Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha "arca" para as palabras perdidas: Vaipolorío rescata a memoria oral do río dos Gafos

O colectivo publicará un libro que recompila unha extensa colección de vocábulos galegos en perigo de extinción, recollidos en Salcedo e Tomeza

O artífice do proxecto é Pablo Carro, que xa recolleu unhas 500 verbas

Pablo Carro, artífice do proxecto, e o etnógrafo Calros Soilla.

Pablo Carro, artífice do proxecto, e o etnógrafo Calros Soilla. / FdV

A asociación Vaipolorío da un novo paso na súa misión fundacional de salvagarda e posta en valor do patrimonio do río dos Gafos. Porén, desta volta o foco non se sitúa unicamente no caudal, a etnografía ou na flora das súas ribeiras, senón no patrimonio inmaterial que flúe paralelo á auga: a lingua. O colectivo anunciou este venres a próxima publicación dun libro que recompila unha extensa colección de vocábulos galegos en perigo de extinción, recollidos nas parroquias pontevedresas de Salcedo e Tomeza.

O artífice deste labor de rescate léxico é Pablo Carro Sobral, veciño de Tomeza e membro activo do colectivo. Aos seus 85 anos, Carro emprendeu tempo atrás unha cruzada persoal: elaborar unha listaxe de "palabras esquecidas"; termos e expresións que, segundo o seu criterio e experiencia, desapareceran da conversa diaria ou corrían un risco inminente de facelo.

O obxectivo do incesante labor de Pablo Carro, a súa angueira, era construír unha sorte de "arca" metafórica onde estas palabras puidesen gorecerse do esquecemento definitivo. A recolleita foi frutífera: o compendio acada xa os quiñentos elementos.

Ante a magnitude e o valor patrimonial do achado, a directiva de Vaipolorío considerou necesaria a edición impresa deste tesouro léxico para asegurar a súa preservación e divulgación.

O recoñecido etnógrafo e colaborador habitual de Vaipolorío Calros Solla asumirá a tarefa de supervisar o proceso de selección, ordenamento e corrección do material

Grande parte da "baixa frecuencia de uso" ou o desuso total do material seleccionado ten unha explicación sociolóxica clara: o abandono das prácticas agrícolas e a transformación da forma de vida tradicional. Unha porcentaxe significativa do vocabulario fai referencia directa a apeiros, técnicas e costumes do agro que, ao deixaren de practicarse, arrastraron consigo as palabras que as designaban.

Para garantir a calidade da publicación, o proxecto contará coa intervención de Calros Solla. O recoñecido etnógrafo e colaborador habitual de Vaipolorío asumirá a tarefa de supervisar o proceso de selección, ordenamento e corrección do material bruto, preparando o manuscrito para a súa entrada no prelo.

Con esta iniciativa, a asociación reforza o seu compromiso non só coa ecoloxía do río dos Gafos, senón coa identidade cultural das comunidades que o habitan, salvando do silencio unha parte fundamental da historia de Pontevedra.

Tracking Pixel Contents