Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Salón Internacional do Libro

Así será a nova edición do Salón do Libro de Pontevedra: máis de 300 actividades e Palestina como cultura invitada

Do 6 ao 22 de marzo, Pontevedra encherase de concertos, obradoiros, contos e exposicións, ademáis de citas solidarias para canalizar axuda directa ás vítimas do xenocidio

O alcalde toca a vuvuzela de Orbil xunto ao concelleiro Demetrio Gómez.

O alcalde toca a vuvuzela de Orbil xunto ao concelleiro Demetrio Gómez. / RAFA VÁZQUEZ

Pontevedra

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra volve medrar na edición de 2026 ata facerse (case) inabarcable. Do 6 ao 22 de marzo espérase unha programación que supera as 300 actividades, cun lema que resume a intención desta cita: «Que non pare a música!». Será unha edición, en palabras do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, na que «botamos a casa pola fiestra», tanto polo volume como pola aposta por encher de música e libros o Pazo da Cultura, o recinto feiral e a cidade.

A cifra impresiona, pero o que marca o ton será o enfoque principal desta edición, con Palestina como cultura convidada. Isto, explicou o concelleiro, significa moito máis ca un apartado no programa, porque implica levar ao público a coñecer a súa cultura –música, literatura e gastronomía– e, ao tempo, abrir vías para canalizar a solidariedade. Nese punto encaixa a gala «Cultura contra a barbarie», organizada por Pallasos en Rebeldía, o mércores 4 ás 20.00 horas no Teatro Principal, e que terá entrada solidaria (os tickets están dispoñibles desde onte na web Ataquilla.com a un precio de 8 euros por adquisición anticipada; o mesmo día do evento o precio será de 10 euros).

Tamén haberá outras citas nas que a billeteira se destina a axuda directa, como o concerto «Rockerizad@s» do Rock Lab o domingo 15 ás 19.00 horas no Auditorio, ou as sesións para bebés de Bonnie Cooper con «O papaventos de Bisan» o sábado 21 (tres pases ao longo do día).

O programa incorpora ademais propostas que falan de Palestina desde a creación local. O Colectivo Xurelo presenta a sesión «Desde o río ata o mar: Contos por Palestina» o sábado 7 ás 12.30 horas no recinto feiral. E, no apartado expositivo, o Salón trae HeART of Gaza, unha mostra formada por debuxos de nenas e nenos gazatís e que supón unha maneira de achegar ao público unha realidade que, como se recoñece no propio programa, non pode viaxar doutra forma ata aquí.

Palestina, con todo, non será só un tema, terá presenza real nos espazos e nas actividades. Haberá un Espazo Palestina e propostas que mesturan creación e memoria, como a instalación artística «Enlázate a Gaza» de Creart durante o sábado 7. Noutros momentos, a solidariedade aparecerá tamén en formato cultural, como por exemplo o mércores 18 ás 20.00 horas haberá un micro aberto «Poesía contra o xenocidio» impulsado por Pontevedra por Palestina, e o domingo 15 prográmanse sesións de «Contos por Palestina» con Uxía Morán.

Son detalles que, sumados, debuxan o que pretendía subliñar Demetrio Gómez: un Salón que celebra, pero que tamén toma posición e reivindica.

Coa música como columna vertebral, o Salón tamén presume de «efecto festival». A gran novidade é o Orbilfest do sábado 14, unha xornada pensada para crianzas no recinto feiral con concertos e obradoiros durante todo o día. Pasarán por alí Cé Orquestra Pantasma, a banda do Rock Lab, Trepia, Pakolas e A Banda dos Insectos, entre outras propostas para converter o Salón nunha festa con ritmo propio.

E aínda hai máis nomes e momentos potentes. A Orquestra Sinfónica de Pontevedra presenta «Pedro e o lobo» o venres 13 ás 19.00 horas no Auditorio, con entrada de balde ata completar cabida; e o sábado 14 ás 20.00 horas chega o concerto de SÉS.

En paralelo, o Salón mantén o seu corazón de sempre: milleiros de libros, contos, clubs de lectura, encontros e obradoiros, pero este ano coa clara intención de que a cultura sirva tamén para mirar de fronte o que doe e para crear comunidade arredor da lectura, da música e da empatía.

E se hai unha data que convén marcar en vermello é a da Troca de libros: será o domingo 15 de marzo, de 11.00 a 14.00 horas, no recinto feiral. Pódense utilizar vales dos centros/ANPAS, pero quen non teña tamén poderá participar levando libros infantís ou xuvenís para trocar polos que lle apetezan. A mañá vén con extra de ambiente porque haberá sesión DJ con Animus, música e bailes, e un fotomatón literario para facer un book-face. O plan ideal para ir con tempo, rebuscar sen présas e saír de alí cun libro «novo» baixo o brazo.

Entre tanta actividade, haberá tamén momentos para a foto e para a cidade, porque o programa inclúe o «Orbil Parade», cun mapa deseñado por Kiko da Silva para localizar as figuras do lobo lector e seguir un xogo no que a música ten moito que ver.

O Salón abrirá o venres 6 ás 18.30 horas cunha inauguración a cargo de Píscore xunto ao Coro do IES Xunqueira 1. A clausura aposta polo público infantil cun espectáculo especial, Uxía Lambona e a Banda Molona, coa promesa de converter o final de edición nun baile colectivo.

A importancia de planificar a visita para non quedar sen entrada

Con tanta actividade, o mellor consello é sinxelo: mirar o programa antes de ir. O Salón abre de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas e as fins de semana de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas. E, aínda que moitas propostas son de acceso libre, hai obradoiros e actividades (sobre todo as dirixidas a bebés) que permiten reserva previa a través da web do Salón. A mecánica é clara: escoller actividade no calendario, premer en «reservar» e, importante, confirmar a reserva (se non, non queda feita). Quen non o teña claro ata última hora, moitas actividades gardan prazas para reservar no propio día achegándose uns minutos antes ao espazo.

A puntualidade aquí conta. As prazas reservadas mantéñense ata 5 minutos antes de que comece a actividade e, se falta alguén, poden liberar esa praza para quen agarda. Nalgúns eventos con custo, a entrada está en Ataquilla e, no caso de certas sesións para bebés, a reserva faise online pero o pagamento é presencial o propio día. E se finalmente alguén non pode ir, a organización agradece que se avise por correo para liberar esas prazas.

Este ano, ademais, o Salón reforza medidas de accesibilidade: haberá actividades con lingua de signos, auriculares redutores de ruído, recanto tranquilo, espazo de lactación e máis prazas para cadeiras de rodas e acompañantes no auditorio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents