Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

“Un Monte de Nomes”, unha andaina simultánea por Moraña e Campo Lameiro

Organizada pola Asociación Cultural e Informativa da Biodiversidade das Aldeas co gallo do Día das Letras Galegas

Participantes na andaina

Participantes na andaina / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

N. D.

Pontevedra

Co gallo do Día das Letras Galegas, a Asociación Cultural e Informativa da Biodiversidade das Aldeas (A.C.I.B.A.L.), entidade creada polos colectivos de defensa da terra Amil Sen Eólicos e Colectivo do Vento, organizou a segunda edición da andaina “Un Monte de Nomes”.

A actividade reuniu socios e simpatizantes nunha proposta centrada na recuperación, posta en valor e visibilización da toponimia tradicional do territorio, entendida como parte esencial do patrimonio cultural e da memoria colectiva das aldeas.

Nesta edición, a andaina desenvolveuse de forma simultánea con dúas saídas diferenciadas: unha dende a parroquia da Amil, en Moraña, e outra dende a zona das Fragas. Ambos grupos percorreron diferentes rutas a través do monte co mesmo obxectivo común, converxer no Castro de Penalba, en Campo Lameiro.

Ao longo do percorrido, os participantes foron instalando carteis cos nomes tradicionais dos lugares, co fin de preservar e poñer en valor a toponimia local, recuperando denominacións históricas que forman parte da identidade do territorio e da súa paisaxe cultural.

A xornada culminou no Castro de Penalba, onde se xuntaron os dous grupos procedentes da Amil e As Fragas. Alí celebrouse un xantar popular no que participaron máis de 80 persoas, convertendo o final da andaina nun espazo de convivencia e encontro comunitario arredor da defensa do territorio e da súa memoria.

Porén, a nota negativa do día chegou cando varios membros da asociación puideron comprobar actuacións en zonas de protección de diversas mámoas situadas no monte Acibal, algunhas delas situadas a "unha distancia preocupante dos elementos patrimoniais catalogados".

A.C.I.B.A.L. insiste na necesidade de garantir a protección efectiva do patrimonio histórico e arqueolóxico do monte Acibal e do seu entorno, "reclamando transparencia e rigor na supervisión de todas as intervencións realizadas no territorio".

Tracking Pixel Contents