Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha xornada sobre Castelao en Buenos Aires abre «Momentos da cultura galega»

Henrique Monteagudo, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ángeles Tilve intervirán como relatores | A actividade celebrarase mañá no Museo

REDACCIÓN

Pontevedra

A Real Academia Galega inaugura mañá o ciclo «Momentos da cultura galega» cunha xornada arredor dos anos de Castelao en Buenos Aires. A nova proposta comezará ás 18 horas cun acto no que afondará na etapa do intelectual no exilio na capital arxentina -onde faleceu en xaneiro de 1950- e na súa relevancia no seu legado intelectual, político e artístico.

O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manoel Núñez Seixas e a directora do Museo, Ángeles Tilve, participarán como relatores.

A proxección das imaxes de Castelao na capital arxentina custodiadas pola Filmoteca de Galicia poralle o ramo ao encontro.

Ramón Villares, presidente da sección de Historia da RAG, moderará a mesa, na que o presidente da Real Academia Galega retratará o Castelao ensaísta e orador na intervención titulada «De Sempre en Galiza a Alba de Gloria», en referencia ao volume que publicou en Buenos Aires no ano 1944 e o derradeiro discurso público que pronunciou tamén na capital porteña o 25 de xullo de 1948.

Ángeles Tilve falará «d’As cruces de pedra na Galiza», un estudo que iniciara nos anos 20 e que rematou ao outro lado do Atlántico, e que significa «o cumio do Castelao investigador»; e o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas pronunciará o relatorio «Castelao e a construción da «Galiza ideal» no exilio (1940-1950)»

«A palabra momentos está bastante acreditada na historia intelectual europea. Serve para remarcar o papel que ás veces exerce nun contexto cultural determinado unha obra, outras un individuo, en ocasións unha institución», explica Ramón Villares. «Para o noso caso, temos varios exemplos, e decidimos comezar por Castelao neste ano que se lle dedica, cadrando co seu 75 cabodano, porque marcou profundamente varios aspectos da cultura galega. Queremos reflexionar sobre a importancia que tivo como autor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal».

Tracking Pixel Contents