Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Andrés Torres Queiruga Teólogo e numerario da Real Academia Galega

«Xesús foi un xenio do relixioso que revolucionou o mundo poñendo o foco nos descartados»

O teólogo avoga por rescatar a mensaxe radical do Deus que é amor e perdón, fuxindo de dogmas valeiros

Andres Torres Queiruga no Edificio Castelao do Museo, onde impartiu a conferencia "Quen é Xesús para nós, hoxe?".

Andres Torres Queiruga no Edificio Castelao do Museo, onde impartiu a conferencia "Quen é Xesús para nós, hoxe?". / Rafa Vázquez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Convidado pola Asociación Encrucillada, Andrés Torres Queiruga, teólogo e membro da Real Academia Galega (RAG), achegouse a Pontevedra para reflexionar sobre unha figura que, lonxe de esgotarse, segue a interpelar á historia: Xesús de Nazaret. Durante o encontro, fixo fincapé na necesidade de repensar a cristoloxía para facela comprensible ao home e á muller de hoxe, fuxindo de dogmas baleiros e rescatando a mensaxe radical do Deus que é, por riba de todo, amor e perdón.

Vostede vén para tratar de responder a unha pregunta ambiciosa: Quen é Xesús para nós hoxe? É posible esgotar esa definición?

É algo que estamos continuamente averiguando ao longo da historia. Pasa con todas as grandes persoas que marcan o devir humano; tocan resortes tan profundos que son inesgotables. Cada época ten unha visión sobre Xesús, aprende del e tenta comprendelo. El cambiou a historia do mundo de maneira especial e, hoxe, cada cultura xúlgao desde as súas propias necesidades e preguntas.

Nun tempo onde se fala tanto do «silencio de Deus», como se explica a figura de Xesús sen caer na pura nostalxia?

O silencio vai por barrios. Non hai un silencio de Deus no mundo, hai un silencio sobre todo nunha parte de Occidente que reacciona contra as relixións establecidas. Moitas veces estas formalizáronse de tal maneira que din cousas sobre Xesús que hoxe xa non son comprensibles. Por iso é vital «repensar» a cristoloxía. Temos que entender que significa hoxe para que nos axude nas preguntas últimas: o sentido da vida, da morte, do mal e da relación co próximo.

Xesús non era un académico, porén a súa mensaxe segue vixente. Onde reside a súa autoridade?

El non ensinou medicina, nin xeografía, nin historia. Xesús foi un xenio no mundo do relixioso que revolucionou o mundo poñendo o foco nos descartados. E o máis asombroso é que non era un catedrático nin un rabino; era un home do pobo, sen formación teórica, pero cunhas intuicións e un calado humano insuperables. Gústame moito o «himno de Xubia», onde dá grazas a Deus por ensinar estas cousas aos humildes e aos pequenos, aos non letrados.

Cal diría que é o núcleo duro da súa mensaxe, o que sabemos con seguridade que el quería transmitir?

Sabémolo con seguridade absoluta: el fala dun Deus que creou a realidade por amor, que non pensa máis que en axudar e que só está ao noso lado contra aquilo que nos fai dano. Como dicían os profetas, a Deus non lle importa o culto nin os sacrificios, interésalle que nos preocupemos do orfo, da viúva e do estranxeiro. Xesús presenta a Deus como un Abba, un «papá» ou «mamá» que perdoa sempre sen condición.

Como dicían os profetas, a Deus non lle importa o culto nin os sacrificios, interésalle que nos preocupemos do orfo, da viúva e do estranxeiro

Esa mensaxe parece hoxe máis necesaria que nunca, pero tamén máis difícil de dixerir nun mundo tan desigual.

É que Xesús fixo algo revolucionario: empezou por abaixo. Se falara só para os sabios e os ricos, a súa mensaxe non chegaba a todos. Pero empezou polos pobres, polos «descartados» —como di o Papa Francisco—, polos enfermos e polos pecadores oficiais. Se a mensaxe vale para os de abaixo, vale para todos. Esa revolución de poñer o servizo por riba do poder é algo que aínda hoxe estamos asimilando.

Estamos atrapados na hiperconectividade e no ruído. Queda espazo para o transcendente?

Calquera que pense no Deus de Xesús sabe que é un pai e nai que só pensa no noso ben. San Ireneo xa dicía no século II que Deus, ao ser a totalidade, non busca nada para si, senón que crea só para que nós participemos da súa vida. O seu ollar é sempre amar e axudar, mesmo cando somos pecadores.

Que lle diría a alguén que sente que a súa fe está en crise?

Moitas veces o que a xente nega non é a Deus, senón unha idea de Deus que é un disparatate. Eu sempre digo que son máis ateo que moitos ateos, porque no Deus en que eles non cren —ese Deus castigador ou estraño— eu tampouco creo. Eu creo no Deus de Xesús. De feito, Xesús di que no xuízo final haberá «ateos» que serán benditos porque, sen habelo coñecido formalmente, visitaron ao enfermo e deron de comer ao famento. Iso tamén é crer.

Tras toda unha vida de estudo, que é o que máis lle asombra hoxe de Xesús de Nazaret?

Asómbrame que un home humano coma nós descubrira algo que xa non é superable na historia: que Deus é amor infinito e perdón incondicional. Unha vez que se di iso, xa non se pode ir máis alá; podemos profundizar, pero a cima está aí. Ese descubrimento non me produce dúbidas, senón unha seguridade e unha admiración profunda.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents