Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Culturgal citará en Pontevedra a 750 artistas en 225 actividades

A feira das industrias culturais galegas celebrarase do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura

Presentación da nova edición do Culturgal xunto ao cartaz promocional.

Presentación da nova edición do Culturgal xunto ao cartaz promocional. / Rafa Vázquez

Pontevedra

Pontevedra prepárase para acoller a XVIII edición da feira das industrias culturais, Culturgal, que entre o 28 ao 30 novembro citará no Pazo da Cultura a 750 artistas e creadores en 225 espectáculos e actividades. Pola súa banda, o Culturgal expandido chegará este ano a Ribeira.

«A cultura é algo no que todos podemos estar dacordo, debe ser entretida e útil», manifestou Camilo Franco, director da feira, na presentación da edición deste ano, na que colaboran a Xunta de Galicia, as deputacións de Pontevedra e A Coruña e o Concello de Pontevedra. A cita cultural conta cun orzamento de 320.000 euros e, por primeira vez, cunha aportación directa do Ministerio de Cultura, de 30.000 euros.

Música, audiovisual, videoxogos, literatura, cómic, teatro, arte, xornalismo... estarán presentes durante os tres días con propostas para todos os públicos.

Neste sentido, Camilo Franco salientou que unha das apostas máis importantes é a de favorecer a creación de lectores.

A música terá un protagonismo especial no Culturgal e unha das novidades será o concerto de benvida do xoves 27 ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura, con Uxía Senlle presentando con varias artistas convidadas o seu último traballo, «Será por Flores».

Uxía, Touriñán, Óscar Ibáñez, Fran Sieira...

Estas son algunhas das principais propostas do Culturgal 2025 en Pontevedra:

  • Xoves 27 de novembro. 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Uxía Senlle presenta «Será por Flores».
  • Venres 28 de novembro. Concerto de Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.
  • Sábado 29 de novembro. Concerto «Percorrido» de Magín Blanco. 20.00 horas no escenario principal do recinto ferial.
  • Sábado 29 de novembro. 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Espectáculo de humor «Moito conto», con Touriñán, David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.
  • Domingo 30 de novembro. 13.00 horas no recinto ferial. Espectáculo de danza «Ceibe», de Fran Sieira.
  • Domingo 30 de novembro. 13.30 horas no recinto ferial. «Vén e baila», con Artur Puga.
  • Domingo 30 de novembro. 19.00 horas no recinto ferial. Actrices e cantantes galegas len fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se adica o Día das Letras Galegas 2026.
  • Domingo 30 de novembro. Concerto de peche do Culturgal 2025 con Óscar Ibañez. Teatro Principal de Pontevedra ás 20.30 horas.
Tracking Pixel Contents