Culturgal: maioría de idade de récord
Máis de 900 rapaces, alumnos de institutos de distintas comarcas galegas, foron esta mañá os primeiros convidados á apertura de Culturgal, o gran escaparate das culturas galegas que este ano chega á súa maioría de idade. Faino nunha edición récord con máis de 225 actividades que reflicte a potencia cultural do país, o seu talento e capacidade económica.

Culturgal 'sopra' 18 candeas: as imaxes da apertura da edición deste 2025 / Gustavo Santos
«Podes entrar aquí ás 11 da mañá, saír ás 11 da noite, e non repetir xénero, nin persoas nin actividades. Botarás o día e terás unha idea moi clara de cal é o momento que vive a cultura galega agora mesmo e cales van ser as novidades para o ano 2026». O director de Culturgal, Camilo Franco, resume así o espírito da gran feira das culturas galegas, que abriu este venres as súas portas no Recinto Feiral e que volve ser o punto de encontro entre os públicos, artistas, profesionais e institucións do sector.
Máis de 20 asociacións e colectivos colaboran con esta edición que, de novo, desprega un programa por momentos inabarcable: un cento de expositores, arredor de 750 artistas e creadores e máis de 225 actividades para todos os públicos.
«É o evento cultural transversal máis importante de Galicia», lembrou o presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, no acto inaugural do festival, un escaparate transversal «dunha Galicia moderna» que é ademais «o laboratorio onde nace o futuro cultural» do país.
Esta decimoitava entrega significa, engadiu, «a maioría de idade dun soño colectivo» que emprazou as institucións a apoiar para seguir medrando e profesionalizar o sector.
Este desprega en Culturgal toda a súa potencia. Nos expositores e nos catro escenarios (infantil, letras, teatriño e música) repártense todo tipo de propostas de editores, ilustradores, xogos de mesa, deseño, teatro, baile e música tradicional, xoiería ou arquitectura. Con eles, tamén as iniciativas das asociacións de empresarios de Galicia e Portugal ou de economía social.
José López Campos, conselleiro de Cultura: «A cultura ten que ser o faro que ilumine os momentos de máis treboada social»
Xa dende o mesmo arranque, no que preto de 1.000 alumnos de institutos galegos percorreron os distintos espazos, a de 2025 é a edición «máis ambiciosa por programación, número de días, espazos ocupados e por variedade e cantidade de actividades», subliña o responsable da organización.
Entre os participantes na inauguración, o conselleiro de Cultura, José López Campos, que incidiu na importancia de descentralizar a actividade cultural e que Pontevedra «teña eventos deste nivel».
Tamén reflexionou sobre a importancia da cultura nunha sociedade acelerada. «Ten que ser o faro que ilumine os momentos de máis treboada social e crispación», afirmou, antes de referirse ao momento de «eclosión cultural enorme» de Galicia, un proxecto no que «ten que haber un traballo conxunto» das administracións, programadores, públicos, empresas etc.
«Hoxe o Culturgal sube un chanzo máis», felicitou o titular do departamento autonómico de Cultura, ante un «proxecto consolidado, digno, necesario e importante» que, aseverou, vai continuar no futuro. «O vindeiro 2026 -augurou- será marabilloso, extraordinario, para a cultura galega».
Momentos únicos da música, o baile ou as letras, entre as propostas
A organización agarda que a edición da maioría de idade sexa tamén a que acade récords de público. Ampliou a programación á cidade, celebrou o Culturgal Expandido en Ribeira e situou a música e o baile como os protagonistas deste 2025.
A primeira proposta será esta noite o concerto no Pazo da Cultura de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade, xuntas por primeira vez na feira. Mañá será a quenda de Touriñán, cun espectáculo feito para o Culturgal.
Outra das actividades que raramente se ven fóra da feira é a conversa entre Manuel Rivas e Suso de Toro que tamén se celebrará na xornada de mañá.
A outra aposta é o baile, con «Vén e baila», unha chamada colectiva a desfrutar e reivindicar o baile tradicional galego da man do bailador Artur Puga.
Galicia, por riba da media do Estado en consumo de cultura
Galicia rexistra un consumo en cultura «superior á media do Estado», sinalou o director do Centro de Coordinación de Industrias Culturales do Ministerio de Cultura, Juan Francisco Melgar Jaquotot, citando o último Anuario de Estatísticas Culturais. «E dende o punto de vista da oferta á vista está que é unha terra riquísima en patrimonio, de raíz e tradicional pero tamén de vangarda», destacou na inauguración de Culturgal.
Esta amósase un ano máis como un gran escaparate do talento do país en campos tan diversos coma a edición dos clásicos ou a realidade virtual, que se emprega no estand da Xunta para que os asistentes poidan aproximarse en imaxes 3D á exposición «Castelao. Mirar por Galicia» que se expón na Cidade da Cultura. «As gafas trasladan aos asistentes a Culturgal á sala do museo», indica Belén, unha das que comprobou onte o interese que esta actividade despertaba nos máis novos. «É unha maneira de fixar coñecementos e tamén de xerar curiosidade por visitar a mostra».
Jorgelina Sosa presenta dende o posto de Jorecreques os monicreques que fai a man empregando la de ovella, teas e outros materiais de refugallo como caixas de ovos convertidas en dragóns. Tamén bonecas ou divertidos monstros xurdidos deste obradoiro de Augasantas.
As criaturas fantásticas de Nymeria, o novo espectáculo da compañía Palo Méndez Performance, ou paradas xa clásicas coma as da caseta de Sanín Percusión Tradicional, que dende Lavacolla volve traer á feira instrumentos, especialmente pandeiretas con ilustracións especiais, únicas ou personalizadas, son outras das propostas dunha feira na que hai espazo nesta fin de semana para todos. Para gustos, Culturgal.
- Control de 110 furgonetas en Pontevedra con 12 multas: un solo vehículo concentró cinco
- Tres mujeres heridas graves en una colisión frontal de dos coches en la variante de Caldas
- Una merluza de récord que termina en Pontevedra
- Premio a más de un siglo de comida «de la abuela»
- Calles llenas, pero abrir en festivo «no compensa»
- La Brilat celebra en Pontevedra la Inmaculada Concepción, patrona de Infantería
- Seis empresas optan a ejecutar por 3,7 millones el vial de Mollavao, en Pontevedra
- El renacer de la histórica pista del Teucro