Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Castelao, protagonista da V Xornada de Historia en Pontevedra

Celebrada habitualmente en Santiago, escolleuse desta volta Pontevedra pola súa vinculación co intelectual e será o sábado 22 de novembro no Teatro Principal

Demetrio Gómez e Isolina Couso

Demetrio Gómez e Isolina Couso / FdV

Pontevedra

O edil de Cultura e Memoria, Demetrio Gómez presentou este luns a V Xornada de Historia organizada pola CIG acompañado de Isolina Couso. A cidade de Pontevedra acollerá por primeira vez este evento, que ten como sede habitual Santiago de Compostela, o vindeiro sábado 22 de novembro na Sala Multiúsos do Teatro Principal.

«Continuamos co Ano Castelao, esta vez da man da CIG e da Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) que celebran a súa V Xornada da Historia, que este ano centrou o seus traballos na figura de Castelao. Unha xornada que vai dar unha visión ampla da figura de Castelao, tratada desde diferentes ámbitos e dunha maneira moi orixinal. Como agardamos bastante afluencia e contamos con 70 prazas, é preciso inscrición previa nas webs da CIG ou a Asociación Socio-Pedagóxica Galega» apuntaba o edil que cedeu a palabra a Isolina para debullar o programa.

«Este ano a Xornada da Historia recaeu en Pontevedra porque sempre as faciamos en Compostela pero ao ser este ano Ano Castelao e dado o apego que tivo coa Boa Vila, pareceunos un escenario acaído. De feito remataremos as xornadas da man do historiador Roberto Rivas cun percorrido polos lugares destacados da vida de Castelao, e visitaremos tamén o Museo, que acolle gran parte do seu legado.»

A xornada, que contará na sesión matinal coa intervención de Xesús Ron, dramaturgo e director da peza que o grupo teatral Chévere está a preparar empregando como fío condutor o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre e unha entrevista á xornalista Tareixa Navaza, responsable da retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Santiago.

Na tarde, de xeito previo ao roteiro, terá lugar a presentación de «Castelao en Banda deseñada, historia biográfica de Castelao» da man dun dos autores da mesma, Inacio. Unha banda deseñada para quen puxo as bases da banda deseñada que serve como homenaxe a Castelao e afonda en determinados aspectos da súa biografía.

A xornada, de balde pero con necesidade de inscrición previa, está aberta ao público en xeral pero contará con homologación para o profesorado.

Tracking Pixel Contents