Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Normalización lingüística no mundo do fútbol

Co galego da casa nos pés

Diego Gómez e Rubén López levan toda a súa vida falando en galego. É a lingua do seu fogar, da súa xente e do seu fútbol. Non sempre estiveron en Galicia, por traballo, tiveron que xogar fora, con todas as connotacións que ten un idioma tan castigado e minorizado coma o galego

Rubén López e Diego Gómez, xogadores galegofalantes do Pontevedra CF

Gustavo Santos

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Miguel Salgado Reboreda

Miguel Salgado Reboreda

Pontevedra

Moitas veces fálase do deporte desde a ignorancia ou o menosprezo, ao entenderse que é só unha expresión da brutalidade e da forza humana sen ningún tipo de reflexión ou transcendencia para a sociedade. O deporte, e neste caso o fútbol, moi poucas veces queda só no campo. A cultura e a aprendizaxe nacen nas bancadas, na separación entre a persoa e o profesional ou no exemplo que dan a terceiras persoas os futbolistas e adestradores coas súas actitudes e accións dentro e fóra do céspede. En Pasarón, vestidos coa camisola do Pontevedra, hai dous xogadores novos, que comezaron as súas traxectorias no fútbol profesional hai pouco, que ven no seu deporte o escaparate idóneo para a normalización da súa lingua materna, o galego.

Dende o berce, Diego Gómez (Amoeiro, 2004) e Rubén López (Silleda, 2004) falaron, quixeron, riron e choraron en galego. Estes novos deportistas aprendérono no seu fogar, como a lingua na que os seus pais, avós e amigos se comunicaron con eles desde sempre. Para eles, o galego non queda só no idioma no que se expresan e pensan: vai máis aló. «Falar galego para min é unha conexión co lugar de onde vés. Eu quero moito o meu pobo, a miña aldea, Amoeiro, e falalo faime sentir cómodo. Síntome como se estivese alí, na aldea, cos meus pais e cos meus amigos», confesa Gómez sobre o significado persoal que ten para el o galego. López mantén unha opinión similar á do seu amigo e compañeiro, aínda que el matiza que tamén é un motivo de orgullo e un sinal de identidade que se defende co uso no día a día.

Os dous membros do plantel granate foron canteiráns do Deportivo da Coruña, equipo ao que seguen vinculados hoxe en día ao seren cedidos ao Pontevedra no mercado invernal polo cadro herculino. Como é habitual en cidades como A Coruña ou Vigo, o uso do galego é menor que noutros puntos de Galicia, polo que, aínda que non tiveron unha barreira comunicativa, si que se lles fixo un pouco rara a presenza case total do castelán na súa nova vida na residencia branquiazul. «A min fíxoseme un pouco estraño ao principio, porque eu sempre falei galego. En Silleda case todo o mundo fala galego, e o cambio de ir de Silleda á Coruña sorprende, porque chegas alí e a maioría fala castelán. Non foi un problema, porque ao final sempre hai xente que entende o galego», explicaba o silledense.

Ter o galego como lingua materna non sempre foi sinxelo para os dous. No mundo do fútbol, Gómez confesa que lle incomoda que, cando está a falar cun compañeiro que non é galegofalante, este lle diga explicitamente que non o comprende. No caso de López, a súa anécdota máis importante nese aspecto é de cando era cativo nas escolas deportivistas. Dáballe certa vergoña que, nunha cidade como A Coruña, onde o número de falantes en galego é significativamente menor, lle puidesen dicir certas cousas por falar na lingua da súa casa. «Co paso dos anos funme dando conta de que era unha parvada. Se son galego, son galego e teño que falar galego», explica orgulloso.

Rubén López e Diego Gómez, xogadores galegofalantes do Pontevedra.

Rubén López e Diego Gómez, xogadores galegofalantes do Pontevedra. / Gustavo Santos / FDV

As experiencias fóra de Galicia, no caso de Diego en Cartaxena e no caso de Rubén en Barcelona, foron moi distintas. Na súa etapa en Cartagonova, o ‘21’ granate viviu experiencias desagradables por falar en galego e ter unha identidade cultural diferente. Sufriu correccións de terceiras persoas ao usar certas palabras en galego cando falaba en castelán, queixas do seu interlocutor sobre o seu acento ou mesmo a sensación de que ía perdendo o seu acento ao non falar practicamente nada en galego. O ex-xogador do Barça Atlètic non tivo ningunha experiencia dese estilo na súa estadía na Masía. A existencia dunha identidade cultural tan marcada coma a catalá fixo que entendesen a súa realidade como galego.

Co exemplo do arraigamento e da defensa do patrimonio sociocultural de Euskadi e Cataluña no mundo do deporte, onde o éuscaro e o catalán están moito máis normalizados que o galego en Galicia, eles coinciden en que queda camiño por percorrer, a pesar das boas iniciativas que clubs como o Celta de Vigo ou o Deportivo da Coruña levan facendo desde hai uns anos. O dominio do castelán nas grandes cidades e a tristeza pola posible perda do galego se segue a diminuír o número dos seus falantes encabezan as preocupacións que teñen os xogadores do Pontevedra sobre a deriva da súa lingua no futuro.

Como expoñentes da realidade e exemplo que son para os seus seguidores, en especial para os máis pequenos da casa, Diego e Rubén saben que todos os que conforman o mundo do deporte en Galicia teñen un rol protagonista na normalización lingüística. «É moi importante. Cando Cristiano ou Messi cortaban o pelo dunha maneira, había nenos que querían facer o mesmo. Nós non chegamos a ese nivel, pero si que hai rapaces que te coñecen e para os que podes ser un exemplo», desenvolve o ‘18’ ao respecto.

Quedar sen voz por cantar un gol do teu equipo, feito transversal a calquera lingua, cultura ou sociedade, non entende dun idioma concreto. Moitos nenos e nenas os cantan en castelán, mais Diego Gómez e Rubén López cántano cun «o» semiaberto, cántano na lingua do seu fogar en na que educarán aos seus fillos no futuro. O cantan en galego, no seu galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents