Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O Roteiro dos institutos», con lecturas do alumnado, completa a programación do Ano Castelao

Percorrerá o día 7 o Museo, A Ferrería, Teucro, Oliva, o Café Moderno e o IES valle Inclán

Presentación do roteiro. |  FdV

Presentación do roteiro. | FdV

REDACCIÓN

Pontevedra

O edil de Cultura e Educación Demetrio Gómez presentou onte o «Roteiro dos institutos» que completa a programación do Ano Castelao e, da man dos equipos de normalización lingüística dos IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Xunqueira 1 e Xunqueira 2, percorrerá a cidade o vindeiro 7 de novembro.

Tal e como destacou o edil, «era imprescindible que se desenvolvese esta actividade na cidade, xa que Castelao foi profesor de debuxo do instituto de Pontevedra, o único que había daquela na cidade e agora temos 8 ou 10. Esta que presentamos é unha actividade na que colaboran alumnado e profesorado de seis centros de Pontevedra, representados por Irene Santiago e Fernando Pazos,dos equipos de Normalización Lingüística do IES Frei Martín e IES A Xunqueira 1, e alumnado do Frei. Organizaron un paseo pola cidade, centrado na figura de Castelao. Esta primeira experiencia está destinada a alumnado dos centros de ensino, que entre o alumnado implicado na organización e compañeiros convidados rondará os 80 ou 100 participantes. Un número moi elevado para un roteiro. Queremos destacar a importancia de sacar os proxectos educativos das aulas, xa que nesta iniciativa o alumnado é o protagonista, dando voz aos textos de Castelao».

Será o vindeiro venres 7 de novembro ás 12.00 horas co Museo de Pontevedra como punto de partida e contará con paradas nas prazas da Ferrería e Teucro, a rúa da Oliva, o Café Moderno e o IES Valle Inclán. O alumnado comentará en cada punto o vínculo dese lugar coa vida de Castelao e levará a cabo unha posterior lectura de textos, en moitos casos relacionados co lugar onde se fixo a parada. No caso do alumado do IES Frei Martín, que estudaron a Castelao o ano pasado, comentan que «esta iniciativa servIu para afondar máis na súa figura xa que non sabiamos da estreita relación de Castelao con Pontevedra, coñecer os sitios nos que estivo, etc. No noso caso, tocounos falar da rúa da Oliva onde Castelao viviu con Virxinia Pereira, onde escribiu moitos dos seus libros».

Tracking Pixel Contents