Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festa dos Maios 2026

Maio florece na Ferraría

Marcos da Portela volveu ser o gran triunfador dunha Festa dos Maios na que Pontevedra celebrou a primavera entre flores, fiúncho, coplas e memoria popular

Pontevedra celebrou a súa festa dos Maios

Rafa Vázquez

Pontevedra

A Ferraría volveu ulir a maio. Antes de que soasen as voces, antes mesmo de que o xurado tivese que mirar con ollos atentos cada coroa, cada flor e cada verso, a praza xa estaba tomada por esa fragancia verde que anuncia en Pontevedra a chegada verdadeira da primavera. Non chega maio cando o di o calendario, chega cando aparecen o fiúncho, as flores, os ovos brancos, os palitroques e a retranca cantada arredor dunha arquitectura efémera feita coa paciencia das mans.

Cinco maios participaron este ano na festa pontevedresa, os dos colexios de Campañó, Froebel, Campolongo, Marcos da Portela e Marcón. Cinco maneiras de entender unha tradición antiga, vencellada aos ritos de benvida á primavera, á fertilidade da terra e ao renacer da natureza, que en Galicia conserva unha expresión propia a través destas estruturas vexetais cubertas de flores, musgo, fiúncho, froitos ou ovos. En Pontevedra, ademais, os maios teñen voz, porque arredor deles cántanse coplas de carácter crítico, humorístico e popular, unha sorte de crónica do ano feita con rima, música e retranca.

Ese é o milagre pequeno da festa, que o maio non é só unha figura floral, senón tamén un espello. A cidade mírase nel e atrévese a dicirse en alto. As coplas fan de xornal cantado, de memoria oral, de comentario veciñal. Nelas caben a actualidade, as preocupacións, as ironías, as pequenas ledicias e tamén esas críticas que, por ir envoltas en música, semellan máis doces sen deixar de ser certeiras.

A edición de 2026 tivo como gran protagonista ao Maio de Marcos da Portela, que se impuxo no Premio ao Maio, nas Cantigas e na Interpretación, ademais de recibir o Premio Especial Maios. O seu dominio confirmou unha vez máis a forza dun centro que leva anos asociado á excelencia desta festa e que volveu saír da Ferraría cun papel principal no palmarés.

No Premio ao Maio, tras o primeiro posto de Marcos da Portela, situáronse Marcón, Campañó e Froebel. Nas Cantigas, o segundo lugar foi para Campolongo, o terceiro para Campañó e o cuarto para Marcón. Na categoría de Interpretación, repetiu triunfo Marcos da Portela por diante de Campolongo, Campañó e Froebel.

A coroa, ese remate vexetal que ás veces parece gardar toda a delicadeza do maio, tivo como gañador ao colexio de Marcón. O segundo posto foi para Campañó, o terceiro para Marcos da Portela e o cuarto para Froebel. Pola súa banda, o Premio Especial do Xurado recaeu en Campañó, recoñecendo así unha proposta que tamén deixou pegada na mañá festiva.

A Festa dos Maios de Pontevedra mantén dese xeito o seu equilibrio máis fermoso: é concurso e é rito, é infancia e memoria, é traballo colectivo e celebración popular. Cada maio nace para durar pouco, apenas unha mañá, pero queda logo na lembranza como quedan as cousas feitas sen présa: o arrecendo do fiúncho, o murmurio da xente, as coplas que pasan de boca en boca e esa certeza de que hai tradicións que non se conservan gardándoas nun museo, senón poñéndoas cada ano no medio da praza.

Alí, na Ferraría, Pontevedra volveu facer exactamente iso, sacar a primavera á rúa, vestila de flores e cantala en voz alta.

Tracking Pixel Contents