Entrevista | Xermán Manuel Torres de Abad Investigador da historia da educación no século XX
«Filgueira Valverde converteu un instituto de provincias nun modelo de vangarda europea»
O Museo de Pontevedra acolle a presentación dunha obra que pon luz sobre sobre os anos nos que o polígrafo marcou o pulso do Instituto de Pontevedra

Xermán Manuel Torres de Aboal, onte na presentación do seu libro. / Rafa Vázquez
No Museo de Pontevedra, que o polígrafo dirixiu durante décadas, e ao amparo da Universidade de Vigo, Xermán Manuel Torres de Aboal debullou onte a esencia de «Filgueira Valverde. Profesor, humanista innovador e director dun instituto modelo», un volume que pon luz sobre os anos nos que o instituto da cidade foi moito máis que un centro de ensino.
Acompañaron ao autor a directora do museo, Ángeles Tilve, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e o médico e fillo do homenaxeado, X. Fernando Filgueira Iglesias.
—Despois de mergullarse en legados e testemuños, canto hai de mito e canto de realidade nesa figura case inabarcable que foi Filgueira Valverde?
Home, debido a ese perfil inabarcable pode converterse nun mito, pero el foi unha realidade; unha realidade gozosa para Galicia. Foi un docente extraordinario, un mestre de lingua e literatura único, e iso é o que trato de demostrar con datos, documentos e testemuñas. Filgueira achegou cousas moi interesantes á historia da educación en Galicia, pero ademais foi un gran literato, un investigador e un polígrafo que tratou temas moi diversos.
—Vostede retrata a un profesor que ía moito máis alá da lección maxistral, que rompía os muros da aula.
Efectivamente, Filgueira trascendía o que é o muro das aulas. Hai que ter en conta que el converte o instituto de Pontevedra, onde estivo moitísimos anos como profesor e director, nun faro de cultura para a cidade. O centro tiña unha proxección social inmensa; el invitaba aos seus alumnos a participar activamente da vida educativa e cultural de Pontevedra.
—Hoxe asociamos innovación case en exclusiva coa tecnoloxía, pero en que consistía a innovación que Filgueira transmitía naquelas décadas de mediados do século XX?
Esa é unha cuestión moi interesante, porque a innovación non está só na tecnoloxía. Pode axudar, claro, pero a innovación é, sobre todo, unha actitude docente. No seu instituto, Filgueira valoraba e promovía moitísimo a práctica musical —aínda hoxe quedan membros vivos daquel coro que seguen cantando— e o teatro escolar. Representaban obras constantemente, incluso el mesmo escribía pezas específicas para os seus alumnos.
Converte o instituto de Pontevedra, onde estivo moitísimos anos como profesor e director, nun faro de cultura para a cidade
—Tamén menciona o uso do cine nunha época na que moitos proxectores collían po nos almacéns.
Así é. Aos institutos de toda España chegaba material de 16 mm, en cor e sonoros, que moitas veces quedaba «criando malvas». Filgueira non. El movía embaixadas, casas de cultura e firmas comerciais para que fornecesen de películas ao centro para o seu uso didáctico e de recreación. Tamén promovía que os alumnos preparasen monografías e desen conferencias no Paraninfo, ás veces con profesorado universitario entre o público.
—Quizais un dos seus maiores fitos foi esa conexión directa co Museo a través dos propios estudantes.
Foi pioneiro en España ao crear a figura do «alumno colaborador». Eran mozos que axudaban nos seminarios a preparar exposicións e demostracións. Pero o máis extraordinario foi establecer o alumno colaborador do Museo de Pontevedra, que funcionaba como un voluntariado. O primeiro de España foi Alfredo García Alén, un discípulo moi querido de Filgueira e outra figura clave para a nosa cidade.
Procuraba que as súas clases tivesen a mellor calidade posible porque os coñecía polo seu nome, coñecía as súas familias e interesábase por eles
—Perdeuse hoxe o rastro desa escola de humanismo ou segue viva na actualidade?
Quizais perdemos un pouco de humanismo en xeral. O humanismo é valorar sobre todo as características humanas, as persoas. As testemuñas de ex-alumnos coinciden nun punto: Filgueira tiña un gran respecto polos alumnos. Procuraba que as súas clases tivesen a mellor calidade posible porque os coñecía polo seu nome, coñecía as súas familias e interesábase por eles. Era unha relación respectuosa pero familiar. Ese contacto é o que hoxe corremos o risco de perder se prescindimos da presenza das familias nos centros.
—Para quen hoxe só identifica a Filgueira co nome dunha rúa ou do Museo, que é o que máis lle vai sorprender destas páxinas?
Sen dúbida, a súa inmensa actividade. Vai sorprender descubrir como aquel home converteu un instituto de provincias nun modelo de vangarda educativa que miraba de fronte a calquera centro europeo da época.
—Afirma que a pesares dos seus logros, Filgueira segue a ter facetas incomprendidas.
A máis incomprendida claramente é a parte política, á que agora se asoman algúns de xeito moi inxusto. Esa faceta necesitaba unha análise detida, no seu contexto, e non só prexuízos.
Suscríbete para seguir leyendo
- A juicio en Pontevedra por apropiarse de la herencia de 400.000 euros de su hijo de 10 años
- Atascos en la AP-9 en Pontevedra por un accidente bajo el puente de A Barca
- El PP de Pontevedra admite que la tasación de la Xunta por las expropiaciones de San Mauro son 'precios impropios
- La nueva vida de Ana Paz en Nueva Zelanda: entre la hostelería y la creación de contenido
- El histórico edificio Varela de Pontevedra tendrá un uso turístico y contará con 17 apartamentos
- «Gallegos de mierda», «os voy a matar»: los insultos que acabaron en detención durante un control de alcoholemia en Pontevedra
- Tres heridos, uno de ellos excarcelado, en un accidente múltiple en Marín
- Remontada de campeonato