Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Samaín de hoxe en Campelo: magosto, a Casa do Medo e a corredoira do terror

A tradicional celebración, organizada pola asociación de mulleres Arela e o Concello, comezará ás 17.30 horas na Praza da Granxa

REDACCIÓN

Poio

Todo está preparado en Campelo para celebrar unha nova edición do seu Samaín, unha das festas máis consolidadas e esperadas da provincia. A cita, organizada conxuntamente pola Asociación de Mulleres Arela e o Concello de Poio, arranca hoxe ás 17.30 horas, na Praza da Granxa.

Esta edición, que celebra o seu décimo terceiro aniversario, promete unha tarde chea de sorpresas, tradición e moito medo. Entre as principais novidades destaca a Casa do Medo, unha experiencia terrorífica instalada na antiga gardería de Campelo, que permanecerá aberta entre as 17.30 e as 19.30 horas, cunha decoración totalmente transformada para a ocasión.

A continuación, Barafunda Teatro representará a obra ‘Quen dixo medo?’, que dará paso á tradicional corredoira do terror e ao magosto popular, amenizado polo Dúo La Mecánica.

A xornada culminará coa posta en escena do impresionante espectáculo ‘Lumes do Averno’, ás 23.00 horas, novamente na Praza da Granxa.

O Samaín de Campelo é unha festa que naceu da iniciativa dos propios veciños e que, ano tras ano, medra en participación e recoñecemento. Hoxe en día, é unha das celebracións máis destacadas do calendario festivo de Poio e un referente na reivindicación das tradicións populares.

Tracking Pixel Contents