Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Campus Crea súmase ao Ano Castelao e afondará na sua obra e traxectoria co faladoiros e música

Promovidas xunto coa Aula Castelao de Filosofía, as xornadas serán o 16 e 17 de outubro e engloban relatorios e actuacións

Estatua de Castelao na cidade.

Estatua de Castelao na cidade. / Rafa Vázquez

Pontevedra

Coincidindo coa conmemoración neste 2025 do Ano Castelao, con motivo do 75 aniversario do seu pasamento, a obra e traxectoria deste escritor e político centrarán neste 2025 as xornadas Pensamento e Creación, que o Campus Crea promove xunto coa Aula Castelao de Filosofía. Co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a quinta edición destas xornadas terá lugar nas tardes do xoves 16 e o venres 17 de outubro, combinando novamente as conferencias con actividades creativas, como a actuación musical de A Pedreira e Alejandro Vargas e a proxección do documental As cruces de pedra na Bretaña (O retorno).

Baixo o título de Castelao, 75 anos despois, estas xornadas abertas á cidadanía arrancan o xoves 16 ás 19.00 horas, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, cunha conferencia do escritor Manuel Rei Romeu sobre a creación literaria de Castelao. Profesor de Lingua e Literatura Galega, Rei é especialista na obra do escritor e político e autor de diferentes libros sobre a súa figura, como o recemente publicado Castelao, desta terra e deste tempo (2025, Tempo Galiza).

Esta primeira xornada pecharase, ás 20.30 horas, cun concerto de A Pedreira, acompañada por Alejandro Vargas. Esta actuación permitirá coñecer o disco Segmento cantábrico, o primeiro que asina baixo este nome a compositora e intérprete Ugía Pedreira, quen fora integrante de Marful ou de Nordestin@s, e no que combina folk electrónico con poesía e palabra recitada.

Tras abordar a creación literaria de Castelao na primeira xornada, a sesión do venres abrirase, tamén ás 19.00 horas, cunha conferencia centrada na súa produción artística, a cargo do profesor e pintor Paulo Porta, quen desenvolveu diferentes investigacións sobre a creación artística deste persoeiro, na que se insiren estudos como o que centrou nos seu albumes de Guerra, recollidos en obras como 1937, Castelao e Souto en Valencia.

Este relatorio verase sucedido, ás 20.30 horas, pola proxección de ‘As cruces de pedra na Bretaña (O retorno)’, de Xoán Carlos Garrido. Profesor de filosofía e autor de diferentes estudos sobre Castelao, Garrido participou, como membro da asociación cultural Vagalumes, nun estudo colectivo sobre os cruceiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Tracking Pixel Contents