Los Suaves, Premio Honorífico dos Martín Códax da Música 2026
A banda recibirá o galardón o vindeiro 27 de maio nunha gala no Pazo da Cultura de Pontevedra

Fotografía de arquivo dun concerto de Los Suaves. / JOSE LORES
A asociación Músicas ao Vivo anunciou que o grupo Los Suaves será recoñecido co Premio Honorífico dos XIII Premios Martín Códax da Música, unha distinción que cada ano rende homenaxe a figuras fundamentais pola súa traxectoria e contribución á música galega.
O Premio Honorífico Martín Códax da Música converteuse xa nun dos recoñecementos máis destacados do sector musical galego. Trátase dun galardón cuxa elección se fai en asemblea xeral de Músicas ao Vivo, decidida polos socios e socias da asociación. Nas últimas edicións foron distinguidas figuras imprescindibles como Leilía en 2025, Emilio Cao en 2024 e Luz Casal en 2023.
Nesta ocasión, o galardón recae en Los Suaves, unha das bandas máis emblemáticas da historia do rock estatal e un símbolo musical profundamente ligado a Galicia. Formados en Ourense a finais da década dos setenta arredor da figura de Yosi Domínguez, o grupo construíu ao longo de máis de tres décadas unha traxectoria única marcada pola honestidade, a poesía urbana e unha identidade propia que conquistou xeracións enteiras.
Los Suaves levaron sempre Galicia por bandeira. Desde os seus inicios, a banda reivindicou con orgullo as súas raíces ourensás e galegas, converténdose nun referente cultural e emocional para milleiros de seguidores dentro e fóra do país. A súa música, as súas letras (moitas delas relacionadas coa Galicia e os seus costumes: Santa Compaña, El Afilador, Riazor Blues) e o seu compromiso coa terra contribuíron a proxectar unha imaxe auténtica e poderosa da cultura galega no panorama musical. Tanto é así que hoxe, as verbenas galegas, poñen o broche de ouro coreando a tan afamada Dolores se llamaba Lola.
Discos históricos como Malas noticias, Santa Compaña, Víspera de todos os santos, San Francisco Express ou El Jardín de las delicias xa forman parte da memoria colectiva do rock en galego e do rock feito desde Galicia para o mundo.
Con este Premio Honorífico, os Premios Martín Códax da Música queren recoñecer non só a dimensión artística de Los Suaves, senón tamén o seu impacto cultural, social e emocional na historia recente da música galega.
Os Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo, continúan así co seu labor de visibilización e posta en valor da calidade artística do sector musical galego, consolidándose como unha das grandes citas anuais da cultura en Galicia.
A gala desta edición celebrarase o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, nunha noite dedicada ao talento musical galego en todas as súas expresións artísticas.
- Muere un joven de Soutomaior en una salida de vía en Ponte Caldelas
- Un velero de 29 metros de eslora intervenido al narcotráfico y custodiado en la Escuela Naval, a subasta en Pontevedra
- El embalse del Pontillón de Pontevedra llega a las puertas del verano con el menor nivel desde 2022
- Los derribos de edificaciones ilegales en la comarca caen a la mitad en un año
- Un día entero de yoga en Pontevedra: clases, charla, picnic y concierto en la Illa do Covo
- Una parada militar en su base de Pontevedra conmemora los 60 años de la Brilat
- El legado de Valle-Inclán se queda para siempre en el Museo de Pontevedra después de casi tres años de negociaciones
- El cuadro de Castelao «A derradeira leición do mestre» pone rumbo de Argentina a Pontevedra