Salón do Libro
Libros que teñen moitas vidas
Centos de familias encheron esta fin de semana o recinto feiral para gozar de dúas intensas xornadas marcadas pola febre lectora da Troca de Libros e as oito horas de música en directo do Orbil Fest.

Preto de 3.000 persoas pasaron esta mañá pola Troca de Libros. / Rafa Vázquez
O recinto feiral de Pontevedra converteuse na fin de semana nun fervedoiro de familias, contos e moita música. A sétima edición da Troca de Libros superou todas as expectativas ao conseguir cambiar máis de 12.000 exemplares, confirmándose como unha das citas máis agardadas e multitudinarias no marco do Salón do Libro.
«Esperamos máis que centos de persoas, a ver se chegamos aos miles», sinalaba de mañá visiblemente satisfeito Javier Sánchez, membro da ANPA do CEIP Torrente Ballester e coordinador da iniciativa, un desexo que se cumpliu sobradamente, xa que a feira convocou a preto de 3.000 persoas. O funcionamento é sinxelo pero tremendamente efectivo: o traballo groso faise previamente nos vinte centros educativos participantes (que abarcan dende infantil e primaria ata institutos e a Escola Oficial de Idiomas da cidade) onde as familias entregan os volumes que xa non usan a cambio duns vales. Chegado o domingo, eses billetes transfórmanse nunha nova aventura literaria ao poder trocalos durante a mañá por calquera dos libros expostos en calquera mesa.
«Os nenos veñen con ilusión de a ver que atopan, é unha pasada», explicaba Sánchez, mentres decenas de familias percorrían as mesas buscando a súa vindeira aventura de papel.
O gran éxito do ano pasado, que xerou notables colas nos accesos, serviu de aprendizaxe para a organización. Para evitar as aglomeracións e garantir a comodidade dos asistentes, o espazo dispoñible ampliouse a todo o pavillón, permitindo elevar o aforo simultáneo de 400 a 1.000 persoas.

Concerto de Pakolas no Orbil Fest. / FdV
Centos de familias con nenos acudiron á feira do libro usado. Coinciden unánimente en valorar a iniciativa e poñen en valor que non se trata dun simple troco pechado, senón dunha verdadeira rede de colaboración que implica a centros educativos, profesores, pais e pequenos lectores.
Vinte centros educativos participaron esta mañá na sétima edicion da Troca de Libros
Máis aló do innegable aforro económico que supón para os fogares, a Troca de Libros encerra unha fermosa filosofía sobre o ciclo da cultura. «Os libros teñen que ter unha segunda vida. Moitas veces lémolos soamente unha vez, ou os nenos desgastan os contos, polo que é unha boa solución para eses exemplares que xa non teñen uso na casa», reflexionaba o coordinador. Como chiscadela romántica aos tempos pasados, algúns volumes viaxan cunha folliña de rexistro, á vella usanza das bibliotecas públicas, que permite coñecer a súa trazabilidade e descubrir por cantos colexios e mans pasaron antes de chegar ao seu novo dono. Unha estratexia perfecta para manter viva a chama da lectura xusto nesa idade na que os múltiples estímulos ameazan con alonxar á mocidade das páxinas impresas.
A fervedoira actividade matinal da Troca de Libros estivo precedida onte polo exitoso nacemento onte do Orbil Fest. A música tomou o control do recinto dende primeira hora, aínda que cun lixeiro cambio de guión. Un imprevisto de última hora impediu a actuación inaugural de Ce Orquestra Pantasma, pero o oco foi maxistralmente cuberto por As Tareixas. Este singular grupo familiar —formado por José Manuel Díaz á guitarra e os seus fillos Omara e Román á trompeta e clarinete— presentou o seu traballo «Santo mandil», un entrañable e divertido tributo ás avoas.

O alcalde foi onte un dos visitantes do Salón do Libro. / Rafa Vázquez
Cancións cheas de bos desexos deron paso, pouco despois, á enerxía desbordante do alumnado de RockLab. As bandas de rapaces, algúns de apenas 9 anos, demostraron un talento abraiante con temas propios que deixaron claro que o rock pontevedrés ten o relevo xeracional asegurado.
Segiu a foliada tradicional da man de Trepia. O evento ofreceu tamén concorridos obradoiros de percusión, canto e baile galego, e rematou facendo brincar ás familias coas propostas de Pakolas e A Banda dos Insectos. O broche de ouro a un sábado frenético púxoo o concerto de Sés, «Nadando na incerteza».
Suscríbete para seguir leyendo
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- «En liquidación»: cierra la cadena de moda Emilio Iglesias, con cuatro tiendas en Vigo
- Indra contratará a 170 personas en Galicia y centrará en Vigo su centro de ingeniería para guerra electrónica
- Desbloquean las cesáreas humanizadas en el hospital Álvaro Cunqueiro tras un año paralizadas y prevén retomarlas en mayo
- Papá y mamá te acompañan: Carla Lago se estrena en la Vig-Bay tras perder a sus padres en dos años por inesperadas enfermedades
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo