Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alba Rodríguez Saavedra Autora de «Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes»

«Anderson descúbrenos a Galicia real que a historia invisibilizou»

A tradutora e investigadora presenta na librería Metáfora o seu ensaio no que rescata o legado silenciado da fotógrafa de Nebraska

Alba Rodríguez Saavedra.

Alba Rodríguez Saavedra. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Na librería Metáfora, entre andeis cargados de historias, Alba Rodríguez Saavedra presentará o vindeiro día 11 a súa última investigación sobre Ruth Matilda Anderson, editada por Laiovento. Aquela muller de Nebraska que chegou a Galicia nos anos vinte coa encomenda de fotografar un mundo que se consideraba en extinción, acabou asinando unha crónica visual e humana que a historia oficial teimou en arrinconar. Rodríguez Saavedra, integrante do Grupo de Investigación en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, ponlle voz a esas marxes silenciadas.

Ruth Matilda Anderson chega á Galicia dos anos vinte cunha sensibilidade que chocaba coa historiografía oficial, fixándose no campesinado, na infancia e nas mulleres rurais. Que viu unha fotógrafa e investigadora de Nebraska na alma das galegas para comprometerse dese xeito?

Inicialmente a viaxe foi unha encarga moi clara por parte do fundador e do presidente da Hispanic Society of America, Archer Milton Huntington. Era o retrato dunha sociedade que, segundo el percibía, estaba para esmorecer por mor dun proceso de industrialización que consideraba imparable. Quedáballe moi pouco tempo de vida tal como se viña conservando, polo tanto cumpría retratala con palabras e imaxes, anotar os trazos fundamentais e identitarios para evitar carecer dun rexistro no que basearse cando se quixese realizar un estudo. Esa era a idea do traballo de campo. Que sucede? Que nese traballo a mirada de Ruth Matilda Anderson é absolutamente empática e respectuosa. O que nos traslada a través da cámara e dos seus escritos é unha Galicia que non nos fora contada: unha Galicia que quedaba nas marxes e que na nosa historiografía oficial ficara completamente invisibilizada. Refírome a esa Galicia do rural, tendo en conta que nese momento a poboación rural conformaba practicamente o 93% da nosa demografía. Tamén os homes, por suposto, pero o seu foco, o seu centro de interese e as súas informantes principais foron as mulleres e os nenos.

Foi precisamente esa mirada que captura a dureza do campo e as traducións ao inglés o que provocou que o sistema cultural a silenciase durante case un século?

Desde a miña perspectiva, e podo estar equivocada porque carezo dunha certeza ou dun argumento tan sólido que me permita afirmalo rotundamente, vou construíndo unha hipótese a partir de diferentes argumentos que vou atopando. Toda unha parte indica que si, que efectivamente se tratou dun proceso de ocultación desta obra debido a esa mirada diferente e diferenciadora de Anderson, tanto no que se refire á composición da nosa sociedade como ao xeito de desenmascarar esa imaxe tan decorativa de Rosalía de Castro como a «muller laiante» ou a mater dolorosa. Ao mesmo tempo, está a súa reivindicación de Emilia Pardo Bazán como unha das plumas fundamentais. Mirando como se construía o noso propio canon, o que entraba e o que quedaba fóra desa oficialidade, este parece un argumento válido para explicar por que a súa obra quedou completamente oculta, a diferenza doutros rexistros de viaxeiros que pasaron por Galicia nesa altura.

O seu foco, o seu centro de interese e as súas informantes principais foron as mulleres e os nenos

Detrás de cada libro de investigación hai un proceso case arqueolóxico de rastrexo de arquivos e cartas. Como foi esa viaxe persoal para desenmascarar os mecanismos que mantiveron oculta a labor de Anderson?

Este foi un proceso que levou anos e, primeiro de todo, supuxo verme a min mesma como unha das persoas que replicaba eses mecanismos. O canon está nutrido dunha serie de repertorios fantásticos para garantir a súa pervivencia, e eu descubrinme a min mesma sucumbindo a eles. Entón, en primeiro lugar, tratouse dunha aprendizaxe propia. A partir de aí comezou o traballo de saber por que esta muller quedou nas marxes. Houbo que ir adaptando liñas de investigación e tamén derrotándoas, porque chegou un punto en que algunhas non tiñan máis percorrido e houbo que cambiar o enfoque. Trátase dun facer e dun refacer constante.

Canto de reparación histórica hai neste volume e canto de advertencia sobre as creadoras que hoxe en día poden estar sufrindo un proceso de esquecemento similar?

Creo que é todo en si mesmo, porque do que se trata é de deprendernos deses mecanismos que teñen os canons sempre para consagrarse. Se eu mesma fun, son e serei alguén que os replique porque os mecanismos están aí e caemos neles, isto funciona tamén como unha advertencia para nós mesmas, para todas as persoas que son conscientes e sensibles ante este tipo de inxustizas e desequilibrios. Claro que hoxe en día se segue producindo. Creo que o fundamental é saber paralo en algún momento e facer a diverxencia, dicir: «esta vez non vou estar repetindo e replicando estes mecanismos».

No seu libro bota man desas dúas autoridades literarias —maiormente de Rosalía de Castro— precisamente para ilustrar a ocultación e a invisibilidade desas mulleres que, como a propia Anderson di, realizaban un traballo de industria que evitaba que as familias pasasen fame

Resulta revelador descubrir que Anderson foi a maior tradutora de Rosalía ao inglés ata ben entrada a década dos sesenta. De que xeito dialoga a visión desta norteamericana co compromise feminista de figuras como Rosalía ou Emilia Pardo Bazán?

De maneira absolutamente completa. Para empezar, non hai máis que ver cales son os textos que Anderson selecciona para a tradución. Ante calquera proxecto, todas as persoas partimos dunha ollada e dun enfoque concreto: buscamos unha liña e non outra por un motivo específico. Anderson fixo exactamente o mesmo, e no seu libro bota man desas dúas autoridades literarias —maiormente de Rosalía de Castro— precisamente para ilustrar a ocultación e a invisibilidade desas mulleres que, como a propia Anderson di, realizaban un traballo de industria que evitaba que as familias pasasen fame. E utiliza a palabra «industria» contrapoñéndoa á artesanía, que queda como algo menor como fonte de produción económica. Polo tanto, hai un diálogo completo e en sintonía. En todos os casos faise buscando a promoción da figura intelectual das dúas escritoras galegas. Non se trata só dunha reivindicación evidente, senón que ás veces se presenta de maneira máis indirecta a través de poemas onde Rosalía é tremendamente retranqueira e sumamente sarcástica. Unha muller que fose simplemente laiante non podería usar con semellante mestría o sarcasmo.

Que queda nas nosas aldeas e nas nosas creadoras daquel tempo que nos ocultaron, e como nos axuda este libro a entender mellor o presente?

Sempre quedou a memoria e o coñecemento transmitido de xeito oral. Iso quedou sempre porque todo o mundo o sabe. De feito, é algo que me encanta nas presentacións que imos tendo: veñen mulleres de entre os 40 e os 50 anos que saben que iso foi así, que llo contaran as súas nais, as súas avoas e as súas bisavoas. Esa liña existía, era verdade, pero claro, estaba desaparecida dos libros. Está sendo moi emotivo realizar estas presentacións porque, no momento en que comezo a falar e vexo ás mulleres que acoden ás librerías, sinto inmediatamente esa memoria trasladada. Por tanto, iso sempre estivo aí. A fortuna é que agora estamos nuns tempos nos que creo que xa lles podemos dar voz e palabras. No meu caso concreto, este libro é un apoio máis para que sigamos reivindicándoas a elas, que creo que é do que se trata.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents