«Querían que María Vázquez non figurara en ningures, exterminala até a raíz»
A historiadora e investigadora Aurora Marco volve poñer luz sobre as sombras da nosa memoria histórica co seu novo libro dedicado a María Vázquez Suárez. Mestra, renovadora pedagóxica e militante socialista, Vázquez foi unha figura clave da Segunda República en Galicia cuxo rastro, tanto administrativo como físico, intentaron exterminar tras o seu asasinato.

Aurora Marco, onte no IES Valle-Inclán. | Gustavo Santos
O paraninfo do IES Valle-Inclán foi escenario onte da presentación de «María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo», da ensaísta Aurora Marco, á que acompañaron o secretario da Fundación Luís Tilve, Roxelio Pérez Poza, o secretario xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra e o editor Henrique Alvarellos.
No seu libro presenta a María Vázquez con adxectivos moi potentes: renovadora pedagóxica, militante socialista e defensora dos dereitos das mulleres. Quen foi realmente esta galega?
Unha muller con múltiples vertentes e extraordinaria en todas elas. No eido educativo, contou cunha formación brillante na Escola de Mestras da Coruña, o que a levou a converterse nunha renovadora pedagóxica de gran proxección para a súa época. Defendía a escola moderna e impartía conferencias sobre temas tan avanzados como o racismo na escola. Pero tamén tivo unha vertente político-social fundamental. Foi unha pioneira nun momento no que as mulleres da República ían conseguindo dereitos, pero onde a súa presenza na esfera pública aínda ía a un ritmo máis lento.
Sinala o insólito que resultaba ver mulleres nas tribunas públicas naquel momento. Cal foi o seu papel na política activa?
Foi unha das que abriu camiño. Participaba activamente dando mítins pola contorna e implicouse na vida orgánica do Partido Socialista. De feito, nos comités de 1934 e 1935 do PSOE de Pontedeume, ela era a única muller entre varios homes, un feito moi salientable. Ademais, foi cofundadora do Partido Socialista en Miño e tivo un labor relevante no sindicato de traballadores do ensino. Como dicía Vidal Ponte nun artigo de 1931, a súa figura poñía en valor a necesaria participación da muller na vida cidadá.
María Vázquez encarnaba o arquetipo do que a Segunda República buscaba para o ensino?
Efectivamente. A educación foi a pedra angular da República: crearon escolas, dignificaron os salarios e impulsaron a formación do profesorado. María Vázquez representaba ese ideal. Ela xa iniciara un proceso de autoformación durante a súa etapa na Pobra (1918-1930), pero continuou formándose nos cursos de 1933 impartidos por figuras como María Barbeito, de quen era amiga. Ela aplicaba esa renovación na aula, por exemplo, a través das excursións instrutivas para «poñer en contacto a escola coa vida». Levou as súas alumnas a Santiago a visitar a Facultade de Medicina, a tumba de Rosalía e o monumento aos Mártires de Carral.
Un dos documentos máis estremecedores que saca á luz no libro é o expediente de depuración. O sorprendente é a data: abriuse catro anos despois de ser asasinada. Como se explica xulgar a alguén que xa foi executado?
Iso foi o que máis me sorprendeu. En 1940, iniciaron un expediente administrativo para que ela non figurase en ningures, cunha linguaxe cruel que buscaba exterminala até a raíz, suprimila do escalafón. Intentaron conseguir informes negativos do crego, do alcalde e mesmo dun pai de familia, pero non o lograron. María Vázquez era unha muller queridísima en Miño; axudaba ás familias necesitadas e polas noites cosía mandilóns para as súas alumnas. Deixou tal pegada de bondade que as autoridades franquistas non atoparon a ninguén que falase mal dela.
Sobre o seu final, sabemos que foi asasinada, pero o libro afonda nas circunstancias da súa morte. Houbo un encarnizamento específico por ser muller e mestra?
Existen varias versións sobre o lugar exacto do fusilamento e eu recólloas todas, incluíndo o testemuño dunha muller de 90 anos que me mereceu moita credibilidade. O que si semella unha certeza, na que coinciden todas as fontes, é que foi vexada e humillada. O propio enterrador chegou a confesar que o que fixeron con ela foi «horroroso». Non foi só un paseo; houbo unhas privacións e un trato denigrante previo á súa execución.
Hai algún tipo de recoñecemento físico ou placa nos lugares nos que viviu e traballou?
Agora é o momento de María Vázquez. Pasaron 89 anos do seu fusilamento e 131 do seu nacemento. Aínda que existe un parque co seu nome en Cambados e houbo unha tentativa de poñerlle o seu nome a un centro escolar en Miño, creo que é necesario facer moito máis. En todas as presentacións insisto en que debemos homenaxeala poñendo o seu nome a rúas, bibliotecas e placas conmemorativas. É de xustiza dar a coñecer a súa traxectoria e recuperar a súa memoria.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un accidente entre un camión de mercancías peligrosas y un turismo deja dos heridos y dificulta la circulación en la AP-9
- Requisan en Sanxenxo más de 4.000 bebidas energéticas declaradas «inseguras»
- Los precios de las plazas de garaje en Pontevedra se disparan y pasan ya de 50.000 euros
- El chef Pepe Vieira seguirá al frente del restaurante del Museo de Pontevedra
- La Policía Local de Pontevedra captura a un menor que agredió a su madre con un cuchillo y robó la tarjeta de crédito a su abuela
- El vuelco de un camión cargado de gas corta la AP-9 en Portas más de 6 horas
- «La cena» calienta motores para los Premios Feroz
- Los Premios Feroz copan todas las reservas de los hoteles, completos para la próxima semana