Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Escena galega

O Galegote celebra o «momento doce» da música en galego

O festival regresa os días 24 e 25 de abril recuperando o seu espírito orixinal

Presentación do Galegote 2026.

Presentación do Galegote 2026. / FdV

Pontevedra

O festival Galegote volverá a Pontevedra os días 24 e 25 de abril de 2026 cunha nova edición que encherá de música en galego distintos espazos da cidade. O concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e o promotor Marcos Rivas presentaron o regreso dun evento que, tras un pequeno parón, recupera o seu formato e reivindica o «momento moi doce» que vive a escena musical galega.

Desde o Concello salientaron que o Galegote é un dos «buques insignia» da programación cultural pontevedresa e subliñaron que esta edición busca conectar a escena local coa de fóra da cidade. O cartel combina nomes xa consolidados con novas propostas, cunha ampla variedade de estilos que, segundo Gómez, evidencian que Galicia conta cunha cultura viva e cun panorama musical especialmente potente.

A programación de 2026 reúne artistas como Eladio y los Seres Queridos, Kid Mount, Chicharrón, Portosanto, Law, Dogo, Michu da Rocha, Flip Corale, Montedapena, Allada ou Duendeneta Dilleis. O cartel abrangue desde a música urbana ata o indie, o rock, o pop, o blues ou formatos máis acústicos e tradicionais, nunha mostra da diversidade da música feita en Galicia. Marcos Rivas puxo en valor o papel do Galegote como plataforma para que as bandas emerxentes gañen visibilidade antes de dar o salto a festivais de maior formato.

Os concertos celebraranse en diferentes locais hostaleiros e espazos de Pontevedra, como A Gramola, O Diáño, La Verbena, A Pomada, O Chato, A Nasa e o Campiño de Santa María, favorecendo un ambiente próximo co público. Os horarios detallados anunciaranse nos vindeiros días e o festival estreará tamén unha nova imaxe gráfica creada por Culebra Estudio.

Tracking Pixel Contents