Entrevista | María Xosé Silvar, Sés Cantautora
«A vulnerabilidade é mil veces máis potente ca ningunha festa»
«Asumo a sentenza do galego desde unha frase que me encanta e me aplico sempre: «Loito dende a desesperanza, pero sen contemplar a deserción»

A artista Sés, que trae este sábado o seu potente directo ao Pazo da Cultura. / FdV
A artista coruñesa Sés, unha das voces máis recoñecidas da música galega, chega este sábado ao Pazo da Cultura de Pontevedra coa súa xira «Nadando na Incerteza», que leva ao seu potente directo un formato de libro-disco onde esparexe a súa esencia acústica, tomando o control absoluto da produción para reflexionar sobre a dúbida, a ditadura dixital e a utopía dun mundo menos frívolo.
—O título do disco fala de habitar a dúbida nun mundo que nos esixe certezas absolutas, éxito inmediato e posicionamento rápido. Como foi o proceso persoal e creativo de aceptar esta convulsión e convertela en cancións?
O disco anterior xa falaba dese escenario que se nos presentaba a nivel global e que eu creo que, para calquera persoa cabal, era totalmente previsible; non era nada que nos fose sorprender. A maiores da incerteza inherente á propia vida, cando chegou iso que xa sabiamos que ía chegar, o que me fixo foi, sobre todo, reflexionar sobre como a incerteza colectiva impacta na realidade cotiá.
—Nunha época dominada polos sinxelos de consumo rápido e o streaming efémero, aposta por publicar un libro-disco físico de 120 páxinas. Foi un gusto estético ou hai unha declaración de intencións, unha rebeldía fronte á cultura de usar e tirar?
Pois ningunha das dúas cousas. Non son unha esteta, nunca o fun. E o libro tampouco é ningunha reacción a nada. Eu caracterízome por levar sempre un camiño libre; nin me adscribo a modas, nin reacciono contra elas. Entendo que a moda está ben, é lexítima, pero nin me inserín nunca nela nin me afectou o que se leva ou non se leva. Fixen simplemente o que me apetecía facer, como sempre, só que neste caso ía acompañado dun soporte físico porque entendía que esa unión da palabra escrita e a cantada era o que eu precisaba ofrecer. Sen máis.
—Neste álbum céntrase na molécula composta de texto e melodía. Descubriu algo da súa propia voz, e incluso das súas letras, ao espilas e deixalas case en esencia acústica?
No traballo descubrín moito da propia voz. Gravar é moi diferente de cantar en directo. Este traballo supuxo un coñecemento moito máis alá do habitual sobre min como facedora, porque asumín a totalidade da gravación e da edición. Aínda que non toquei todos os instrumentos, si os microfonei, os gravei e os editei. Iso permitiume cantar cando quixen cada canción. Non era chegar ao estudio e ter a obriga de gravar cinco temas un día concreto. Se non me atopaba estimulada, gravaba unha canción que esixía máis calma e unhas pulsacións que me permitisen cantala dun xeito máis real; e viceversa. Descubrín como actúa a miña voz cando anímicamente está no momento exacto para encarar determinadas letras. O que descubrín é o que xa sabía: que eu non son unha cantante, son unha cantora, eu digo as letras. Para unha cantante virtuosa se cadra non ten tanto que ver o que di o tema dun día para outro, pero para min teno todo que ver. Este disco deu un salto de nivel nas voces non porque cante mellor, senón porque digo en cada momento o que ese texto quere transmitir desde o estado anímico correspondente.
Este disco deu un salto de nivel nas voces non porque cante mellor, senón porque digo en cada momento o que ese texto quere transmitir desde o estado anímico correspondente
—Nos textos do libro fai reflexións potentes; fala de «yonkis da heroína electrónica» e dun sistema que nos reduce a sermos consumidores e produtos. Como xestionas contradición de habitar este ecosistema dixital sendo unha artista que precisa comunicar e anunciar xiras?
Con moitísima dificultade. Detéstoo. Provócame un rexeitamento visceral. Teño que abrir Instagram para poñer calquera tontería e embárgame o pudor. Ese rolo de que con 80 anos seguimos sendo «chicas» a min xa me carga; somos mulleres máis que adultas e ás veces sinto que estou facendo algo cun punto teenager que me incomoda moito. Como o xestiono? Primeiro, sendo consciente de que son unha humana máis e non traballando desde o «eu controlo». Esa peña que consome drogas e di «eu controlo»... non, non controlas. Por iso, por norma, teño as aplicacións desinstaladas e utilízoas única e exclusivamente cando as teño que utilizar. As cousas están feitas para que nos enganchemos, e se non o fago así, cando me dou conta vin dez vídeos estúpidos e non mirei a hora.
Ese rolo de que con 80 anos seguimos sendo «chicas» xa me carga; somos mulleres máis que adultas e ás veces sinto que estou facendo algo cun punto «teenager» que me incomoda moito
—A súa obra segue inquebrantablemente arraigada á lingua galega. Pensa que «nadar na incerteza» tamén funciona como metáfora do que supón hoxe facer música, poesía e pensamento dende e para Galiza?
Non. Por desgraza, a sentenza do galego está máis que sabida. Eu non nado na incerteza a ese respecto. Asumo a sentenza desde unha frase que me encanta e me aplico sempre: «Loito dende a desesperanza, pero sen contemplar a deserción». Considero a loita e a resistencia un fin en si mesmas. Non son unha loitadora que necesite o horizonte da vitoria para emprender a loita. A situación do galego, por desgraza, non é para nada incerta.
—Levará o disco ao Pazo da Cultura xunto a un elenco excepcional (Sabela Galbán, Hirahi Afonso, Tito Calviño e Mayfer Pinto). Como se traslada esa intimidade e vulnerabilidade do formato á enerxía e potencia dos sus directos?
É que a intimidade é potentísima. A vulnerabilidade, a mostra real e crúa da vulnerabilidade, é mil veces máis potente ca ningunha festa. Cando te dás de verdade e quedas ao descuberto perante mil seres humanos que son exactamente igual ca ti... a intensidade diso non ten competencia.
A miña utopía —e digo isto sen intención de insultar, senón para calquera persoa cabal— é que o mundo intente darse conta de que está instalado na frivolidade
—Hai algunha peza deste novo traballo que lle impoña un respecto especial á hora de interpretala en vivo?
Si, curiosamente unha das dúas que non está composta agora: A noite da deserción. Escribina narrando a historia dunha parella —eu era unha desas dúas persoas— que estaba moi namorada, pero que entrou nunha dinámica que xa non era bonita. Dicidimos que, como nos queriamos e nos respectabamos, non facía falta seguir sumando malos recordos e tomamos camiños separados. Pasamos unha última noite xuntos e ao día seguinte separámonos para non volvernos ver ata unha década despois. É de película. Cando a canto no escenario, primeiro dáme un pouco de pudor e despois lévame a ese momento exacto. Compúxena cara a 2014, estamos a 2026, e tardei moitos anos en poder cantala.
—Nunha das letras dí: «Sigo escollendo a utopía». Cal é a utopía de Sés ?
A miña utopía —e digo isto sen intención de insultar, senón para calquera persoa cabal— é que o mundo intente darse conta de que está instalado na frivolidade. Que nos decatemos de que non estamos sendo sensatas, de que somos demasiado frívolos, e que intentemos reiniciar isto sen necesidade de coñecer o sufrimento extremo. Que non faga falta, como dicía Hegel, unha guerra para reinicialo todo. Esa sería a miña utopía.
n
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- El nuevo «macroparque» infantil en Vigo da un paso clave para ser una realidad en 2027: elegida la empresa para ejecutar la obra