Entrevista | David Domínguez Creador de contido en Redmeteo
«De neno castigábanme sen ver o tempo; era o castigo que máis me doía»
Natural de O Campo Lameiro, fixo que a súa paixón pola meteoroloxía sume na actualidade máis de 70.000 seguidores nas redes

David Domínguez pasea pola Illa do Covo de Pontevedra. / GUSTAVO SANTOS
Natural de O Campo Lameiro e con 30 anos, o creador de contido dixital sobre meteoroloxía David Domínguez converteu unha paixón de toda a vida nun proxecto divulgativo: Redmeteo, que suma milleiros de seguidores (máis de 39.000 en Facebook e 31.000 en Instagram). Autodidacta, reivindica o valor pedagóxico das redes sociais e advirte dos cambios cada vez máis visibles no clima galego.
—De onde vén a súa afección pola meteoroloxía?
Vénme desde que teño uso de razón. Sempre digo que nacín con isto. De pequeno vía os espazos do tempo na televisión, a Pemán e outros, e interesábame cada vez máis e miña nai foime comprando libros. Máis adiante, coa chegada de internet á casa, fun aprendendo de maneira totalmente autodidacta, entrando en foros, lendo artigos, consultando páxinas especializadas e seguindo a outros profesionais.
—Con que idea nace Redmeteo?
En 2014 decidín crear Redmeteo en Facebook. A idea era construír unha rede ou unha pequena ponte de meteoroloxía en galego. Ao principio publicaba unha vez á semana, escribía en castelán e non o tomaba demasiado en serio. Era máis ben algo que facía cando me apetecía. Co paso do tempo decateime de que quería contar a meteoroloxía á miña maneira. Saber se vai chover está ben, pero a min interesábame ir máis alá: por que vai chover, por que sucede un fenómeno concreto e como se lle pode explicar á xente de maneira clara. Nun sitio pequeno como O Campo Lameiro, onde moita xente me coñece, era habitual que me preguntasen por que ía chover tanto ao día seguinte ou que estaba pasando. A partir de aí empecei a facer gráficos e explicacións máis didácticas, algo que sigo facendo.
—E a resposta da xente foi medrando...
Si, foi medrando pouco a pouco. Agora mesmo teño arredor de 39.000 seguidores en Facebook e en Instagram, onde empecei bastante despois, xa estou case nesa cifra tamén. A verdade é que non esperaba chegar a tanta xente. Ás veces vou por aí, mesmo lonxe da casa, e a xente recoñéceme e párame. Faise algo estraño, pero sempre con moita amabilidade.
—O seu caso tamén demostra que as redes sociais poden ter un lado moi positivo.
Claro que si. As redes sociais teñen perigos, sobre todo a certas idades, porque hai contido de todo tipo e hai que ter moito coidado. Pero, ben usadas, tamén poden ser unha ferramenta marabillosa para aprender, divulgar e coñecer xente moi interesante. A min déronme algo que nin esperaba. Iso si, penso que hai que saber moi ben filtrar o que se ve e o que non.
—A día de hoxe xa ten formación específica en meteoroloxía?
Non. Fixen bacharelato e comecei a traballar, pero toda a miña formación en meteoroloxía é autodidacta. Sempre o digo: mentres outros nenos querían ver debuxos, a min castigábanme sen ver o tempo. Ese era o castigo que máis me doía.
"Estamos normalizando días de 30 graos xa en primavera, e iso antes podía pasar de maneira puntual, pero agora é cada vez máis frecuente"
—Este inverno deu moito que falar en Galicia. Como o vivíu desde o punto de vista meteorolóxico?
Foi un inverno moi activo. Houbo outras épocas de tren de borrascas, pero nos últimos anos facía tempo que non viamos algo así, sobre todo non tanto pola cantidade de chuvia senón polos días consecutivos e polas temperaturas asociadas. En Galicia estamos afeitos á chuvia, pero este ano tamén tivemos moito aire frío. En O Campo Lameiro, por exemplo, non adoita nevar, máis alá dalgún episodio puntual nos montes, e este inverno nevou cinco ou seis veces. Iso foi moi destacable.
—E como ve a primavera?
Eu non son moi partidario dos prognósticos a longo prazo, e menos en primavera. É unha época moi cambiante, porque aínda hai aire frío presente, pero o aire cálido xa comeza a subir, e iso provoca contrastes e cambios bruscos en pouco tempo.
—Os cambios tan bruscos que estamos vendo son un síntoma do cambio climático?
Hai variables que están cambiando de forma bastante evidente. Pode caer unha cantidade de chuvia semellante, pero concentrada en menos tempo, de maneira máis torrencial. E onde máis se nota é nas temperaturas. Os veráns comezan antes e rematan máis tarde. Estamos normalizando días de 30 graos xa en primavera, e iso antes podía pasar de maneira puntual, pero agora é cada vez máis frecuente. Son pequenos cambios que, vistos ano tras ano, van elevando a temperatura media e fan os veráns máis duros.
—Gustaríalle dedicarse profesionalmente á información meteorolóxica?
Supoño que para iso pedirán unha formación mínima, algunha carreira relacionada, quizais xornalismo ou física. Eu agora mesmo estou ben como estou. Traballo noutra cousa totalmente distinta e no meu tempo libre dedícolle moitísimo a isto. Redmeteo non o penso deixar mentres poida. Iso si, teño unha corazonada: non sei cando nin como, pero gustaríame que algún día pasase algo nesa dirección.
—Ademais da meteoroloxía, a natureza ocupa un lugar importante na súa vida.
Si, encántame. Teño moitas afeccións, entre elas correr e a fotografía. Gústame moitísimo saír, sacar fotos das inclemencias meteorolóxicas, dos amenceres, dos solpores… Ao final xúntase todo: meteoroloxía, natureza, deporte e fotografía. É aí onde me sinto plenamente feliz.
Suscríbete para seguir leyendo
- A juicio en Pontevedra por apropiarse de la herencia de 400.000 euros de su hijo de 10 años
- Pontevedra y Sanxenxo se quedan fuera de las ayudas de la Xunta para socorristas este verano
- Atascos en la AP-9 en Pontevedra por un accidente bajo el puente de A Barca
- El PP de Pontevedra admite que la tasación de la Xunta por las expropiaciones de San Mauro son 'precios impropios
- Protesta contra la retirada de la balaustrada del paseo de Silgar este viernes
- La nueva vida de Ana Paz en Nueva Zelanda: entre la hostelería y la creación de contenido
- El histórico edificio Varela de Pontevedra tendrá un uso turístico y contará con 17 apartamentos
- Tres heridos, uno de ellos excarcelado, en un accidente múltiple en Marín