129 anos da Agrupación Socialista de Pontevedra
Guillerme Pérez Agulla
Este 17 de outubro cómprense 175 anos do nacemento de Pablo Iglesias Posse, un neno galego que, como tantos outros, se veu obrigado a emigrar para intentar saír da miseria á que os abocaba un sistema caciquil que mantiña a Galicia nunha absoluta pobreza e atraso, e a perda do pai. Un rapaz que se forxou nun hospicio de pobres de Madrid, aprendendo o oficio de tipógrafo entre abusos laborais, e formándose de xeito autodidacta. Estas vivencias moldearon ó líder obreiro que dirixiría o, hoxe, partido máis antigo de España, sempre preocupado por acabar co traballo infantil que el sufrira en carne propia e regular o traballo feminino, sabedor dos padecementos da súa nai.
Consciente da importancia de promover a unión dos traballadores para enfrontarse ó poder político, cun partido (PSOE), e ó poder económico, cun sindicato (UGT), para transformar a realidade da clase obreira e difundir a súa mensaxe creou un xornal, El Socialista, que aínda perdura, e realizou numerosas xiras por España, polo que chegaron a coñecelo como o apóstolo do socialismo. É precisamente exercendo este apostolado, cando recala en Pontevedra por primeira vez, o 8 de setembro de 1896, procedente de Santiago. Na estación de tren o esperaban numerosos e entusiastas seguidores e expectantes pontevedreses, como se foxe unha estrela de rock da actualidade, que o acompañaron ata a pensión onde se aloxou.
Pola tarde deu o seu primeiro mitin na localidade, no Teatro Principal (no que un ano despois se faría a primeira exhibición de cine na cidade), cedido polo señor Becerra Armesto. Estaba completamente abarrotado, polo que moitos asistentes tiveron que quedarse nos arredores do edificio. Abriu o acto Enrique Heraclio Botana, acompañado por membros do «Consejo Local de Trabajadores» quen lle deu paso a Iglesias, que se presentou como un obrero convencido, que vengo a enseñar a mis compañeros lo que sé. E o que coñecía era a loita de clases, como o desenvolvemento do capitalismo estaba provocando unha resposta social e levando a pequenos propietarios e homes de ciencia cara un socialismo que estaba crecendo en Europa. No queremos verter sangre, deseamos la evolución, advertiu para afastar a imaxe de ameaza coa que adoitaban retratalo os medios burgueses, como «La Unión» de Pontevedra, que criticou o discurso dun Iglesias que indicou que só querían chegar ós municipios, deputacións e parlamentos para facer as reformas necesarias.
A súa intervención rematou solicitando ós traballadores que se organizaran, algo que non tardaría en ocorrer, como xa anuncia «El Socialista» o 18 de setembro: El entusiasmo que han despertado entre los obreros las reuniones en que ha tomado parte Iglesias hacen presagiar que Pontevedra contará pronto con una Agrupación numerosa.
Antes de abandonar a cidade do Lérez, Iglesias deu un mitin no Centro Republicano (hoxe sede de distintos servizos da Administración do Estado), cun carácter máis económico. Pero a semente xa estaba plantada, froito de diversas reunións con dirixentes obreiros pontevedreses como Freigeiro ou Botana, en quen Pablo Iglesias veu á persoa coa capacidade de liderar o movemento obreiro en Vigo, o que faría uns anos despois, trasladándose á cidade olívica. De tal xeito que o 20 de outubro de 1896, se constitúe a Agrupación Socialista de Pontevedra. O seu primeiro comité quedou composto por: Fernando Freigeiro (presidente), Castor Rea (vicepresidente), Víctor Panivino (contador), Ricardo Vázquez (tesoureiro), Vicente Vidal (secretario), Leandro Aboal (vicesecretario), Felipe Arribas, Ángel de la Torre, Antonio Caramés, Juan Serans e Germán Rodríguez (vocais); os cales prometeron trabajar incansablemente por traer a las filas del Partido Socialista el mayor número de explotados, como se intúe pola aparición de novas sociedades obreiras nos seguintes meses, froito das conferencias que a Agrupación desenvolveu dando a coñecer o programa socialista por parroquias e lugares do Concello e da comarca. A correspondencia se recibía na Calle del Arco, 6, dirixida a Vicente Vidal, que fora elixido Secretario probablemente por ser un autodidacta autor de obras de teatro e poemas, o que lle confería uns coñecementos para a práctica administrativa.
En xaneiro de 1897, Freigeiro se veu na necesidade de emigrar a Brasil, pasando a ser o Presidente Francisco López. A marcha de Fernando Freigeiro foi moi sentida, xa que fora un dos principais impulsores das sociedades de resistencia existentes en Pontevedra e cercanías, destacándose polo seu liderado na célebre folga sostida polos canteiros contra o burgués Corbal, o que lle levou a visitar a cadea, e por ser quen máis traballou, trala visita de Iglesias, por crear a Agrupación Socialista de Pontevedra, que este ano cumpre 129 anos de existencia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Identificado por tirar a la calle una cama, 53 cajas de bebidas, 16 colchones y diez sillas en Sanxenxo
- La pleamar corta un tramo de la autovía de Marín e inunda el muelle de Pontevedra
- El fallecido en aguas de Loira es un vecino de Moledo de 68 años al que su familia echó en falta
- Huelga hoy en el sector de la construcción
- La Navidad, cada vez más adelantada
- Nueva fuga con conducción temeraria en Poio
- La pleamar invade la PO-11 y «atasca» todavía más la continuidad de su paseo
- Se investiga al dueño de un establecimiento de Caldas por venta de drogas