Ponte Sampaio esperta o rock na desembocadura do Verdugo
Tonhito de Poi, principal reclamo do PSP Rock, un festival que nace para ofrecer música en directo e ambiente de verbena
A primeira edición, con entrada de balde, celebrarase o vindeiro día 30 a carón da praia fluvial

Tonhito de Poi nunha actuación. / FdV
O río Verdugo baixa estes días coa calma propia do final da primavera, alleo ao movemento que xa se empeza a notar a poucos metros da súa desembocadura. Alí onde a auga doce se xunta coa ría de Vigo, xusto a carón da praia fluvial de Ponte Sampaio, o silencio habitual deste recuncho romperase o vindeiro sábado 30 de maio co son das guitarras e dos amplificadores. Despois de moitos anos sen que o rock tivese presenza na parroquia, un grupo de veciños decidiu poñer en marcha unha nova proposta coa idea de animar o pobo e recuperar ese espírito de festa aberta que sempre tivo.
Así nace o PSP Rock, unha iniciativa impulsada desde a comisión de festas Virxe do Carme. Non hai detrás grandes empresas nin orzamentos imposibles, senón horas de traballo, chamadas, carteis, redes sociais e moita vontade por parte da xente da parroquia. Abraham, un dos implicados na organización, resume así o espírito desta primeira edición: «Facémolo con moito cariño e cremos que lle vai gustar á xente. Tamén queremos incentivar a actividade na parroquia».
Aínda que se trata dunha estrea humilde, o festival xa comezou a moverse con forza nas redes sociais, onde foi gañando seguidores nos últimos días. A curiosidade medra, sobre todo, polo cartel escollido para esta primeira edición. O principal reclamo será Tonhito de Poi, fundador de Heredeiros da Crus e unha das voces máis recoñecibles do rock bravú. O músico chegará a Ponte Sampaio cos seus temas en solitario, pero tamén con cancións que forman parte da memoria de varias xeracións de afeccionados ao rock galego.
Xunto a el estarán os vigueses Mostrencos, unha banda centrada en recuperar a forza do rock estatal, con especial presenza das cancións de Extremoduro. Para o tramo final da noite, a organización prepara unha sesión con electrónica, punk rock e algunha sorpresa que polo de agora prefiren non desvelar.
O lugar escollido tamén xoga a favor do festival. A contorna da praia fluvial, nunha das zonas máis coñecidas de Ponte Sampaio, converterase desde as sete da tarde nun espazo de música ao aire libre, con entrada de balde e ambiente de verbena. A previsión é que a festa se alongue ata ben entrada a madrugada, arredor das cinco ou seis da mañá.
Nun momento no que moitos festivais apostan por grandes recintos e entradas cada vez máis caras, en Ponte Sampaio queren facer algo máis sinxelo e próximo: música na rúa, xente da casa detrás da organización e rock á beira do río. O PSP Rock bota a andar este ano coa intención de quedar, e coa esperanza de que esta primeira edición sexa só o comezo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El embalse del Pontillón de Pontevedra llega a las puertas del verano con el menor nivel desde 2022
- El buque escuela Juan Sebastián de Elcano afronta su centenario con renovadas tecnologías y honores
- El festival Surfing the Lérez dirá adiós después de 15 años
- Los Premios Gastroculturales reconocen a ocho referentes de Pontevedra
- El legado de Valle-Inclán se queda para siempre en el Museo de Pontevedra después de casi tres años de negociaciones
- De la Sala Karma a 40.000 personas: la historia del Surfing the Lérez antes de decir adiós
- Relevo joven y apoyo desde Suiza para reabrir una tintorería de medio siglo en Pontevedra
- Nueve detenidos en Sanxenxo, Poio y Vilaboa por tener montado un «bazar» de sustancias ilegales