Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As IX Xornadas de Patrimonio de San Xián analizan o impacto dos incendios forestais

A previsión de mal tempo para mañá motivaría o aprazamento da andaina

REDACCIÓN

Marín

As causas que derivaron nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín e a situación das zonas afectadas catro meses despois centran as IX Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que, co lema «Crónica dun incendio anunciado», comezarán hoxe venres cunha charla aberta ao público no Museo Manuel Torres, a partir das 19.00 horas.

O Colectivo Monte Pituco -co apoio da Rede do Patrimonio Cultural- organiza este encontro no que intervirán o vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade; a xefa do Departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Noela Carrera Pérez; o presidente do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán; e o voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez.

Os participantes neste coloquio analizarán, no plano local, a situación do monte antes e despois dos lumes, mais tamén, a nivel xeral, as perspectivas de futuro dos incendios en relación ao Plano Forestal, e mesmo experiencias encamiñadas a minimizar o impacto das lapas.

Ante o prognóstico de chuvias intensas para mañá sábado, a andaina prevista nesa xornada a partir das 10.00 horas dende a arboreda do Pornedo, posporíase para outra data cun tempo máis favorable.

Mantense a homenaxe a Xan Montenegro, o domingo, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Mundial, ás 12:00 horas no Carballal, ao carón do monumento dedicado a este activista social e cultural , que presidiu a Asociación Veciñal de San Xián. Falecido en xuño de 2011, familiares, amizades e compañeiros de militancia no movemento asociativo reuniranse para honrar a súa memoria e o seu legado a prol da mellora da parroquia, do mantemento das súas tradicións e do coidado do seu patrimonio.

Tracking Pixel Contents