Entrevista | Urco (Carlos Cerviño) Rei do Entroido de Pontevedra
«Dende a carroza vese, sobre todo, moita ilusión, especialmente nos rapaces»
«O Entroido sempre foi unha ruptura co presente», sinala o monarca, que engade que «onde realmente se mantén viva a crítica é nas murgas»

O rei Urco, ao frente da súa carroza no desfile do Entroido. / Gustavo Santos
Detrás do casco, a capa, a carroza e a presenza impoñente do rei Urco, o monarca que goberna Pontevedra no Entroido, atópase Carlos Cerviño. Actor de vocación e veterano da escena local, leva dende o ano 2008 encarnando a esta figura mitolóxica que, lonxe de traer malos agoiros, marca o ritmo da festa na cidade do Lérez.
—Leva poñéndose na pel do Rei Urco dende o ano 2008. Como acabou converténdose no monarca do Entroido?
Pois a verdade é que a miña vinculación vén a través do mundo da interpretación. Levo moitos anos metido nunha compañía de teatro. Cando o anterior Rei Urco o deixou, os responsables do Concello buscaban a alguén con táboas e chamáronme. Foi así de sinxelo: necesitaban a alguén do oficio e eu aceptei.
—Existe un contraste curioso na figura de Urco. Na mitoloxía galega é un animal que anuncia a morte e a desgraza, pero en Pontevedra é todo o contrario: o rei da festa…
É unha historia fascinante que vén do século XIX, dos anos 1800 e pico. Foi unha invención de intelectuais de Pontevedra para darlle contido e narrativa ao Entroido. Efectivamente, na mitoloxía o Urco é un can que anuncia a morte, pero aquí déuselle a volta. No carnaval moderno preséntase como o irmán de Teucro [fundador mítico da cidade] que vén ocupar Pontevedra durante unha tempada. É esa mestura de historia e lenda o que lle dá sentido á nosa festa.
—Vén do teatro amateur, onde o texto e a interpretación son claves. Considera que interpretar a Urco é o papel máis divertido da súa carreira?
Non, non (ri). Teño papeis mellores no teatro. A cuestión é que aquí, como Urco, falo pouco. No teatro a palabra é fundamental, hai un traballo de texto, de construción... Aquí, sen querer restarlle mérito, non hai que facer un esforzo interpretativo tan grande. É máis unha cuestión de presenza.
—Vivimos tempos onde a corrección política parece impoñerse. Como observador privilexiado, cre que é cada vez máis difícil atopar sátira local no Entroido?
Onde realmente se mantén viva a crítica local é nas murgas; elas son as máis activas nese sentido. Pero, fóra diso, teño a percepción de que Pontevedra é unha cidade tranquila. Non se vive a intensidade política nin a crítica feroz que se pode ver noutros lugares. Aquí somos máis tradicionais, máis acougados nese aspecto. Quizais as murgas sexan o último reduto desa sátira afiada, e por iso é unha das partes que máis me gustan do noso Entroido.
Cando eu era pequeno, disfrazabámonos do que non podiamos ser: como xa eramos pobres, disfrazabámonos de ricos. Era unha forma de ser o que a vida non che permitía
—Que é o que se ve dende o alto da carroza ou encabezando a comitiva que o público a pé de rúa non percibe?
Dende a carroza vese, sobre todo, moita ilusión. Especialmente nos rapaces, neles notas esas ganas xenuínas de divertirse. O Entroido sempre foi unha ruptura co presente. Recordo que cando eu era pequeno, disfrazabámonos do que non podiamos ser: como xa eramos pobres, disfrazabámonos de ricos. Era unha forma de ser o que a vida non che permitía.
—E a mocidade de hoxe? Como recibe a un personaxe tan clásico como o Urco?
A xuventude vai un pouco á súa bóla. Obsérvoos moito e vexo que a rapazada agora ten outras formas de divertirse, como meterse detrás das ruínas de Santo Domingo a tirar ovos. É a súa maneira de vivilo.
—Falaba antes do que lle gusta, pero hai algo que bote en falta no Entroido actual?
Boto de menos o disfrace individual. Este ano, por exemplo, no desfile vin moi pouquiña xente disfrazada de xeito individual. O desfile está moi ben, eu vou diante abríndoo e desfrútoo, pero esa creatividade espontánea da xente pola rúa, o disfrace único, estase perdendo un pouco.
—Despois de máis de 15 anos, ten o Rei Urco data de caducidade ou temos Carlos Cerviño para rato?
Home, mentres me sigan chamando, eu penso seguir indo. En principio non teño pensado deixalo. Ademais, recoñezo que o traballo non é moito, así que merece a pena o esforzo (ri). Se fose máis duro, igual xa o deixara, pero de momento, aí seguirei mentres conten comigo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una persecución nocturna acaba con un coche policial volcado en un solar en Pontevedra
- «Mi vida está dividida en dos, una parte aquí, en Pontevedra y, la otra, en Brasil»
- Lujo inmobiliario en el centro
- Detenido un pontevedrés por apalear a su pareja porque le escondió la consola de videojuegos
- Pontevedra adjudica por 3,1 millones el vial de Mollavao y la humanización de Rosalía de Castro
- Os Palleiráns: «Queremos ser los Rolling Stones gallegos»
- Rueda y Ramallo revisan planes por cerca de 8 millones de euros
- La nueva base de Portas refuerza la red del distrito forestal Caldas -O Salnés