Xa queda pouco. A compañía Teatro Caracol ultima estos días os ensaios para o estreo do seu espectáculo deste ano, “A Bruxa do Oeste”.Un total de 32 actores -dos trece anos en diante- subiranse ó escenario para dar vida á adaptación dun exitoso musical de Brodway, que é á súa vez unha versión da novela “Wicked. A verdadeira historia dunha bruxa mala”, do estadounidense Gregory Maguire.

A directora de Caracol e responsable da adaptación, Olga González, explica que “A Bruxa do Oeste” é unha obra sobre o enganosas que poden resultar a miúdo as apariencias e sobre as manipulacións do poder. E é que a Bruxa do Oeste é unha das personaxes centrais do Mago de Oz, e nesa obra ten connotacións negativas.

Sen embargo, no seu libro Maguire plantexa que en realidade a bruxa era unha boa persoa, pero que quedou “estigmatizada” ó intentar opoñerse á tiranía do Mago de Oz. Por iso, neste próximo espectáculo de Teatro Caracol, o público poderá coñecer o pasado e o por que de varias das personaxes desta mítica historia, como a propia Bruxa do Oeste -chamada Elphaba-, o Home de Folla de Lata ou o Espantapaxaros.

O estreo da obra para o público infantil é o vindeiro luns, 20 de abril. Alomenos 16 centros escolares da comarca do Salnés pasarán durante dúas semanas polo auditorio do instituto Francisco Asorey de Cambados para disfrutar co espectáculo de Caracol.

Pero como vén sendo habitual nos últimos anos tamén haberá catro pases abertos ó público en xeral. Son o domingo 26 de abril e o luns, 1 de maio -que é festivo- e en ambas ocasións as representacións serán ás 18 e ás 20.30 horas, tamén no Asorey.

As persoas interesadas xa poden adquirir as entradas nos comercios Sansatur, Chinelas e Tinturería Clareo. Unha das particularidades da obra deste ano é que os actores precisan un inxente número de traxes. Olga González explica que o vestiario é tan abundante que os integrantes de Caracol no terían dado abasto de non ser porque este ano contan coa axuda desinteresada dunha ducia de persoas de Cambados que se ofreceron a botar unha man coas costuras.

Teatro Caracol é unha compañía afeccionada, pero cuns espectáculos que pouco lle teñen que envexar ós de moitas profesionais, e a súa marca da casa son os musicais con coidadas coreografías e uns diálogos rebosantes de humor.