Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día de Rosalía

Versos e música para a matriarca das letras

Pontevedra honrará a Rosalía de Castro o vindeiro luns 23 cunha lectura cidadá e música de cámara do século XIX, nun encontro que terá lugar na Fundación Manuel Moldes.

Imaxe Icónica de Rosalía de Castro.

Imaxe Icónica de Rosalía de Castro. / FdV

Pontevedra

A cidade do Lérez convertirase o vindeiro luns 23, no epicentro dunha das celebracións máis sentidas do calendario cultural galego: o Día de Rosalía de Castro. Nun acto quebusca trascender a simple efeméride institucional para converterse nun encontro vivo entre a cidadanía e as letras, a Concellaría de Normalización Lingüística deseñou unha homenaxe participativa que terá como escenario a sede da Fundación Manuel Moldes. A cita, fixada para as 19 horas, busca recuperar a esencia máis pura e combativa da autora a través dunha lectura colectiva das súas obras cumio: Cantares gallegos e Follas novas.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá os detalles dunha programación que destaca pola súa vontade de actualización do legado rosaliano. «Queremos facelo do mellor xeito posíbel», asegurou o edil, quen subliñou que Rosalía non só inaugurou a literatura galega contemporánea, senón que rompeu moldes ao demostrar que o idioma propio era válido para «escribir sobre calquera tema, tanto en prosa como en verso, e facelo sempre desde a perspectiva da voz das mulleres».

O evento fusionará literatura, música e artes plásticas. A mantedora do acto será a escritora Alicia Fernández Rodríguez, que será tamén a encargada de poñer voz ao manifesto anual da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O texto deste ano, redactado por Eva Veiga, xira en torno ao lema escollido pola Real Academia Galega para este 2026: «Mais eles tamén perdidos», un verso extraído de Follas novas. Segundo explicou Gómez, trátase dun manifesto «espectacular» que conecta a angustia existencial e social de Rosalía coa complexa situación do mundo actual, demostrando a súa plena vixencia.

A mantedora do acto será a escritora Alicia Fernández Rodríguez, que será tamén a encargada de poñer voz ao manifesto anual da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

O acto será ambientado ALTAR e envolverase nunha aura histórica grazas á colaboración do Conservatorio Profesional de Música (CMUS) Manuel Quiroga. Un quinteto de docentes da institución interpretará pezas de música de cámara galega do século XIX, froito dun labor de investigación e recuperación patrimonial dos sons do país.

Cartel do Día de Rosalía 2026.

Cartel do Día de Rosalía 2026, obra de Belén Diz. / FdV

O concello lanzou un chamamento explícito aos pontevedreses e pontevedresas para que non sexan meros espectadores pasivos, senón protagonistas activos da homenaxe. As persoas interesadas en poñer a súa voz aos versos da autora poden inscribirse e seleccionar o seu fragmento favorito a través do portal apuntate.pontevedra.gal, democratizando así o acceso ao atril.

Para completar a proposta, a imaxe gráfica que acompañará esta xornada de reivindicación cultural corre a cargo da artista Belén Diz, quen recupera a súa ilustración para a mostra Rosalía coma ti, reforzando a mensaxe de proximidade e a aposta de Pontevedra por baixar a cultura á rúa e facer que os versos de hai máis dun século soen con forza, renovados, nas voces do presente.

Tracking Pixel Contents