Letras Galegas
Herminia Fariña Cobián, a autora que agarda polo seu 17 de maio
Pontevedresa de adopción, foi unha voz nun mundo de homes e unha das primeiras mulleres en levar teatro galego aos escenarios. Na Boa Vila unha rúa leva o seu nome, pero aínda está pendente sinalar cunha placa a casa na Praza de Curros Enríquez onde viviu unha muller que entre os seus amigos contaba a Castelao.

Herminia Fariña na súa xuventude e portada da súa obra «Cadencias», ilustrada por Castelao. / Álbum familiar
Cada ano, antes do 17 de maio, Galicia volve mirar cara á súa literatura para recoñecer unha figura importante da cultura do país. Mais esa ollada tamén deixa á vista ausencias significativas. Unha delas é a de Herminia Fariña Cobián (1904-1966), poeta, dramaturga e actriz afeccionada, nada en Santiago de Compostela en 1904, pero pontevedresa de adopción. Na cidade de Pontevedra pasou boa parte da súa vida, publicou, actuou, casou e deixou unha pegada cultural que aínda hoxe permanece pouco recoñecida. Pese a morrer hai xa seis décadas, a listaxe oficial da Real Academia Galega non inclúe o seu nome entre as figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas.
Filla de Regina Cobián Tejo, natural de Meaño, e do pontevedrés José Fariña González, xeneral de infantería, Herminia Fariña despuntou moi nova no mundo das letras. Segundo recolle o proxecto municipal Do Gris ao Violeta, impulsado polo Concello de Pontevedra para recuperar a memoria das mulleres creadoras e pioneiras, en 1919, con só quince anos, participou nun recital no Círculo de Artesáns da Coruña con versos en galego. Un ano despois, xa subía ao escenario do Teatro Principal de Pontevedra nunha representación da comedia «El ama de la casa», de Martínez Sierra.
A súa relación con Pontevedra foi tamén persoal e simbólica. En 1922 casou con Eduardo del Río Parada na capela da Peregrina, cando xa era unha poeta recoñecida. Segundo os datos incorporados á memoria familiar, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi padriño daquela voda, un vínculo que reforza a proximidade da escritora cos círculos galeguistas e artísticos do seu tempo. Ese mesmo ano publicou «Cadencias», o seu primeiro libro de poemas, editado en Pontevedra cando tiña só dezaoito anos, cunha portada realizada polo propio Castelao.

Herminia e Isaac en Pontevedra en xaneiro de 1957. / Álbum familiar
Pertenza a unha terra
Herminia Fariña foi, ante todo, unha voz nun mundo de homes pero a súa obra ten un centro claro: Galicia. A paisaxe, a lingua, a memoria da infancia, as xentes e o sentimento de pertenza percorren unha escrita que se desenvolveu tanto en galego como en castelán. O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega sinala que o núcleo da súa produción literaria é a identidade galega, construída a partir da natureza, da terra, da fala e da comunidade.
Dous anos despois de «Cadencias», en 1924, publicou «Seara», poemario escrito integramente en galego e ilustrado por Luís Pintos Fonseca. O libro consolidouna como unha voz poética relevante e recibiu eloxios de autores como Ramón Cabanillas, Victoriano Taibo ou Antón Villar Ponte. En 1925 foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega (RAG), unha distinción que confirma a consideración que chegou a acadar en vida.
Foi unha das primeiras mulleres en levar teatro en galego aos escenarios, no ano 1927
Mais Fariña non foi só poeta. Foi tamén unha figura pioneira no teatro galego escrito por mulleres. En 1927 estreou no Teatro Principal de Santiago «Margarida a malfadada», un poema dramático en galego no que ela mesma asumiu o papel protagonista. A obra chegaría despois a Pontevedra e Vigo, onde tamén se representou «O soldado froita», outra peza súa escrita en galego. Do Gris ao Violeta sitúaa, xunto con Carmen Prieto Rouco, entre as precursoras do teatro galego feito por mulleres nos anos vinte.
A súa dimensión pública tamén se proxectou sobre a memoria doutras escritoras. Herminia Fariña foi a artífice de que na tumba de Rosalía de Castro se incorporase un libro de firmas como homenaxe á autora de «Adiós, ríos; adiós, fontes», un xesto que revela a súa conciencia de continuidade coa tradición literaria galega e a súa vontade de render tributo ás mulleres que abriran camiño antes ca ela.
En 1929 emigrou a Bos Aires, onde foi recibida pola comunidade galega e participou activamente na vida cultural da emigración. Alí compartiu espazos con figuras como Antonio Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo e colaborou en publicacións como Vida Gallega, Lar, Céltiga, La Razón ou El Mundo de Montevideo. Na Arxentina publicou obras vencelladas á súa experiencia americana, como «Hosanna» e «Bajo el cielo porteño». Regresou a España en 1932.

Poema en galego de Herminia Fariña. / Álbum familiar
A sombra da ditadura
A biografía de Herminia Fariña presenta tamén zonas incómodas. En 1937 publicou «¡Por España y para España! El libro del combatiente», un folleto con catorce poemas de exaltación relixiosa e do bando franquista, dez en castelán e catro en galego, que foi utilizado como propaganda polos sublevados. Ese episodio condicionou a lectura posterior da súa traxectoria e converteuse nun dos argumentos que pesaron sobre a súa exclusión do canon literario galego.
Mais a revisión actual da súa figura introduce unha pregunta necesaria: por que esa penalización resultou tan determinante no seu caso cando outros autores varóns, tamén con textos ou posicionamentos vinculados ao franquismo, non foron apartados coa mesma contundencia? As voces que defenden a recuperación de Herminia Fariña consideran que a súa condición de muller puido agravar ese esquecemento. Non se trataría, por tanto, de ocultar as sombras da súa biografía, senón de lelas coa mesma vara de medir aplicada a outros nomes da literatura galega.
Castelao foi o padriño da súa voda en 1922 na Peregrina e ilustrou a portada do seu libro «Cadencias»
Nos anos posteriores, a súa produción foi diminuíndo, aínda que mantivo colaboracións en medios galegos e publicou pequenas pezas vencelladas á terra. Pasou os últimos anos na casa familiar de Simes, en Meaño, un espazo que inspirara parte da súa creación poética. Sobre a data exacta da súa morte existen discrepancias nas fontes: o Consello da Cultura Galega sitúaa en 1967, mentres que o proxecto municipal Do Gris ao Violeta recolle 1966.
Recoñecementos na Boa Vila
A súa memoria pública mantívose de maneira discreta. Aínda que en 1995 se lle dedicou unha rúa na Boa vila, situada entre a avenida de Vigo e o instituto Torrente Ballester, tras unha solicitude presentada tres anos antes polo seu fillo Isaac Sánchez Fariña, aínda está pendente sinalizar a súa casa na Praza de Curros Enríquez. Unha placa neste lugar tería un valor especial, xa que estaría a poucos metros da que si lembra á súa coetánea Aurora Vidal Martínez,nos soportais da Ferrería, coa que mantiña boa relación, como escritoras ambas nun mundo de homes.
No persoal, Herminia Fariña tamén foi unha muller moderna, que casou en enviudou en tres ocasións: en 1922 con Eduardo del Río Parada, en 1930 con Pedro Fontenla Camiña e e 1939 con Isaac Sánchez Alonso.
Poeta, dramaturga, actriz afeccionada, colaboradora da prensa galega e americana, emigrante, académica correspondente e autora de teatro en galego nun tempo no que poucas mulleres lograban estrear as súas obras, Herminia Fariña Cobián continúa sendo unha figura pendente de recuperación plena.
Suscríbete para seguir leyendo
- El embalse del Pontillón de Pontevedra llega a las puertas del verano con el menor nivel desde 2022
- El buque escuela Juan Sebastián de Elcano afronta su centenario con renovadas tecnologías y honores
- El festival Surfing the Lérez dirá adiós después de 15 años
- Los Premios Gastroculturales reconocen a ocho referentes de Pontevedra
- El legado de Valle-Inclán se queda para siempre en el Museo de Pontevedra después de casi tres años de negociaciones
- De la Sala Karma a 40.000 personas: la historia del Surfing the Lérez antes de decir adiós
- Relevo joven y apoyo desde Suiza para reabrir una tintorería de medio siglo en Pontevedra
- Nueve detenidos en Sanxenxo, Poio y Vilaboa por tener montado un «bazar» de sustancias ilegales