Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pontevedra repetirá como capital do Culturgal tras superar as 16.000 visitas

A feira pecha as súas portas revalidando o seu éxito de asistencia de público e propostas das industrias galegas

«O ano que vén crecerá no exterior», avanza o seu director, Camilo Franco

Unha das actividades con rapazada celebrada onte domingo no Culturgal.

Unha das actividades con rapazada celebrada onte domingo no Culturgal. / GUSTAVO SANTOS

Pontevedra

Máis de 16.000 persoas pasaron polo Culturgal 2025, que volveu escoller Pontevedra para celebrar a feira das industrias culturais galegas. A Boa Vila repetirá o vindeiro ano e a principal novidade, tal e como avanzou Camilo Franco, será que se incrementarán as actividades no exterior do Pazo da Cultura, para achegar as producións galegas ao maior número posible de público.

«Non me corresponde a min decir se foi un éxito, porque sería vanagloria, pero eu creo que nos tres días a afluencia foi moita e moi ben repartida», celebrou onte o director desta cita cultural. «Se alguén quere calcular a cultura galega dende o resultado do Culturgal sae que hai enerxia e curiosidade».

Salientou especialmente a afluencia de público novo, «que é moi necesario para a continuidade cultural».

Literatura, baile, música, teatro, artesanía, audiovisual, videoxogos... o Culturgal volveu demostrar que é capaz de chegar a todos os sectores coñecidos e recoñecidos. «Se houbese algún sector que non estivera aquí presente, teríamolo para o ano que vén», di convencido Camilio Franco, «porque unha das cousas que ten Culturgal é preguntarse que nos faltou, e se así foi, intentar incorporalo para a vindeira edición». «Nese sentido temos ese comportamento case de centro comercial: me preguntaches por algo que non tiña? búscoo».

O espazo de videoxogos feitos en Galicia. |  G.S.

O público animouse a bailar seguindo as pegadas no chan. / GUSTAVO SANTOS

Respecto ao ano que vén dixo que «Pontevedra será capital do Culturgal», ademais de que «Culturgal quere crecer e irá a outros sitios».

«Para os pontevedreses, aínda máis boas novas: faremos máis actividades na cidade, fora do Recinto Feiral. Pero tamén lle queremos lembrar aos pontevedreses que do río para aquí tamén é Pontevedra. Queremos que entendan que vale a pena vir, que veñan paseando, que hai un paseo chulísimo polo río. Queremos vencer esa resistencia a vir aquí», dixo.

Neste sentido, recoñeceu que o espazo facilitado polo Concello de Pontevedra «está ideal para nós». Tanto polo Recinto Feiral como polo auditorio no interior do Pazo da Cultura.

O público animouse a bailar seguindo as pegadas no chan. |  G.S.

Espazo de videoxogos feitos en Galicia. / GUSTAVO SANTOS

Peche con Óscar Ibáñez

Na xornada de onte domingo, a derradeira da edición, consolidouse o «Vén e Baila», unha iniciativa para disfrutar e reivindicar o baile a a danza posta en marcha o ano pasado. Centos de persoas asistiron ao espectáculo de Fran Sieira «Un baile ceibe» e bailaron da man de Artur Puga.

Durante toda a fin de semana houbo momentos de gran afluencia, como o sábado pola tarde, cando todos os escenarios e espazos do Pazo da Cultura de Pontevedra se encheron.

Para pechar o festival, onte tivo lugar unha homenaxe a Begoña Caamaño, que é o punto de partida ás Letras Galegas 2026, e o concerto do músico pontevedrés Óscar Ibáñez.

Tracking Pixel Contents