Historia de Pontevedra
A memoria do cemiterio en código QR
A Asociación Veciñal O Chedeiro impulsa en San Vicenzo de Cerponzóns a colocación dun enlace dixital nun panteón familiar para recuperar a historia dos devanceiros e dignificar a lingua galega no camposanto

Rafa Vázquez
O cemiterio de San Vicenzo de Cerponzóns acollerá o vindeiro 5 de xullo unha iniciativa singular que une memoria familiar, patrimonio, lingua e novas tecnoloxías. A Asociación Veciñal O Chedeiro promove a instalación dun código QR nos panteóns co obxectivo de que familiares, veciñanza e visitantes poidan coñecer a historia das persoas alí soterradas máis alá da breve inscrición gravada nunha lápida.
A proposta, que se levará a cabo despois da misa das dez da mañá, quere abrir unha nova forma de lembrar aos defuntos e estrearase coa familia de Juan José Esperón Recarey, veciño, escritor e secretario do colectivo veciñal. O código QR neste caso deriva aos interesados ao blog «O Roque de Cerponzóns». Nesta páxina web lémbrase a catro persoas: Carmen Recarey Cochón, Juan Esperón Moldes, Jesús Recarey Lorenzo e Ramona Cochón Ramos, nai, pai, avoa e avó do secretario de O Chedeiro. Catro nomes propios que representan, ao mesmo tempo, unha historia familiar e unha parte da memoria colectiva de Cerponzóns: a emigración, o traballo no campo, a vida das tabernas como centros sociais, o transporte público, o esforzo diario e a transmisión das raíces entre xeracións.

Carmen Recarey Cochón. | CEDIDA.
No caso de Carmen Recarey Cochón, «a memoria lévanos á taberna da Rons», un establecemento que foi moito máis ca un negocio, en palabras do seu fillo. Aquel espazo funcionou durante anos como punto de encontro da parroquia, lugar de conversa, confidencias, consellos e convivencia. Carmen, coñecida pola veciñanza como Carmen a da Rons, aparece lembrada como unha muller traballadora, próxima e respectada, capaz de escoitar e mediar nas pequenas e grandes preocupacións da vida cotiá.
A figura de Juan Esperón Moldes permite recuperar tamén a pegada da emigración galega. Natural de Campañó, Juan marchou á Arxentina e posteriormente a Venezuela, como tantos homes da súa xeración que buscaron fóra as oportunidades que aquí escaseaban. Albanel, camareiro, granxeiro, taberneiro, matachín e labrego, a súa biografía resume a vida dun home polifacético, marcado polo traballo, pola familia e polo regreso definitivo á terra.
O código QR tamén permitirá coñecer a historia de Jesús Recarey Lorenzo, vencellado durante boa parte da súa vida profesional ao transporte público como condutor e cobrador de tranvía. Primeiro en Pontevedra e logo en Vigo, Jesús formou parte dunha época na que o tranvía era un elemento fundamental da vida urbana e da mobilidade diaria. A súa traxectoria é presentada como exemplo de responsabilidade, constancia e servizo público.
A lembranza complétase con Ramona Cochón Ramos, símbolo de tantas mulleres galegas que sostiveron a vida familiar a través dun traballo silencioso e imprescindible. Muller do campo e da casa, Ramona labrou, coidou o gando, atendeu o fogar e levou produtos á Praza da Leña de Pontevedra, moitas veces cargando coa cesta ou co feixe sobre a cabeza. A súa historia recolle a dignidade dunha xeración de mulleres que fixeron da resistencia diaria unha forma de vida.

Jesús Recarey Lorenzo. | CEDIDA
A colocación deste primeiro código QR no cemiterio de San Vicenzo de Cerponzóns non xorde de maneira illada. A familia xa dera anteriormente outro paso simbólico ao mudar as lápidas do castelán ao galego, nun xesto de coherencia coa lingua que falaron durante a súa vida as persoas alí soterradas. Agora, o novo código dixital permite ampliar esa homenaxe e contar aquilo que o mármore non pode recoller.
A proposta inspírase nunha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que promove a instalación de códigos QR con información en galego sobre persoas falecidas. A idea busca que a memoria dos defuntos non quede limitada ás fórmulas breves das lápidas, senón que poida ser compartida, ampliada e transmitida ás novas xeracións.
«Este tipo de accións poden servir de precedente para outras familias da parroquia e doutros lugares», considera Juan José Esperón Recarey.
Aínda que recoñece que non é doado introducir cambios nos usos funerarios, defende que «alguén debe dar o primeiro paso para que estas prácticas vaian callando pouco a pouco». O obxectivo é sinxelo e fondo ao mesmo tempo: que fillos, netos, bisnetos e tataranetos saiban de onde veñen.
Suscríbete para seguir leyendo
- Concierto de Juan Luis Guerra en Sanxenxo: el artista salda su deuda con Galicia en una fiesta de ritmos latinos ante 15.000 seguidores
- Sanxenxo quiere elaborar la tortilla más grande del mundo con 17.000 huevos
- Una rareza en las Salinas de Ulló de Vilaboa: una garceta dimorfa
- PortAmérica baja el telón sobreviviendo al aguacero en la noche que Dani Martín reveló su plan en Galicia
- Consternación en O Campo Lameiro por el fallecimiento de su exalcalde Rafael Lago Novás
- A la caza de Mewtwo por los diez años de Pokémon GO
- Hombres G y M-Clan golean en Portas
- La Universidade de Vigo busca nuevos estudiantes sénior