, como unha sobre os galegos en Filipinas, que deu en Madrid, e escribiu sobre escritores como Rosalía de Castro ou Ramón María del Valle Inclán.
Caamaño formou parte da Real Academia Galega e da Real Academia da Historia. Finou en Madrid o 15 de xullo de 1975.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine