Patrimonio de Pontevedra
Calros Solla: “Somos herdeiros do pasado e non podemos deixar unha ponte perdida”
O etnógrafo pontevedrés defende a recuperación da Ponte do Couto sobre o río Gafos como unha cuestión de patrimonio, memoria e dignidade colectiva

Calros Solla, sobre a deteriorada Ponte do Couto no río Gafos de Pontevedra. / GUSTAVO SANTOS
En «Auga mol en pedra dura. Inmobiliario etnográfico do río dos Gafos», o investigador Calros Solla (Pontevedra, 1971) inclúe á Ponte do Couto, unha construcción de pedra de dúas bóvedas situada nas inmediacións da rúa Ramón Otero Pedrayo, que a asociación Vaipolorío urxe recuperar e rehabilitar.
A Ponte do Couto segue a ser unha gran descoñecida para moita xente de Pontevedra.
Si, sen dúbida. A Ponte do Couto e toda a súa contorna forman parte da paisaxe da miña infancia. Fun alumno do colexio do Gorgullón e, ademais, nacín e crieime moi preto de alí. A ponte era, dalgunha maneira, o límite sur do noso territorio. Desde ben noviños iamos alí xogar. Teño aínda moi fresca na memoria a imaxe de subir ao tallamar e imaxinar que era a proa dunha embarcación. É un recordo indelébel.
E esa ligazón persoal fai máis doloroso ver o estado no que se atopa hoxe?
Claro. Eu son moi consciente do grao de deterioro da ponte. Basta comparar o seu estado actual coas fotografías dos anos 60, que aparecen no libro «Auga mol en pedra dura». Nesas imaxes vese un tallamar en perfecto estado e un lousado que aínda conservaba unha certa integridade. Despois veu o abandono, o asentamento chabolista, a acumulación de lixo e chatarra, e tamén o paso de vehículos pesados. Todo iso deixou unha pegada moi fonda.
Sorprende especialmente saber que mesmo chegaban camións ata a ponte.
Si, e iso dá idea da agresión que sufriu o lugar. O paso de transporte pesado fixo moita mella no lousado. Hai lousas soltas e outras desprazadas. E, ademais, hai que ter en conta que o río dos Gafos adoita desbordar. A Ponte do Couto está concibida para quedar por baixo da auga en determinados momentos, e iso tamén explica que non teña peitorís: para non ofrecer resistencia á corrente. Pero se a estrutura xa está debilitada, cada enchente agrava o problema.
Cando se fala da Ponte do Couto, xorde sempre a cuestión da súa orixe: romana, medieval...
O que vemos hoxe moi probablemente sexa unha ponte da baixa Idade Media, quizais dos séculos XIV ou XV. Hai quen a sitúa mesmo no XVI. Agora ben, iso non exclúe que haxa elementos romanos reutilizados ou estruturas anteriores. Sempre se falou de alicerces romanos, pero iso só se poderá confirmar mediante catas arqueolóxicas. O importante é que estamos diante dunha ponte moi antiga, e de enorme valor histórico en calquera dos casos.

A Ponte do Couto na actualidade, visiblemente estragada. / Gustavo Santos
Deféndese que, de confirmarse esa orixe, podería ser a única ponte romana da provincia de Pontevedra.
Si, esa é unha valoración do arqueólogo Rafael Rodríguez. Pero insisto, fan falta catas arqueolóxicas para afirmalo con rotundidade. O que si sabemos é que nas inmediacións apareceu o chamado miliario da Ponte do Couto, vinculado á Vía XIX romana. E iso xa é un indicio moi importante.
Que nos di ese miliario sobre a relevancia histórica da ponte?
Pois dinos moito. Non só polo propio miliario, senón tamén polos outros que apareceron ao norte e ao sur de Pontevedra. Todo iso reforza a idea de que a Vía XIX entraba en Turoqua, ou no antecedente da actual cidade, polo Couto de Pontevedra, e continuaba despois cara ao norte. É dicir, a Ponte do Couto estaría integrada nun itinerario de enorme importancia histórica. Ademais, ese trazado coincide en boa medida co que hoxe coñecemos como o Camiño Portugués a Compostela. Por tanto, conflúen aí dous intereses culturais moi relevantes.
A día de hoxe, cal sería a actuación máis urxente?
Para min hai unha prioridade clarísima: retirar a canalización de fecais que atravesa a cabeceira da ponte pola marxe dereita do río. Esa obra fíxose nos anos 80 e, polo que sabemos, sen control arqueolóxico. É unha aberración. Esa canalización debería desviarse por outro trazado, por exemplo pola rúa Otero Pedrayo, e afastarse dunha zona patrimonial tan sensible.
"O miliario atopado reforza a idea de que a ponte estaría integrada na Vía XIX romana"
É dicir, non estamos só ante un problema de abandono, senón tamén de intervencións moi agresivas.
Exactamente. Estamos ante unha suma de despropósitos. O abandono, o asentamento chabolista, os vertidos, a canalización de fecais… Todo iso foi degradando tanto a ponte como a súa contorna. E por iso a resposta ten que estar á altura.
Esa recuperación debería incluír tamén o río?
Ten que incluír necesariamente o río. Non se trata só de restaurar un ben inmoble, senón de actuar sobre toda a contorna e de dignificar ese treito do Gafos. O tramo que vai desde a Ponte do Couto ata a estación de autobuses está nun estado lamentábel, con ferralla, entullos, electrodomésticos e árbores caídas. Aí o voluntariado de Vaipolorío non pode asumir só esa tarefa. Fan falta medios mecánicos e unha intervención seria por parte das administracións.
Cal é, entón, o papel de Vaipolorío nesta reclamación?
Vaipolorío leva anos facendo un labor exemplar de defensa e coidado do río. Pero hai traballos que exceden por completo o que se lle pode pedir ao voluntariado. O que fan é manter viva a conciencia cidadá, lembrar que o río existe e que merece respecto.
Durante os labores de limpeza de 2023 apareceron ademais elementos moi singulares, como as rodeiras e a cruz protectora. Que importancia teñen?
Teñen moitísima importancia. Por unha banda, as rodeiras falan do paso continuado de carros e carruaxes durante séculos. Nunha das lousas vese unha marca especialmente fonda e estreita, moi singular, que evidencia ese tránsito constante. E, pola outra, apareceu unha cruz apotropaica, é dicir, protectora. É unha cruz gravada na pedra, cun simbolismo moi interesante. A cruz ten unha dobre lectura. Por un lado, protexe a propia construción. Levantar unha ponte era unha ousadía e, historicamente, as pontes encomendábanse ás divindades ou, xa en época cristiá, a Deus, para que resistisen as enchentes e non se viñesen abaixo. Pero, ademais, tamén protexe a quen a cruza. Atravesar unha ponte sempre implica un certo risco, e esa cruz ten tamén esa función simbólica de amparo.
Por que non debemos deixar caer a ponte?
Porque ao devolverlle a dignidade á ponte, tamén nos restituímos a nós mesmos como sociedade. Como pobo sensible, debemos esgrimir a ponte como símbolo de unión. Unión entre pasado, presente e futuro, pero tamén cohesión social no presente. Somos herdeiros do pasado e non podemos deixarlles aos cidadáns do futuro unha ponte estragada ou unha ponte perdida.
Isto é tamén unha chamada de atención ás administracións?
Por suposto. Cando a cidadanía se mobiliza por algo xusto, razoábel e necesario, as administracións teñen a obriga de responder. Estamos a falar dun ben patrimonial de enorme valor. Se é romano, a súa importancia é extraordinaria; e se é medieval, segue a ser unha das obras civís máis antigas da cidade. Non hai escusa posible para seguir mirando cara a outro lado. Perderíase unha peza fundamental da nosa historia e da nosa identidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- Emprendedores gallegos en nuevos sectores que desafían el abismo del primer año: así es la nueva generación de autónomos
- 25 años de la Vig-Bay: búscate entre los corredores de esta edición
- Así lucirán los locales comerciales de la Porta do Sol de Vigo: fachada integrada con el espacio, iluminación ornamental y punto informativo