Pontevedra
Cascas de piñeiro na honra de Alexandre Bóveda: «Un acto de amor e reivindicación»
Pontevedra e Poio acollen varios actos nos que se lembrou a figura do galeguista
«Ese piñeiro foi a última testemuña da súa firmeza», afirmou a súa filla ante o cadro de Castelao no Museo

Rafa Vázquez
A memoria material dun dos episodios máis tráxicos da historia recente de Galicia quedou este 17 de agosto fronte a fronte coa súa representación artística. Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, depositou ante o cadro «A derradeira leición do mestre», de Castelao, no Museo de Pontevedra, cascas do piñeiro da Caeira vencellado ao lugar no que o seu pai foi fusilado polos sublevados en 1936.
O xesto formou parte dos actos do Día da Galiza Mártir converténdose nunha das imaxes máis cargadas de simbolismo da xornada.
«Reivindicamos a dor da nosa historia transformada en dignidade. A memoria dunha Galiza á que quixeron cortar a voz, pero á que nunca puideron silenciar a alma», afirmou Amalia Bóveda ao comezo da súa intervención.
Nas súas mans levaba un obxecto «profundamente íntimo» e, ao mesmo tempo, patrimonio da memoria colectiva: anacos da cortiza do piñeiro da Caeira. «Contra el, nun atardecer de agosto de 1936, o fascismo intentou apagar os nosos anhelos dun país asasinando a Alexandre Bóveda», sinalou. «Ese piñeiro foi a última testemuña da súa firmeza. E aparou o seu último alento e recolleu o sangue dun cidadán que soñou para nós un futuro de xustiza, cultura e liberdade».
Bóveda foi fusilado o 17 de agosto de 1936 na Caeira, en Poio, poucas semanas despois do golpe militar contra a República. A súa figura acabaría converténdose nun dos grandes símbolos da represión exercida sobre o galeguismo e, precisamente na data do seu asasinato, Galicia conmemora cada ano o Día da Galiza Mártir.
A súa filla explicou que a cortiza daquela árbore, recollida pola viúva de Bóveda, Amalia Álvarez, gardou «en silencio» a pegada da inxustiza, pero tamén a forza duns valores que os verdugos pretenderon erradicar. A colocación das cascas diante da obra de Castelao permitiu, nas súas palabras, «pechar un círculo cargado de significado».

As cortizas ante a obra «A derradeira leición do mestre». / Rafa Vázquez
«Ese piñeiro foi a última testemuña da súa firmeza. E aparou o seu último alento e recolleu o sangue dun cidadán que soñou para nós un futuro de xustiza, cultura e liberdade»
O diálogo simbólico entre a cortiza da Caeira e «A derradeira leición do mestre» centrou boa parte da intervención de Amalia Bóveda, que evocou a capacidade de Castelao para trasladar á arte o sufrimento dunha xeración perseguida pola súa defensa da democracia, da cultura e da identidade galega.
«Castelao debuxou coa alma o que estas cascas gardan na materia: o sacrificio pola nosa identidade e a lección da dignidade que, aínda na escuridade, segue alumeando o camiño», afirmou.
A filla do galeguista quixo deixar claro que o acto non pretendía alimentar o resentimento polo sucedido hai noventa anos. «Depositamos esta mostra da nosa historia non como un tributo ao rancor, senón como un acto de amor, reparación, esperanza e reivindicación», asegurou emocionada.
O desexo, explicou, é que quen contemple ambas as dúas pezas saiba «que de cada ferida naceu a necesidade dunha nova responsabilidade e da loita por manter viva a memoria e defender a terra pola que os mártires deron todo».
«Polo meu pai, por Castelao, por todas as mestras e mestres e por Galiza, que seguen a aprender e a espallar a súa lección máis profunda», concluíu.
No acto tamén interviron os representantes das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, Miguel Anxo Seixas Seoane e David Otero, así como o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. Asistiron membros da corporación municipal, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Amalia Bóveda bica os restos de piñeiro ante os que asasinaron a seu pai. / FDV
Reivindicación política
Seixas Seoane, que foi o primeiro en falar, reivindicou a irmandade política e persoal entre Castelao e Alexandre Bóveda, unidos no Partido Galeguista e na defensa do autogoberno, da democracia e da liberdade de Galicia.
Lembrou o papel decisivo de ambos na conquista do Estatuto de Autonomía de 1936 e denunciou a violencia coa que o golpe militar tentou destruír aquel avance colectivo. Destacou especialmente a valentía de Bóveda, convertido nunha «figura inmortal», e subliñou que Castelao contribuíu decisivamente a perpetuar a súa memoria, facéndoo símbolo universal da liberdade, da tolerancia e da dignidade do pobo galego para sempre.
Pola súa banda, David Otero reclamou á Xunta de Galicia e ao conxunto das institucións galegas que o 17 de agosto sexa declarado oficialmente Día Nacional dos Mártires Galegos. Otero defendeu a necesidade de «superar os silencios e avanzar na reparación, na xustiza e no recoñecemento institucional das vítimas da represión franquista». Reivindicou a memoria de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas como parte esencial da construción democrática de Galicia. Para o presidente da Fundación, esa declaración contribuiría a fortalecer a convivencia, a liberdade e «unha memoria colectiva asentada na verdade, na dignidade e na reparación».
Pechou o acto no Museo provincial o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, que defendeu a súa presenza no acto de homenaxe a Alexandre Bóveda malia asumir que será criticado «dun lado e doutro» por ser dirixente do PP. Domínguez lembrou que xa recibira duras críticas cando foi o primeiro presidente popular en Pontevedra en acudir ao acto da Caeira e reivindicou como un avance que esta xornada se celebre con normalidade no Museo. Subliñou que Bóveda foi asasinado por amar Galicia. «Estamos aquí para lembrar unha inxustiza, para lembrar un asasinato, para lembrar moitos asasinatos. Falamos de Bóveda pero falamos de moitísimos máis», dixo.

O tradicional acto na Caeira, con representantes dos concellos, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia. / Rafa Vázquez
Ante o monolito da Caeira
A homenaxe no Museo de Pontevedra únese á tradicional ante o monolito a Alexandre Bóveda na entrada da Caeira, en San Salvador de Poio, que contou con representación dos concellos de Pontevedra e Poio, da Deputación de Pontevedra e mesmo da Xunta de Galicia.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reivindicou a memoria de Bóveda e convidou a «saber convivir con pensamentos distintos, tendo clara que por riba de todo debe estar o respecto». «Condenamos calquera tipo de ditadura, todas, e calquera feito no que non se respecte a democracia».
Tras os discursos e a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do Premio Galicia Mártir ao Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, que recolleu Marga Doval, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio pechou o acto.

Coloquio na Cervexaría Nasa, no casco histórico de Pontevedra. / Rafa Vázquez
As primeiras críticas, do BNG
As primeiras críticas políticas chegaron coa voceira municipal do BNG de Poio, Marga Caldas, que denunciou a «hipocrisía» do PP con Bóveda e lembrou a «grave contradición entre a posta en escena institucional no concello e o comportamento do partido no Parlamento galego, votando en contra de oficializar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir».
Tamén a deputada provincial do BNG Marta Ortega, presente nos actos de Pontevedra e Poio, reclamou «memoria con feitos» e insistiu no clamor «para institucionalizar o Día da Galiza Mártir». «A memoria non se pode reducir a asistir a actos, facer discursos ou pronunciar palabras bonitas. O Compromiso ten que traducirse en feitos, en recursos e políticas públicas», subliñou.
Acto con Ana Pontón
Xa no serán, O BNG homenaxeou en Pontevedra a Alexandre Bóveda no Día da Galicia Mártir, cun acto encabezado por Ana Pontón, que reivindicou a plena vixencia do seu pensamento político e económico. A portavoz nacional destacou o seu compromiso co autogoberno e coa creación dunha Facenda propia, ligando esas ideas á proposta actual do BNG.
Pontón defendeu tamén a memoria como ferramenta de futuro e xustiza democrática, e evocou «A derradeira leición do mestre», de Castelao, como símbolo da dignidade fronte á barbarie. Concluíu chamando «a seguir construíndo unha Galiza forte, xusta, libre e con futuro».
Por outra banda, Mocidade Galega pola Memoria e Galiza Nova organizaron un coloquio sobre Castelao e a memoria na Cervexaría Nasa, no casco histórico.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta gestiona la luz verde ambiental para desdoblar el corredor de A Lanzada en Sanxenxo
- Lores celebra el éxito de la Feira Franca en sus «bodas de plata», que contaron con una asistencia masiva
- Cerveza llegada a través del Lérez
- La marea obliga a aplazar a las 13.15 el desembarco medieval de la cerveza Ollo Redondo
- Una pontevedresa vivió once meses de calvario con su novio hasta que lo denunció
- Calor y color en la 25 Feira Franca de Pontevedra
- La farándula medieval llena las calles de Pontevedra
- Alfonso Rueda da la bienvenida al curso desde el colegio marinense en el que estudió: «Volver siempre tiene algo especial»