«Modo Galego Activo»
Acordo coa RAG para reverter a perda de galegofalantes na cidade
O proxecto comezará coa elaboración dun mapa sociolingüístico, de participación voluntaria

Sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a RAG. | FDV
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, presentaron onte, venres, un acordo de colaboración histórica para avaliar e impulsar o uso do galego nos centros de ensino infantil, primaria e secundaria do municipio. A iniciativa quere facer fronte á perda de falantes diarios nas novas xeracións e consta de dúas fases fundamentais: a creación dun mapa sociolingüístico escolar e a posterior implantación do programa «Modo Galego Activo».
Durante a comparecencia, o rexedor alertou da caída «case exponencial» de galegofalantes, sinalando a preocupación compartida de que moitos alumnos entran ao ensino falando galego e saen falando única e exclusivamente castelán.
Pola súa banda, Henrique Monteagudo confirmou esta «alarmante situación», lembrando que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2023, Pontevedra é unha das cidades galegas con menor presenza do idioma. Ante esta realidade, o presidente da RAG subliñou a necesidade de ir «máis alá da crítica ou da análise» para poñer en práctica iniciativas dinamizadoras no sistema educativo.
O proxecto comezará coa elaboración dun mapa sociolingüístico, de participación voluntaria para os centros educativos, que ofrecerá unha radiografía detallada do coñecemento e uso do galego entre a poboación infantil e xuvenil. Os datos recompilaranse de cara á publicación dun informe xeral e de informes particularizados para os centros no ano 2027, o que servirá como punto de partida para as futuras intervencións.
A continuación, activarase o «Modo Galego», unha iniciativa de intervención sostida no tempo que xa acadou resultados moi positivos noutros concellos como Ames. A través de compromisos mensuais, retos e recompensas adaptadas a cada idade (como excursións ou álbums de cromos), o programa busca que o galego transcenda a materia escolar e se empregue de forma lúdica fóra das aulas, como nos recreos e no contorno familiar. Esta fase require a implicación de toda a comunidade: profesorado, persoal de comedores, administración e, especialmente, das familias.
Lores amosouse «moi ilusionado» co proxecto, destacando a capacidade do programa para que os nenos e as súas familias valoren o uso do idioma na vida diaria. Henrique Monteagudo concluíu enviando unha mensaxe de motivación: «Temos que chegar á xente cunha mensaxe non de pesimismo, senón de esperanza; de que hai maneiras e modos de cambiar esta situación», salientando que con estas dinámicas os rapaces galegofalantes séntense máis empoderados e os castelanfalantes fan súa a lingua.
- Una persecución nocturna acaba con un coche policial volcado en un solar en Pontevedra
- «Mi vida está dividida en dos, una parte aquí, en Pontevedra y, la otra, en Brasil»
- Lujo inmobiliario en el centro
- Pontevedra adjudica por 3,1 millones el vial de Mollavao y la humanización de Rosalía de Castro
- Detenido un pontevedrés por apalear a su pareja porque le escondió la consola de videojuegos
- Os Palleiráns: «Queremos ser los Rolling Stones gallegos»
- Rueda y Ramallo revisan planes por cerca de 8 millones de euros
- Malestar vecinal en el barrio pontevedrés de Santa María por la vuelta del trapicheo