Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día do Libro

«Canta Rosalía» a prol da literatura

Entregados os premios aos traballos gañadores do concurso escolar que recibiu 30 propostas realizadas en 21 colexios de distintos lugares da provincia

Premiados no concurso da Deputación.

Premiados no concurso da Deputación. / FdV

Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñeceu a afección pola lectura, a cultura e a lingua galega que demostra o alumnado da provincia coa súa ampla participación no certame escolar «Canta Rosalía» que, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, entregou os premios aos traballos gañadores nas distintas categorías deste concurso promovido polo organismo provincial. «Queda máis que demostrado que a provincia é unhar canteira de lectores», proclamou López nunha xornada celebrada no auditorio Manuel Pérez Matos «Portu» do Centro Príncipe Felipe coa asistencia de máis de 500 estudantes e mestres de distintos colexios da provincia e na que tamén participou o deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela.

Esta segunda edición do concurso escolar impulsado pola Deputación co obxectivo de render homenaxe a Rosalía de Castro e divulgar a súa obra dun xeito creativo entre a mocidade da provincia, superou todos os rexistros de participación. Divididos en tres categorías segundo a idade dos escolares, presentáronse 30 traballos elaborados por estudantes de 21 colexios de distintos concellos da provincia.

Na categoría Campaniñas (para estudantes de primeiro a cuarto de Educación Primaria), a proposta gañadora foi a dos estudantes de terceiro curso do colexio Santiago Oliveira de Ponteareas; o segundo posto, para o alumnado de terceiro curso do colexio Manuel Sieiro de Crecente; e dous terceiros postos para os nenos e nenas de primeiro curso dos colexios de Chancelas (Poio) e Igrexa Candeán (Vigo). Na categoría Airiños (para o alumnado do último ciclo de Educación Primaria), o primeiro premio foi para o alumnado de quinto e sexto do colexio Manuel Sieiro de Crecente, o segundo, para os de sexto do colexio da Espiñeira de Aldán (Cangas de Morrazo) e os dous terceiros premios, para os colexios Santiago de Oliveira (Ponteareas) e Petelos (Mos). Na categoría de Fontiñas (para estudantes da ESO), os gañadores foron os alumnos e alumnas de primeiro e segundo do IES de Carril (Vilagarcía de Arousa), o segundo, para os de segundo do IES Alexandre Bóveda (Vigo); e o terceiro; para os de cuarto do IES As Bizocas (O Grove).

«Teño que darvos as grazas pola cantidade e calidade dos traballos que presentastes a este concurso. Nada menos que 30 propostas realizadas en 21 colexios de distintos lugares da provincia», afirmou o presidente despois da entrega de premios para compartir cos nenos e nenas que asistiron a este acto que «non imos esquecer nunca que celebramos o 100 aniversario do día do libro na Deputación».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents