A Deputación de Pontevedra abreu un prazo de 15 días naturais, a contar dende o vindeiro luns, para contratar a concesión da xestión indirecta do servizo de tratamento de residuos industriais non perigosos na Plataforma Loxística Inversa do polígono industrial de Sete Pías, en Cambados. As propostas para concurrir ó devandito contrato deben presentarse na sede do Instituto para a promoción e equipamento de solo industrial de Pontevedra (IPESPO) na propia Deputación Provincial.

O prezo do contrato será a retribución económica que o contratista perciba como consecuencia de prestar o servizo ós usuarios e recicladores finais. Na primeira anualidade, según o anteproxecto de explotación, ascende á cantidade de 651.919 euros.

O proceso da contratación da xestión de servizos da Plataforma Loxística de Cambados deriva dun convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Cambados polo que o concello fixo unha encomenda de xestión ó IPESPO -por cinco anos a partir da finalización da obra da Plataforma- para que éste asumise as actividades precisas para garantir a correcta implantación do servizo. Como consecuencia diso, o organismo provincial afronta agora, mediante este contrato de xestión de servizos, o proceso de selección do futuro contratista do dereito de explotación da actividade.

As operacións de xestión que se realizarán na Plataforma para cada corrente de residuos, serán as seguintes: acopio de grandes e pequenos aparatos eléctricos e electrónicos, e pretatamento e clasificación de papel e cartón, plásticos, residuos metálicos e vidrio. Todos eles, non perigosos. A Plataforma tén unha capacidade de tratamento anual de 10.000 unidades de aparatos eléctricos e de 9.000 toneladas do resto das materias.

A Plataforma solucionará o problema das empresas para levar a cabo a correcta xestión dos seus residuos pois, ata agora, carecían de infraestructuras axeitadas para a reciclaxe. Dos residuos industriais que se xeneran en Galicia, só reciben algún tratamento o 38%.

A Deputación prevé que a Plataforma Loxística Inversa de Cambados terá un impacto positivo no mercado de traballo e disminuirá o desemprego (sobre todo femenino) pois creará postos de traballo en actividades ligadas ó sector de loxística e transporte, á propia Plataforma e, ademáis, potenciará novas inversións mediante o efecto multiplicador e de atracción de novas empresas. Será tamén unha oportunidade como novo mercado para operadores de transporte, almacenaxe e distribución. A construcción da Planta deriva dun proxecto transfronteirizo presentado pola Deputación ó Interreg-III-A.