Salón do Libro
Dúas semanas de música, lectura e olladas a Palestina
A edición de 2026 bota a andar cun formato ambicioso, preto de 300 actividades para todas as idades no Pazo, o Recinto Ferial e o Teatro Principal e unha clara aposta pola accesibilidade

Orbil da a benvida aos primeiros rapaces que visitan o salón 2026. / Gustavo Santos
O XXVII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra botou a andar onte no Pazo da Cultura e ten por diante 16 xornadas máis de actividade ata o vindeiro 22 de marzo. A edición deste ano, que leva por lema «Que non pare a música!», desenvolverase en distintos espazos do Pazo, no recinto feiral e tamén no Teatro Principal, cun horario de tarde entre semana e de mañá e tarde nas fins de semana.
A apertura oficial celebrouse ás 18.30 horas no auditorio co espectáculo «Un concerto moi singular», unha estrea na que participaron Píscore e o Coro do IES Xunqueira 1, e que estivo seguida dunha visita libre á sala de exposicións.
A edición de 2026 chega ademais cun formato especialmente ambicioso. O programa recolle preto de 300 actividades escolares e familiares para bebés, rapazada, mocidade e público adulto, nunha proposta que volve facer do Salón un dos grandes eventos culturais do calendario pontevedrés. A música é o eixo central da programación, pero non o único: haberá contos, cine, teatro, maxia, circo, obradoiros creativos, videoxogos, cociña, poesía, concertos, camiñadas e exposicións.
O outro gran fío desta edición é Palestina, como cultura convidada. O Concello xa avanzara na presentación do Salón que quería poñer no foco a realidade palestina e expresar a súa solidariedade cun pobo sometido á guerra e á destrución, ao tempo que reivindica a riqueza da súa cultura e da súa literatura. Nesa liña, o programa incorpora actividades literarias, musicais e tamén reivindicativas, ademais da colaboración con entidades solidarias.
Antes mesmo da inauguración oficial, esa liña quedou marcada coa gala «Cultura contra a barbarie», celebrada o pasado mércores no Teatro Principal da man de Pallasos en Rebeldía, cunha recadación destinada á axuda humanitaria para familias de Gaza. É un dos sinais de identidade dun Salón que este ano quixo unir festa cultural e compromiso social baixo un mesmo paraugas.
Entre as citas máis destacadas das primeiras xornadas figura tamén «Moito por ler!», un encontro de mediación lectora previsto para este sábado e promovido pola Fundación Xistral. A organización presenta esta iniciativa como unha xornada para reflexionar sobre a mediación lectora e sobre o futuro do libro galego, nunha edición que non só mira á actividade infantil e familiar, senón tamén ao ecosistema cultural que hai arredor da lectura.
O Salón quixo reservar ademais un espazo de homenaxe a dúas figuras moi vencelladas ao libro e á cidade: a libreira Luz Gallego «Nenuca» e o editor Manuel Bragado. A edición deste ano pon o foco, precisamente, nesas profesións que fan posible que os libros cheguen ás mans das lectoras e lectores, e a sala de exposicións contará cun recanto específico para achegarse ás súas traxectorias.
No ámbito expositivo, unha das propostas con máis carga simbólica será «HeART of Gaza», unha mostra que reúne creacións infantís nacidas en medio da guerra e que pretende combater a deshumanización a través da arte. Esta exposición ofrece a mirada das crianzas, as vítimas máis invisibles de todos os conflitos, e insírese no conxunto de contidos cos que o Salón procura achegar a realidade palestina ao público pontevedrés.
A programación musical, fiel ao lema desta edición, esténdese por todo o calendario. Entre outras citas, o 18 de marzo o Teatro Principal acollerá «Agrupacións», un concerto do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, mentres ao longo das dúas semanas haberá tamén obradoiros, actividades de canto, baile e construción de instrumentos, ademais de propostas para bebés e público familiar.
Tamén haberá espazo para iniciativas xa clásicas, como o troco de libros, previsto para o domingo 15 de marzo, e para propostas máis vencelladas á cidade, como a camiñada literaria «Pontevedra poética», programada para o día 22. Xunto a iso, o Salón mantén a súa biblioteca de préstamo, con máis de 4.500 libros dispoñibles, e amplía servizos pensados para facer a visita máis cómoda e prolongada.
Outro dos aspectos que a organización reforza este ano é a accesibilidade. O programa incorpora actividades en lingua de signos, unha biblioteca con libros en braille, pictogramas para identificar espazos, auriculares redutores de ruído, recanto tranquilo, espazo de lactación e máis sitio para cadeiras de rodas e acompañantes no auditorio. A intención é que o Salón sexa un espazo para toda a cidadanía.
Así, Pontevedra abre xa dúas semanas longas nas que o Salón volverá converter a cidade nun punto de encontro entre lectura, música e pensamento crítico.
- Un barco de la viguesa Opnapa recaptura un atún patudo marcado por los científicos hace casi diez años
- Xunta y concellos entrarán ya a limpiar fincas en zonas de riesgo de incendios si el propietario incumple sus deberes
- Expectación en el Chuvi por un plazo para cambiar de hospital que podría agudizar sus demoras
- El ourensano Juan Bouzo, que cumple 104 años, sigue tomando su vaso de vino al día «porque le da fuerza»
- El TSXG otorga 250.000 euros de indemnización a un paciente que sufrió una demora «negligente» en ser intervenido de un ictus por falta de camas en el hospital Álvaro Cunqueiro
- Stellantis Vigo inicia la producción de las primeras furgonetas K9 de tipo 'low cost'
- De récord en récord: los extranjeros copan más del 65% de los nuevos empleos creados en Galicia
- Así son los MG, los coches chinos de la otrora marca británica que SAIC apunta a fabricar en Galicia