Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A tempada de teatro de Afundación levanta o pano

Anatomía teatral da historia oficial

A compañía Chévere, Premio Nacional de Teatro inaugurará o vindeiro día 27 a tempada teatral de Afundación cunha obra que viaxa do 2018 ao 1945 para cuestionar as narrativas oficiais sobre o icónico cadro de Castelao A derradeira leición do mestre.

Unha imaxe da nova obra da compañía Chévere.

Unha imaxe da nova obra da compañía Chévere. / FdV

Pontevedra

Como se enfronta unha sociedade a unha memoria incómoda? É posible afirmar a verdade do sucedido fronte ás capas de verniz das narrativas oficiais? Estas son as preguntas que vertebran Ictus (Anatomía de «A derradeira leición» do Dr. Castelao), a nova e ambiciosa proposta de Chévere Teatro que o vindeiro venres 27 de febreiro ás 20.30 horas inaugurará a tempada de abonos no auditorio de Afundación de Pontevedra.

Fieis ao seu estilo de «axitación teatral» e con máis de 35 anos de traxectoria, a compañía liderada por Miguel de Lira, Xesús Ron, Xron e Patricia de Lorenzo regresa á Boa Vila cunha coprodución do Centro Dramático Nacional. Baixo a dramaturxia e dirección de Xron, a obra plantéxase non só como unha representación, senón como un exercicio de arqueoloxía política e social.

A peza utiliza unha metáfora clínica para falar de saúde democrática. A trama arranca en 2018, momento en que o soado cadro de Castelao, A derradeira leición do mestre (estampa clave do álbum Galicia Mártir), chega a Galicia por primeira vez para ser exposto. Na ficción, unha muller sofre un ictus (accidente cerebrovascular) durante a recepción oficial, un evento que lle provoca un dano cerebral adquirido e a obriga a reconstruír a súa propia memoria.

Partindo deste incidente, Chévere propón unha viaxe cronolóxica inversa. A obra retrocede desde a institucionalización do cadro no século XXI ata a súa orixe convulsiva: o acto en memoria de Alexandre Bóveda celebrado no Centro Ourensán de Bos Aires o 17 de agosto de 1945. Segundo explican desde a compañía, o obxectivo é «desvelar a arquitectura das distintas historias que se contan sobre o cadro e a que intereses responde cada narrativa».

A obra emprega unha metáfora clínica para facer un exercicio de arqueoloxía politica e social

O proceso creativo de Ictus destaca pola súa rigorosa fase de investigación previa. Lonxe de encerrarse na sala de ensaio, Chévere sacou a arte á rúa. A compañía encargou unha reprodución a tamaño natural da obra de Castelao e expúxoa en mercados, escolas, feiras e prazas.

Mediante un código QR e cuestionarios, os dramaturgos pulsaron o coñecemento real que a cidadanía ten sobre a imaxe e a súa carga simbólica. Este «dispositivo documental» serviu para cimentar un texto que busca confrontar a historia oficial coa percepción popular.

A chegada de Ictus, para a cal quedan poucas localidades dispoñibles en Ataquilla.com e que contará con intérprete de lingua de signos e audiodescrición, marca o inicio dun semestre cargado de grandes nomes da escena española. A tempada continuará o 13 de marzo coa representación de La Música, protagonizada por Ana Duato e Grandinetti. Xa en abril, o día 17, as táboas recibirán a Imanol Arias e María Barranco coa obra Mejor no decirlo, mentres que o 8 de maio será a quenda de Querida Agatha Christie. O broche final a esta primeira metade do ano porao o 12 de xuño a comedia Inmaduros, cun elenco liderado por Carlos Sobera.

Tracking Pixel Contents