O pasado sábado na Praia da Canteira, ou do Bao, onde esta a Escola de Navegación Tradicional da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, puidemos vivir unha das regatas máis emocionantes da tempada e de moitas tempadas, pois gañou o que primeiro saíu, pero as alternancias na cabeza da proba foron a constante, e a emoción mantívose ata o último momento.

Trinta e Seis dornas da Illa, Vilanova, Cangas, Cambados e o Grove, con tripulantes de toda Galicia, fixeron a espectacular saída desde a mallante, cos aparellos en man. Non puideron chegar as dornas de Riveira, que quedaron "atrapadas" na calma que cubría a ría de Arousa.

Cando as dornas aparellaron e escomezaron a tratar de andar, atoparónse cun mar en calma que xa fixo da estratexia o factor principal, as manchas de vento viñan e esvaecíanse deixando as embarcacións que as buscaban abandonadas á súa sorte.

Ainda así os participantes foron saíndo, para pasar pola primeira boia a "Bazarra" patroneada por Juan L. Iglesias "Pardavila" acompañado para a ocasión por X. Camba, detrás de él o pelotón de favoritos. O percorrido era de dúas voltas, saída rumbo norte á boia (antes das bateas), cruzar a Ponte, rumbo a Cambados para ir dar a volta á batea de supervisión que está díante da praia do Bao (Sur), volta a pasar a Ponte (cara o norte) hasta diante da Escola e outra volta máis, con meta a "varar" na praia da Canteira.

Como dicía, nada máis pasar pola primeira boia, parecía que todo estaba xa casi decidido, serían os favoritos os que se sortearan os 5 primeiros postos. Mantiveronse as cousas na travesía de ida desde a boia á ponte, unha cómoda empopada, favorecida por unha leve brisa que se estabilizou alternando con leves refachos de norte.

Da Ponte á batea, algúns escarceos que alteraron a orde dos primeiros: Jalerna mandando con autoridade, Bazarra, Xarandeira... E a cruzar de volta a Ponte para ir cara a boia de diante da Escola (praia da Canteira).

Pero aí agardaba a sorpresa, unha fortísima correntada propiciada pola provablemente marea mais "viva" do ano con dirección norte-sur, impedía que as dornas puideran cruzar a Ponte con comodidade a esto xuntábase que polo mesmo paso ainda viñan os rezagados que se liaran na calma da saída.

Logaron pasar primeiro logo de varios intentos: Xarandeira, Maristela e Jalerna, logo Bazarra e Cariñosa, que asomaba. A Maristela pasoulle o peor pois ao tratar de evitar a unha das dornas que ainda ían, a correntada botounos irremediablemente para atrás contra un pilar da ponte e penalizou ao ter que palmearse, mala sorte, quedaron atrapados entre o mar e o piso da Ponte, polo pau, perdeu todas as opcións, pois os galgos xa non perdoaron.

Fóronse dereitos á segunda volta: Xarandeira, Jalerna, Cariñosa e Bazarra, logo da Ponte a batea, descolgouse a Bazarra e tamén a Pereka que non deixaba de estar sempre aí.

A cousa era de tres: Xarandeira, claramente e detrás Jalerna e Cariñosa, peleando, o resto detrás. Faltaba o ultimo rumbo da batea á Ponte e cruzar para norte, os tres "escapados" marcábanse calculando en como encarar o paso da ponte, Xarandeira diante os outros pelexando por ter barlovento, achegouse á Ponte a Xarandeira e o mesmo tempo, de detrás do sol, apareceron pegadas a ponte tres figuras, as descolgadas: Bazarra, Forza R e Pereka, con unha velocidade moi boa e moito barlovento, con respecto aos tres primeiros, a sorpresa foi maiúscula, a trazada perfecta, Bazarra, Forza R e Pereka acometeron a correntada coa vantaxe da forza e o rumbo que traían e pasaron a Ponte sen maior apuro, no medio colouse a Xarandeira, os outros que non daban creto, detrás. Aí rematou todo, hasta a meta non houbo xa tempo nin emoción, Bazarra marcou a Forza R que nada puido facer, e detrás entrou a Xarandeira, apretada pola Pereka. A Jalerna, sempre adiante foi quinta. O valor engadido foi o triunfo de dous veteranos, a "Bazarra" de Juan L. Iglesias Pardavila "Larri" acompañado na ocasión por Xabier Camba e o segundo a "Forza R" co seu patrón de sempre Juan M. García "Parada" ao que lle faltou Alberto. Moita alegría na Escola, pois dous dos seus mais queridos e apreciados patróns gañaban na casa, no Bao. Parabéns aos dous que día tras día se adican a ensinar a navegar os novatos e o sábado ainda tiveron tempo para gañar dun xeito tan espectacular, de mestres.

Fernando Piñeiro é ex presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.