Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Lidia Mariño Fisioterapeuta e antropóloga

«Ao levantar a paletilla caída tentábase sandar o corpo e tamén a alma»

«Se non recollemos agora estas voces, dentro de pouco xa non haberá quen nolas conte», afirma a investigadora desta práctica curativa tradicional

Lidia Mariño Ventoso, cun exemplar do seu libro «Levantar a paletilla caída».

Lidia Mariño Ventoso, cun exemplar do seu libro «Levantar a paletilla caída». / FdV

Pontevedra

Lidia Mariño Ventoso é fisioterapeuta e antropóloga. Estudou Fisioterapia no campus de Pontevedra e Antropoloxía na UNED, tamén en Pontevedra. Desa dobre mirada nace «Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega», un libro no que recupera unha práctica curativa moi estendida en Galicia e vinculada tamén á súa propia historia familiar.

Que era exactamente a paletilla? Un óso, un músculo, unha zona do corpo...?

Esa é precisamente a clave do libro. Durante moito tempo déronselle moitas voltas. En libros de etnografía e mesmo en textos médicos aparecen distintas interpretacións: que se era un órgano, un tendón, un óso... Todo o mundo que lembra a paletilla di o mesmo: «O que a min non me quedaba claro era que era». O libro dá unha resposta que, ata onde eu sei, non se dera antes.

Falábase sobre todo de ter a paletilla caída. Que significaba iso?

A expresión máis habitual é «a paletilla caída». O síntoma máis identificativo era o desánimo. A persoa estaba decaída, sen forzas, sen ganas de nada. É un síntoma máis emocional, aínda que tamén había síntomas físicos, como dor de costas ou dor de estómago. Hoxe poderiamos relacionalo con cousas que chamaríamos ansiedade ou depresión, aínda que daquela se interpretase doutra maneira.

É unha tradición exclusivamente galega?

Non. Aquí témola moi identificada, pero aparece noutros lugares da Península Ibérica, no norte de España e tamén noutros puntos de Europa. Incluso hai referencias en Italia e en Sudamérica, aínda que nesta última é probable que chegase levada desde aquí. As súas orixes teñen que ser moi antigas. Ten similitudes con prácticas chamánicas, aínda que non sexa o mesmo.

A práctica estaba máis preto da fisioterapia ou da crenza?

Das dúas cousas. Tiña unha parte manual moi parecida ao que facemos os fisioterapeutas, aínda que dunha maneira máis rudimentaria, e outra parte de rezos e ensalmos, máis enfocada ao emocional, ao espiritual, a dar tranquilidade. En poucas palabras, a paletilla intentaba sandar o corpo e tamén a alma.

Na súa familia había levantadores de paletilla.

Si. O meu bisavó e a miña avoa. El era bastante famoso na contorna de Portosín. Facíao coa man e coa palabra, pero tamén tiña unha técnica especial: recitaba o ensalmo na misa, nun momento moi concreto, entre a elevación da hostia e o cáliz. A xente dáballes moita transcendencia a esas palabras. A miña avoa xa o facía dun xeito máis doméstico, para a familia e algúns veciños. Aí vese tamén como o rito foi perdendo importancia. Curiosamente, non eran pai e filla, senón sogro e nora. Cada levantador de paletilla elixe a unha persoa da súa familia que considera que ten o don. El pasoullo a ela.

Como chegou vostede a interesarse por esta práctica?

De pequena víao facer na casa e pensaba que se facía en todas as casas. Logo decateime de que non. Cando estudei Fisioterapia chamoume a atención que algunhas cousas se parecían ao que facía a miña avoa. E cando estudei Antropoloxía xa foi definitivo, porque vin a importancia que teñen estas técnicas ancestrais de curación. O libro une as miñas dúas formacións e tamén as miñas dúas curiosidades.

"Na miña familia, meu bisavó e miña avoa eran levantadores de paletilla"

Como era a técnica?

Había moitas formas. Unha das máis habituais era provocar un estralo nas costas. Podía facerse coa persoa sentada, cun coxín na espalda, ou de pé, abrazándoa por detrás e facéndolle estralar os ósos. A miña avoa escollía unha técnica ou outra segundo a complexión da persoa. En fisioterapia iso lembra ás manipulacións da osteopatía, coa diferenza de que nós valoramos antes a vértebra ou o bloqueo concreto. Eles facíano dun xeito máis xenérico.

Funcionaba?

A xente di que si. Case todas as persoas entrevistadas aseguran que funcionaba e que se atopaban mellor. Antes facíase un diagnóstico medindo a altura dos dedos, e despois do tratamento volvíase medir. Mesmo nos casos nos que só se rezaba, os dedos aparecían equilibrados. Eu non podo dicir cientificamente por que pasaba, pero a xente sentía melloría.

O libro naceu como traballo académico.

Si, foi o meu traballo de fin de grao en Antropoloxía. Tivo matrícula de honra e eu tiña moito máis material do que cabía alí. Presenteino ao Premio Vicente Risco de investigación en Ciencias Sociais, quedou finalista e publicouse.

Por que é importante recuperar estas prácticas?

Non me interesa contalo como unha anécdota curiosa. Creo que temos moita falta de reflexionar na sociedade. A medicina actual ten avances enormes, pero ás veces é máis desalmada: vai ao corpo como se non houbese un ser humano detrás. A medicina tradicional buscaba máis o ser humano enteiro. Non se trata de volver levantar paletillas, senón de aprender do que aquilo achegaba.

Sorprendeulle o interese xerado?

Moito. Escríbeme xente dicindo que por fin atopou unha resposta a algo que lembraba da infancia. Iso emocióname. Se non recollemos agora estas voces, dentro de pouco xa non haberá quen nolas conte. A paletilla estaba por toda Galicia, na costa e no interior, e forma parte da nosa memoria.

"A xente que ía levantar a paletilla non só buscaba que lle pasase unha dor; tamén buscaba que alguén a escoitase"

No libro tamén fala doutras prácticas, como quitar o aire ou o mal de ollo. Que relación teñen coa paletilla?

Hai relación porque forman parte dese mesmo universo da medicina tradicional, pero non son exactamente o mesmo. O mal de ollo ou quitar o aire teñen que ver sobre todo coa parte espiritual: a envexa, unha mala mirada, un aire que colle a persoa... Despois estaban os compoñedores, que ían máis á parte física, a colocar unha corda ou algo que estaba fóra do sitio. O curioso da paletilla é que une as dúas dimensións; traballa o corpo e tamén a parte emocional ou espiritual. Para min iso é o máis singular.

Esa visión máis completa é a que quere reivindicar?

Si, no sentido de pensar no paciente como un todo. A ciencia levounos moi lonxe e non se trata de negala, ao contrario. Pero ás veces perdemos o acompañamento, a palabra, o coidado emocional. A xente que ía levantar a paletilla non só buscaba que lle pasase unha dor; tamén buscaba que alguén a escoitase, a acollese e lle dese unha explicación ao que lle ocorría.

A tradición segue viva?

Moi pouco. Quedan lembranzas, persoas maiores que o viron facer ou que o recibiron, pero xa é algo moi residual. Por iso tiña sentido recollelo agora. Estamos nun momento no que esa memoria aínda existe, pero está a piques de desaparecer.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents