‘Sofá violeta’ de lectura feminista
A Concellería de Igualdade e o CIM promoven un club delectura feminista con ramificacións polas parroquias e barrios de Pontevedra

Presentación da iniciativa. / FdV
Facéndose eco da inquedanza exposta no Consello Municipal da Muller (CMM), a Concellería de Igualdade e o CIM poñen en marcha un club de lectura feminista con ramificacións nas parroquias e barrios de Pontevedra, co fin de abrir unha canle de achegamento e debate sobre distintas temáticas con perspectiva de xénero. O ‘sofá violeta’, así se chama a iniciativa, foi presentado este venres pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, quen subliñou que «queremos crear un sofá no que sentirnos a gusto, arredor dos libros, un espazo íntimo para falar e debater, crear sinerxías, un espazo de liberdade».
Ao seu carón estaban Montse Fajardo, coordinadora do proxecto e María Felicitas de la Iglesias Filgueira e Rita Rey Pérez, representantes da Asociación veciñal de Bora, o colectivo que botou a andar a idea no CMM o primeiro en dar un paso adiante para «solicitar» un ‘sofá violeta’ para a súa parroquia.
«Queremos que as mulleres participen, que a iniciativa funcione e teña continuidade no tempo», explicou Rita Pérez, quen animou ás mulleres e asociacións a unirse. Ademais da de Bora, amosaron o seu interese en sumarse a este club de lectura, nunha primeira rolda de contactos, as seguintes asociacións: O Castelo de Ponte Sampaio; a A.VV Eduardo Pondal, Tres Pinos de Xeve e Amarinda de Mourente.
As persoas e asociacións interesadas en participar poden informarse e máis inscribirse a través da web igualdade.pontevedra.gal ou no apuntate.pontevedra.gal
Diálogo, debate, auto-coidado, acubillo, sororidade, acompañamento, apoio…son valores que guían ao novo club de lectura feminista, que nos próximos meses abordará a análise de oito obras xa seleccionadas e o encontro con sete das autoras.
A escolma de libros propostos abranguen distintos xéneros -narrativa, poesía, ensaio e banda deseñada, e darán pé a cuestionar e debater temáticas diversas: desde as relacións materno-filiais, ás doenzas mentais; pasando pola a soidade, a perda, a necesidade da perspectiva de xénero na investigación policial e xudicial ou a pornografía e adolescencia.
A dinámica do club será a seguinte: para facilitar a participación faranse reunións de cada unha das lecturas escollidas nas distintas asociacións á fin de pór en común a obra, e logo farase un único encontro coa autora do libro ao que poderán acudir persoas de todos os colectivos integrados no club.
O ‘sofá violeta’ será o lugar desde onde as mulleres esquecerán as súas obrigas: primeiro para acocharse na butaca favorita da súa casa e mergullarse na lectura e logo para compartir espazo co resto de lectoras, nun lugar común no que sentirse cómodas para expresar as súas opinións sen ser xulgadas, ao contrario, sendo arroupadas por iguais que en moitas ocasións senten de xeito similar.
Os oito libros recomendados no ‘Sofá violeta’ para o ano 2026 son os seguintes: ‘Ítaca’ de María Besteiros; ‘Cartas de amor a un hijo que no me ama’ de Vicky Estévez; ‘Por que Asunta?’ de Inma López Silva; ‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’ de Arantxa Portabales; ‘Non penses nun elefante rosa’ de Antía Yáñez; ‘O corpo de Cristo’ de Bea Lema; ‘Las trampas de la pornografía’ de Priscila Retamozo-Chis Olivera e Amada Traba; e ‘As horas mortas’ de Emma Pedreira.
- Requisan en Sanxenxo más de 4.000 bebidas energéticas declaradas «inseguras»
- La Policía Local de Pontevedra captura a un menor que agredió a su madre con un cuchillo y robó la tarjeta de crédito a su abuela
- El vuelco de un camión cargado de gas corta la AP-9 en Portas más de 6 horas
- «La cena» calienta motores para los Premios Feroz
- El próximo verano, horizonte para abrir el parque comercial de O Vao
- La finca de Malvar se suma a los planes municipales de suelo público en Mollavao
- Marín diseña rutas BTT para el fomento del cicloturismo
- Premio a los hitos de los vecinos de la amada Cidade de Pontevedra