Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A loita armada galega, sen filtros

Narrar, sen filtros partidarios nin censuras, a historia da loita armada na Galiza contemporánea. É o obxectivo de «Aventar», a triloxía que presenta o cineasta Augusto Fontán e na que repasa o activismo independentista a partir de testemuños inéditos de militantes de base, persoas que rompen o seu silencio para relatar «dende dentro», lonxe das narrativas hexemónicas.

O cineasta e poeta Augusto Fontán. |  FdV

O cineasta e poeta Augusto Fontán. | FdV

Susana Regueira

Pontevedra

Tras máis de dúas décadas de investigación minuciosa e traballo na sombra, o cineasta e poeta Augusto Fontán presenta o que, sen dúbida, é o seu proxecto máis ambicioso, complexo e delicado: «Aventar». Esta obra materialízase nunha colección de tres DVD dedicados á historia da loita armada na Galiza contemporánea. Un percorrido que vai dende o xermolo das primeiras organizacións clandestinas até a disolución do Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe (EGPGC).

O autor presenta a súa obra non só como un documento historiográfico, senón como un acto de xustiza coa memoria colectiva. Fontán articula o seu relato desde unha postura crítica cara ao que denomina «discurso interesado», un relato hexemónico construído «case en exclusiva dende a órbita da UPG». O obxectivo do cineasta é claro: dar voz e rostro a quen foi silenciado pola historia oficial.

«Ata os anos 90 non houbo un estudo rigoroso sen intereses partidarios. Con todos os meus respectos a Moncho Reboiras e á UPG, cómpre dicir que se mitificou a figura de Moncho Reboiras de tal xeito que se invisibilizou a centos de patriotas que dedicaron a súa vida por Galiza: algúns están vivos, outros presos e outros xa faleceron», asegura o autor, reivindicando a pluralidade de actores que participaron neste conflito.

A colección non é exclusivamente un amoreamento de datos, senón unha narración estruturada en tres volumes que debullan a evolución cronolóxica, táctica e política do conflito.

O primeiro volume mergúllase na xénese, nas raíces do movemento, explorando os inicios incertos e as tensións internas. A cinta analiza dúas vertentes principais: por un lado, a fronte armada da UPG e, por outro, o moito menos coñecido proxecto «Monforte-Compostela», liderado por figuras históricas como Antón Arias Curto. Fontán achega unha matización importante nesta etapa: malia que estes grupos realizaron accións de «acopio» (requisamento de fondos ou documentación), tecnicamente aínda non funcionaban como grupos armados plenos no sentido militar.

O documental narra con detalle o intento errado de fusión entre ambas as faccións, un proceso que quedou truncado polo tráxico asasinato de Moncho Reboiras en 1975 e o posterior xiro da UPG cara a unha estratexia máis culturalista e política, afastándose da vía armada.

O segundo DVD céntrase nun período de alta tensión social e política. Aborda a escisión que dá lugar á «liña proletaria» e ao PGP, xusto no momento en que a sociedade galega fervía coas mobilizacións contra a autoestrada AP-9. É neste caldo de cultivo onde nace LAR (Liga Armada Revolucionaria).

Segundo a tese de Fontán, é aquí onde comeza a verdadeira loita armada en Galiza, caracterizada por accións directas e o uso de explosivos. Esta etapa, quizais a de maior impacto mediático pola implicación de intelectuais, conclúe coa caída da organización e a detención de militantes históricos e persoeiros da cultura galega, como o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, marcando un antes e un despois na percepción pública do conflito.

O peche da triloxía aborda a etapa máis dura e hermética: o nacemento en 1985 do Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe (EGPGC). Fundado por presos que rexeitaron a disolución de Galiza Ceibe, este grupo representa a etapa máis activa e coñecida do conflito armado. O documental detalla o seu paso á clandestinidade total, incluíndo a infraestrutura loxística en Portugal, fundamental para a súa supervivencia. Fontán decide deter o seu relato co fin desta organización, deixando fóra fenómenos máis recentes como Resistencia Galega, ao considerar que requiren dunha perspectiva temporal e un estudo diferenciado.

Arquivo urxente e póstumo

O valor de «Aventar» transcende o puramente histórico; é un arquivo de urxencia cuxo valor é incalculable. As circunstancias da súa produción engaden unha capa de dramatismo ao proxecto: aínda que a montaxe finalizou no ano 2011, a obra permaneceu oculta debido aos graves problemas de saúde do autor e, sobre todo, ao risco legal real que corrían os entrevistados no contexto xudicial da época.

O resultado é un testamento vital: preto do 50% das persoas entrevistadas faleceron nos anos transcorridos dende a gravación. Trátase de testemuños inéditos de militantes de base, persoas que nunca antes se puxeran diante dunha cámara e que rompen o seu silencio para ofrecer unha visión «dende dentro», lonxe das narrativas das cúpulas dirixentes.

Este coro de voces compleméntase cun material audiovisual de arquivo extremadamente difícil de conseguir, gran parte do cal fora obxecto de incautacións policiais e que Fontán logrou rescatar para a historia. Con «Aventar», o autor non busca reavivar polémicas estériles, senón completar o puzzle histórico dun país, poñendo o foco naqueles «actores en primeira persoa» que, desde o anonimato e o sacrificio, construíron unha parte fundamental, incómoda e a miúdo silenciada, da historia recente de Galiza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents