Creación dixital
L.E.O, o creador que mete a mitoloxía galega no videoxogo máis retro de todos
Leo Espiña Otero, graduado en Belas Artes de 24 anos, vén de crear «As lendas da Galaquia», un videoxogo «aínda máis retro que a Game Boy» que anima a perderse nun bosque de Galicia cunha proposta en galego e inglés

Leo Espiña Otero, L.E.O., creador do videoxogo «As lendas da Galaquia». / Gustavo Santos
Con 24 anos, Leo Espiña Otero, L.E.O. a nivel profesional, acaba de dar un paso adiante nun proxecto que leva seis anos medrando na súa cabeza. Graduado en Belas Artes en Pontevedra, está detrás de «As lendas da Galaquia», un videoxogo en galego e inglés que nace do seu Traballo de Fin de Grao «Os bosques da Galaquia», e que resume moi ben a súa maneira de crear: mesturar arte, memoria, mitoloxía e espírito retro nun formato pequeno, pero cheo de intención. Vai ser presentado a mediados do mes de maio.

Un mapa para moverse no frondoso bosque galego. / L.E.O.
A idea central é facer que quen xogue sinta «o que significa perderse nun bosque galego», explica. Non só camiñar entre árbores, senón avanzar con cautela, con curiosidade e cun pouco de medo. Leo Espiña quería recuperar esa emoción de descubrir un lugar descoñecido, de non telo todo explicado desde o principio, e por iso o bosque cambia e obriga a aprender pouco a pouco como funciona. Hai ecos do primeiro «The Legend of Zelda», a serie de videoxogos xaponesa de 1986, nesa vontade de explorar sen excesivas axudas, orientándose tomando notas e debuxando mapas propios.

Restos dun olláparo (ser mitolóxico galego) no videoxogo. | / L.E.O.
A elección da Game Boy orixinal non é un capricho, é unha decisión de linguaxe. A limitación técnica obriga á precisión, á síntese. O retro, neste caso, é unha ferramenta. O xogo poderá executarse en navegador, tamén en forma de ROM para emuladores e mesmo, para quen queira completar o rito, nunha Game Boy real. O pasado serve aquí para facer algo moi contemporáneo: adaptar unha experiencia profundamente local ás formas actuais de acceso e distribución.
A mitoloxía galega é outra das pezas fundamentais. Leo non colle estas figuras como quen coloca decoración recoñecible, senón como quen intenta traducir as lendas a mecánicas concretas. O trasno, por exemplo, deixa de ser só unha criatura travesa para converterse nun comportamento dentro do xogo. A Santa Compaña non aparece como un simple guiño cultural, senón como unha presenza ligada ao paso do tempo, á tensión e ao perigo. O importante é que o xogador non se limite a ver referencias, senón que aprenda a convivir con elas.
Nese sentido, «As lendas da Galaquia» ten unha idea moi atractiva: avanzar non depende só dos obxectos que se conseguen, senón do coñecemento que se acumula. «Morrer non supón un fracaso total, porque cada partida serve para entender mellor o bosque, descubrir unha ruta nova ou captar un detalle que antes pasara desapercibido», di o creador. Esa aprendizaxe lenta é unha das claves do proxecto e tamén unha das súas maiores virtudes. Hai algo moi galego nesa maneira de escoitar o territorio antes de pretender dominalo persoalmente.
O videoxogo pode atoparse nos espazos web ligados ao autor. A súa páxina persoal é leo.gal, onde reúne distintos traballos e enlaza tanto co seu perfil de itch.io como coas súas redes. En itch.io está dispoñible «Os bosques da Galaequia», a peza nacida do TFG, que pode xogarse directamente no navegador e tamén descargarse en formato ROM, ademais do libro de arte e da memoria do proxecto. Esa dobre presenza, entre web propia e plataforma independente, axuda a entender ben o seu traballo.
O seu videoxogo xa estivo presente na «Atlantic Games Conference de Carballo», un encontro profesional arredor do desenvolvemento de videoxogos que se celebra nesta localidades coruñesa e que reúne creadoras, estudos e xente do sector. Levou alí o proxecto porque esa experiencia lle serviu tamén para compartilo con persoas de fóra de Galicia. No ecosistema galego do videoxogo tamén menciona citas como o Lérez Up, en Pontevedra, e o Píxel á Feira, en Santiago, proba de que arredor deste ámbito hai un movemento vivo.
Máis ocio en galego
O xogo de L.E.O. esta en galego e inglés. Por unha banda, porque o creador quere contribuír a que haxa máis ocio no noso idioma. Pola outra, porque tamén lle interesa facer chegar a cultura galega a xente que non a coñece. Sen grandes discursos, «As lendas da Galaquia» propón algo pouco habitual: coller o misterio dun bosque, o peso das lendas e o coidado do traballo artesanal, e metelos nunha pantalla pequena que, malia todo, consegue parecer inmensa e moi fonda.
Suscríbete para seguir leyendo
- La playa de Silgar: de las casas marineras a epicentro del turismo
- «Gallegos de mierda», «os voy a matar»: los insultos que acabaron en detención durante un control de alcoholemia en Pontevedra
- El faro de Ons cumple cien años con un homenaje a sus últimos fareros
- De los vídeos de Instagram al timbre de ayuda: así se distingue el nuevo gimnasio de Poio
- Marín estrena por fin su gran casa cultural tras décadas de espera
- Los sindicatos acusan a la patronal de intentar frenar la huelga del metal
- Simoneta Gómez-Acebo acompaña al rey emérito en Sanxenxo
- La UNED Pontevedra lleva a toda la provincia la mayor programación de cursos de verano de su historia