Música para dar a benvida ao Culturgal 2025
Pontevedra abre hoxe as súas portas a unha nova edición do Culturgal, a cita coas industrias culturais galegas. A cantante Uxía Senlle foi a encargada de abrir a feira cun concerto único e de balde no marco da súa xira «Será por flores», co que celebra os seus 40 anos no panorama musical. Esta noite será o turno de A Pedreira, Faia Díaz e Felisa Segade, xuntas no escenario.

Uxía Senlle durante a súa actuación no Pazo da Cultura de Pontevedra este xoves. / Gustavo Santos
A música ten un protagonismo especial na apertura de portas da feira das industrias culturais galegas, o Culturgal, que se celebra desde este venres 28 ao domingo 30 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Público asistente ao concerto en Pontevedra. | G.S.
Onte xoves foi Uxía Senlle a encargada de ofrecer un concerto único e de balde no marco da súa xira «Será por flores», coa que tamén celebra os seus 40 anos de traxectoria no panorama musical. Tratase dun percorrido por aquelas cancións máis emblemáticas do seu repertorio. No Pazo da Cultura de Pontevedra estivo acompañada por unha banda dirixida por Pablo Noboa e convidados moi especiais como a agrupación feminina De Vacas.
A música seguirá a ser un dos reclamos do Cultural hoxe, a partir das 21 horas, cando Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade se suban xuntas por vez primeira a un escenario.
«Xuntámonos nunha triada, un concerto no que Faia Díaz e Felisa Segade revisitan as cancións tradicionais galegas e eu vou coas cancións de ‘Basal’, que beben de ingredentes do patrimonio inmaterial noso e doutros lugares», asegura A Pedreira.
No caso de Faia Díaz, afirma que «será unha gran ocasión para escoitar as cancións de ‘Alvela’», un traballo no que profundiza na súa exploración da música tradicional galega desde unha perspectiva contemporánea e moi persoal.
O espectáculo de Felisa Segade «non deixará a ninguén indiferente», coa súa visión da música tradicional galega, sempre desde o respecto pero á vez buscando «camiños diferentes aos habituais» cos que conectar co público.
As entradas para esta noite tan especial poden mercarse por 10 euros en www.cultur.gal.
Máis de 200 actividades
A XVIII edición do Culturgal citará no Pazo da Cultura a 750 artistas e creadores en 225 espectáculos e actividades. Ademais, o Culturgal expandido chegará este ano a Ribeira.
Música, audiovisual, videoxogos, literatura, cómic, teatro, arte, xornalismo... estarán presentes durante os tres días con propostas para todos os públicos.
Un dos espectáculos máis agardados é o de mañá sábado ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura: «Moito conto», con Xosé Antonio Touriñán, David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.
Orbil promociona o vindeiro Salón do Libro de Pontevedra
O Concello de Pontevedra participa un ano máis en Culturgal cun estand propio que funcionará como unha antesala e presentación temática do Salón do Libro 2026, reforzando o compromiso municipal coa literatura, a oralidade e a creación cultural en galego dirixida á infancia e ás familias.Durante toda a fin de semana, o espazo ofrecerá unha programación continua con algunhas das voces máis destacadas da narración oral e da música infantil do país.A mascota Orbil, icona do Salón do Libro, será unha das grandes protagonistas, realizando varias aparicións.
- La playa de Loira se convierte en un nuevo destino para escaladores en Marín
- Un conductor colisiona contra varios coches aparcados en la PO-531 en Pontevedra
- Agresiones a sanitarios: condenada por golpear a una enfermera en Montecelo
- Dani Martín, nuevo artista confirmado del PortAmérica
- Defensa estudia ampliar los efectivos de la Escuela Naval ante el aumento de alumnos
- Mercedes Pintos, Autónoma Distinguida de 2025: «La de la tienda es una vida bonita, porque creas barrio»
- El Concello de Pontevedra pide a Defensa vivienda pública en Mollavao
- Los décimos «feos» ganan popularidad para el ‘Gordo’