Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Seguindo os pasos de Castelao

Alumnos percorren sitios emblemáticos do galeguista na cidade

Os estudantes durante a ruta pola cidade.

Os estudantes durante a ruta pola cidade. / Gustavo Santos

Pontevedra

Como parte da programación do Ano Castelao, os alumnos e alumnas dos institutos pontevedreses recorreron onte a cidade mediante un roteiro, realizando paradas en puntos emblemáticos da vida deste referente galego, onde se detiveron a ler uns textos que, en moitos casos estaban relacionados co lugar onde se atopaban.

«Era imprescindible que se desenvolvese esta actividade na cidade, xa que Castelao foi profesor de debuxo do instituto de Pontevedra, o único que había daquela na cidade e agora temos oito ou dez», declarou na presentación da actividade o edil de Cultura e Educación, Demetrio Gómez, quen tamén estivo onte, cando se achegou aos alumnos e alumnas que participaban no roteiro.

Os estudantes durante a ruta
 pola cidade. |  Gustavo Santos

Lectura de textos na Praza do Teucro. / Gustavo Santos

Nesta paseo pola cidade, centrado na figura de Castelao, colaboraron seis centros educativos de Pontevedra. Entre o alumnado implicado e os compañeiros convidados, a actividade reuniu a cerca de cen asistentes.

«Queremos destacar a importancia de sacar os proxectos educativos das aulas, xa que nesta iniciativa o alumnado é o protagonista, dando voz aos textos de Castelao», comentou Demetrio Gómez.

O Museo de Pontevedra foi o punto de partida establecido para este roteiro, de onde os participantes saíron onte ás 12.00 horas.

Os estudantes comentaron en cada parada, o vínculo do lugar coa vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A praza da Ferrería, a praza do Teucro, a rúa da Oliva, o Café Moderno ou o IES Valle Inclán foron algún dos sitios onde se detiveron.

Os seis centros que participaron na actividade foron os IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Xunqueira 1 e Xunqueira 2.

No caso do alumnado do Frei Martín Sarmiento, que estudaron a Castelao o ano pasado, comentan que «esta iniciativa serviu para afondar máis na súa figura, xa que non sabiamos da estreita relación de Castelao con Pontevedra, coñecer os sitios nos que estivo, etcétera. No noso caso, tocounos falar da rúa da Oliva, onde Castelao viviu con Virxinia Pereira, onde escribiu moitos dos libros que máis tarde foron publicados e foron substraídos logo do golpe do 36». Así pois, leron ‘A marquesiña’, ‘O negriño Panchito’ e ‘Meu Pontevedra’ nesta actividade lúdica e cultural.

Tracking Pixel Contents