Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os XIII Premios Martín Códax da Música celebran a vitalidade da escena galega

Lula Mora, Antía Muíño e Los Suaves triunfan nunha edición que esconxurou o meigallo e premiou a raíz

Asistentes á gala, esta noite no Pazo da Cultura.

Asistentes á gala, esta noite no Pazo da Cultura. / Rafa Vázquez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O pálpito da música galega volveu latexar con forza no Pazo da Cultura de Pontevedra, transformado por unha noite nun escenario onde as lendas e as brumas esconxuraron calquera fado de mala sorte nesta edición número trece. A gala dos XIII Premios Martín Códax da Música foi a constatación de que a escena do país goza dunha saúde desbordante, aínda que os que se suben ás táboas teñan que seguir batallando contra a precariedade estrutural dun sector que esixe máis peso nos grandes escaparates. Foi a noite do adeus da actual directiva de Músicas ao Vivo, que se despide deixando o listón moi alto e facendo un chamamento ao relevo colectivo e implicado. A celebración serviu de novo de altofalante para a enorme diversidade creativa de Galicia e a súa reivindicación do futuro da lingua. Tamén de quen fai lingua e música polo «sinxelo e valente xeito, sen máis, de quen fai lingua e música», como lembrou Hugo Guezeta.

Entre o balbordo e a emoción dos quince galardóns principais, o momento máis electrizante da velada veu asinado polo rock con maiúsculas. Ourense e a súa lenda viva asaltaron o escenario cando os compoñentes de Los Suaves subiron a recoller o Premio Honorífico 2026 de mans de Xoán Allegue, presidente da adega, e da propia directiva.

Despois de décadas marcando a ferro a xeracións enteiras coas sús guitarras afiadas, o recoñecemento puxo en pé un auditorio entregado á historia. Na outra cara da moeda, a da frescura que agroma, o Premio Artista Emerxente foi para Lula Mora. O dúo de Sara Caride e Silvia Izquierdo, co seu disco Hogar, demostrou como os versos e a canción de autora poden trazar unha ponte perfecta de raíz entre Galicia e Canarias.

Hugo Guezeta ergueuse como o referente das músicas urbanas.

Hugo Guezeta ergueuse como o referente das músicas urbanas. / Rafa Vázquez

O percorrido polos estilos musicais debuxa un mapa sonoro sen complexos nin fronteiras. O rock máis contundente levou o selo vigués de Stoned at Pompeii, mentres que os ferroláns Keepers fixeron o propio no metal e Allo Negro impuxo a súa solvencia no blues e funk. A electrónica tivo como reis a Galician Army e o pop bailable viaxou cos ritmos de Michu da Rocha. Nas augas da canción de autor, a voz íntima de Antía Muíño conquistou o Pazo, ao tempo que Hugo Guezeta erguíase como o referente das músicas urbanas en solitario.

O Premio Honorífico á banda Los Suaves puxo en pé un auditorio entregado á historia

A tradición estivo representada polo folk de raíz do grupo Abril, a música popular de Carapaus e a veteranía da Banda de Música Municipal de Celanova. Houbo tamén espazo para o regreso festeiro de Lamatumbá nas verbenas, o jazz de Xan Campos co proxecto Amorodios, a sensibilidade clásica de María Mendoza, as músicas do mundo de Lidia India e a incombustible proposta infantil de Paco Nogueiras.

O ecosistema musical galego complétase cos proxectos que sosteñen o directo e a difusión desde abaixo, e aí os premios Organistrum apuntaron a tres piares fundamentais deste ano. A mítica Sala Capitol de Santiago foi elixida como a Mellor Sala para vivir a música a escasos metros do escenario; o Festival Alternativo Millo Verde levou o recoñecemento ao Mellor Festival polo seu firme exemplo de autoxestión cultural, e o portal Galicia en Concierto foi aplaudido polo seu labor diario na categoría de Comunicación e Difusión Musical.

A Orquestra Neverloura e a voz de Laura Lamontagne puxeron a banda sonora.

A Orquestra Neverloura e a voz de Laura Lamontagne puxeron a banda sonora. / Rafa Vázquez

A Sala Capitol, o festival Millo Verde e o portal Galicia en Concierto recibiron os Organistrum

Coas notas da Orquestra Neverloura e a voz de Laura Lamontagne, con convidados como James Rhodes e poñendo a banda sonora a unha posta en escena inspirada nas néboas de Diego Valeiras, os Martín Códax pechan unha edición redonda que demostra que a cultura do país non entende de supersticións, senón de talento puro e organización.

Ao peche da velada, as conversas entre bambolinas e nos corredores do Pazo apuntaban xa cara ao futuro incerto pero ilusionante que se abre coa renovación de Músicas ao Vivo. O público abandonou o auditorio co eco dos tambores aínda vibrando no peito, conscientes de que o verdadeiro valor destes galardóns non reside nas figuras de bronze entregadas, senón na rede de afectos, resistencia e identidade que une a todos os músicos de Galicia cando as luces do escenario se apagan. É precisamente nesa unión onde o sector atopa a forza para seguir reivindicando un marco xusto de contratación, garantindo que o talento local sexa o verdadeiro protagonista dos grandes eventos e que a música siga sendo, por riba de todo, un ben común e accessible.

PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2026

METAL E HEAVY: Keepers

CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño

BLUES, FUNK E SOUL: Allo Negro

ELECTRÓNICA: Galician Army

ROCK E PUNK: Stoned at Pompeii

MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta

ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá

MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: María Mendoza

JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos «Amorodios»

POP E INDIE: Michu da Rocha

MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India

MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras

MÚSICA FOLK: Abril

MÚSICA TRADICIONAL: Carapaus

BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova

ARTISTA EMERXENTE: Lula Mora

Premios Organistrum:

Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto

Organistrum FESTIVAIS: Festival Alternativo Millo Verde

Organistrum SALAS: Sala Capitol

PREMIO HONORÍFICO: Los Suaves

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents